Persoeiros que destacaron máis alá dos ámbitos locais.

Fernando Freire Carril

Na foto superior, podemos ver a única referencia

que se atopa no pobo de Fernando Freire Carril.

Hai uns anos recuperouse o sartego.

Naceu a principios do XIX en Congostro de Limia, concello de Rairiz de Veiga. Segundo a tradición oral, veu para Seixalbo sendo mozo por problemas derivados de certos amoríos na zona da Limia.
Xa en Seixalbo, casa en primeiras nupcias con Rosa Vide, filla do derradeiro Xuíz de paz que houbo no lugar, e muller cunha boa herdanza de terras.
Foi o abandeirado da loita contra o Bispo e Cabildo da Catedral de Ourense polas rendas forais que en Seixalbo se seguían pagando. Lidera así un preito que durou vinte anos chegando a vender terras e gastar cartos de seu para facer fronte ós gastos do litixio cando se viu abandonado en certa medida por moitos dos veciños que con el emprenderan o preito. Soubo ser tenaz e a súa constancia viuse recompensada ó fallarse finalmente en Madrid a favor dos veciños.
Son moitas as lendas e anécdotas sobre este personaxe sobranceiro: sobre os seus tres matrimonios e a súa prole; sobre o preito no que chegaran a ofertarlle o seu peso en ouro se renunciaba a seguir adiante e convencía ós seixalbeses que deixaran de lado a cuestión; ou sobre a banda de música que costearon para que tocara no seu enterro e os vintedous curas que cooficiaron no seu funeral .
Foi alcalde de Seixalbo dende 1863 e ó longo de moitos anos e o seu nome figura ó pé de moitos documentos reivindicativos de melloras para o lugar no Concello de Ourense.
Morreu en Seixalbo con máis de oitenta anos e soterrado o seis de xuño de 1890.Os seus restos repousan nun sartego no cemiterio da Parroquia.

César Iglesias Freire

Foto de Cesar Iglesias Freire.

Traballador e viaxeiro incansable,

formou un imperio económico

na República Dominicana.

Na época de maior apoxeo da emigración a América, entre 1882 e 1914, saen cada ano dos portos de España con destino ó Novo Continente 150.000 persoas de promedio. A meirande parte deles voltaban cando tiñan aforrado para mercar unha casa ou unhas terras, pero non foi o caso de César Iglesias Freire.
Este seixalbés emprendedor din que foi á Guerra de Cuba decepcionado polas escasas posibilidades que lle ofrecía naquela época o modus vivendi familiar: a terra.
De Cuba emprede viaxe cara a República Dominicana, onde se establece e comeza en 1910 cunha pequena empresa adicada primeiro á fabricación de velas. Non tardou en ser un dos empresarios con mellor futuro.
Voltou de visita a Seixalbo nunha ocasión que a familia aínda lembra, pero de novo regresou á illa que lle ofrecera a oportunidade de triunfar.
Hoxe en día, ademáis de dar nome a unha longa avenida en San Pedro de Macorís, os seus herdeiros rexentan varias factorías de aceites, xabróns, deterxentes, pastas, conservas, etc. A empresa segue levando o nome que lle puxo o noso paisano: CÉSAR IGLESIAS CxA.
Aquí, en Seixalbo, a súa casa aínda aguanta en pé, na rúa de Abelardo Arce.

Manuel Antonio de Ochogabía

Naceu en Seixalbo o 24 de Decembro de 1744, fillo de Don Francisco de Ochogabía e Dona Manuela Fernández del Solar, vallisoletana, sendo bautizado polo párroco Don Álvaro de Lemos y Sarmiento e apadriñado por Antonio de Santás.
Estudiou en Ourense Latín e Humanidades, consagrándose ó debuxo para o que estaba dotado de excepcionais cualidades.
Foi alumno da Real Academia de San Fernando, onde se especializou en escultura. En 1760, cando só tiña 16 anos, outorgáronlle un segundo premio gañando por oposición a unha praza na Fábrica de Porcelana del Buen Retiro e en 1763 un premio de primera clase na Academia de San Fernando.
Morreu en Madrid, con só 25 anos, en plena época creadora.
A súa única obra coñecida é o altar da Virxe do Carme de Santa María de Melias, realizada en 1764: nel atópanse as imaxes da Virxe e ós seus pés San Simón e Santa Tareixa. Tamén son del as figuras de San Francisco e San Alberto así coma dous anxos que portan dúas bandas de seda bordada, á entrada da capela, e un Santo Cristo do Descendemento.
(Extractado do artigo de Enrique Bande publicado no Faro de Ourense con data de 31 de Xullo de 1994)

José e Emilio Guede Rodríguez

José Guede Rodríguez

José Guede é outro dos seixalbeses que emigra e morre en América. Naceu en Seixalbo o 9 de Novembro de 1888 e adícase por afección a tocar a gaita e o tamboril polas festas. Cando é aínda moi novo, marcha para Cuba. Alí traballou, coma tantos outros, no que puido; pero adícalle todo o tempo libre a estudiar música, a súa grande paixón.
Andando o tempo, os seus esforzos e estudios víronse recompensados ó ser recoñecido coma "o mellor timbaleiro de América".
Participou activamente na creación da Ópera Nacional de Cuba e creou e dirixiu a Coral da Saudade e a Orquesta Sinfónica de la Habana. Tiña amizade con importantes poetas galegos, entre eles, Ramón Cabanillas, de quen musicou poemas.
Morreu en Cuba o 15 de Xaneiro de 1939.

Emilio Guede naceu en Seixalbo o 12 de Marzo de 1892. Igual có seu irmán emigrou a Cuba onde pasou a formar parte da Banda de música de la Marina, da que chegou a ser subdirector co grao de tenente.
Foi profesor da Academia de Bellas Artes e compuxo un bo número de obras para banda.

Abelardo Arce Mayora

Abelardo Arce Mayora, a súa dona e a

casa familiar onde destaca unha placa

conmemorativa da homenaxe dos

veciños de Seixalbo alá polo ano 1935.

Abelardo Arce foi coronel do exército, de convicións republicanas, o que lle frustrou o ascenso ó xeneralato unha vez que os sublevados se fixeron co control da Nación. O seu pai, que destacara na Guerra de Filipinas, foi xeneral, e o seu fillo tamén o sería.
Estivo moi vencellado a Seixalbo, onde aínda se conserva a súa casa familiar intacta, alarde de progresismo e modernidade na época, con catro pisos de altura.
Sabemos que foi o impulsor para que se abrise unha vía de comunicación que unira o pobo coa estrada de Madrid; sabemos tamén que aportou para esta obra a cantidade de 1.750 pesetas de 1929. Ademais, na súa cabeza bulían importantes proxectos de mellora para a comunidade que lle valeron a homenaxe dos veciños no 1935, segundo reza a placa conmemorativa e dar nome precisamente á "Carreteira Nova": Avenida de Abelardo Arce.

Casa de Abelardo Arce onde se

pode ver a placa á que facemos

referencia

Imaxe representativa da homenaxe que a

Agrupación Cultural Agromadas adicou a

José Sánchez Paredes polo seu labor

desinterasada na divulgación da música

entre os veciños do pobo.




















José Sánchez Paredes


Nace en Seixalbo o 25 de Xuño de 1898. Estudia música nunha academia de Ourense. Á idade de 25 anos gaña por oposición unha praza de fliscorno na Banda Municipal de Santiago de Compostela. Anos máis tarde vén para Seixalbo e ingresa na Banda Municipal de Ourense.
José Sánchez, home de gran corazón, foi un desinteresado animador no eido cultural en Seixalbo: a súa casa sempre estivo aberta para quen tivera inquedanzas e afección. Formou un Coro-Rolda, que, seguindo a tradición dos anteriores mantense estable durante un periodo de bastantes anos, chegando a facer actuacións en Ourense e arredores con éxito. En Agosto de 1988 recibiu unha cariñosa homenaxe dos veciños.

Raúl Rodríguez Pazo

Raúl Rodríguez Pazo

Naceu en Seixalbo en 1931. ós oito anos comezou os seus estudios de solfexo co Mestre de Capela da Catedral de Ourense e formou parte sendo neno do Coro da Catedral. Posteriormente estudiou piano e harmonía con Antonio Jaunsarás.
Sendo moi novo, dirixiu a Schola Cantorun do Seminario. No ano 1955 accede ó cargo de Mestre de Capela da Catedral de Ourense, cargo que desempeña ata 1974.
Sumamente atraído pola composición, recibiu o encargo de compoñer a música para solemnizar a consagración do Bispo Miguel Araújo.
Finou no mes de Xullo de 1996, deixando un importante legado de composicións, das que un bo número están en lingua galega.





Anselmo Iglesias Vázquez


Anselmo Iglesias Vázquez

dirixindo a Coral Agromadas.

Nace en Seixalbo no ano de 1950 nunha familia de raíces musicais. Descubre a música como afeccionado e comeza a estudiala de mans de José Sánchez. Posteriormente cursa estudios no Conservatorio de Ourense onde adquire coñecementos en varios instrumentos (piano, clarinete, trombón …) así como de materias teóricas.
Dirixe varias bandas de música e funda e dirixe ata a súa morte, o 9 de Agosto de 1995, a Coral Agromadas de Seixalbo.
Durante os nove anos que estivo á fronte de Agromadas compuxo unha manchea de obras. Na súa lembranza a Agrupación Cultural Agromadas celebrou o Memorial Anselmo Iglesias Vázquez de Música coral galega de nova creación, Certame de Composición e Interpretación.


José Pereira

José Pereira acompañado de

amigos e veciños nunha romaría

popular das que se celebraban

no pobo por aqueles anos.

Desempeñou o cargo de concelleiro en Ourense alomenos en dúas ocasións, a primeira delas nos anos dez e a segunda polo 1934 e gracias ás súas xestións acométense as primeiras obras para dotar a Seixalbo dunha rede de sumidoiros.
Chegou a ser alcalde, tendo segura a data de 1916. Debeu o seu breve paso pola alcaldía a que foi, ante todo, un home de consenso.
Como veciño, a súa situación como político salientable non lle fixo cambiar o seu xeito de vivir actuando sempre coma un labrego honrado que pretendía defender as reivindicacións dos seus veciños na Cámara Municipal.








Seguimos traballando para recuperar aqueles persoeiros que pola súa adicación e profesionalidade, son merecentes de estar representados nesta sección do noso sitio web. Polo tanto, en próximas actualizacións, é posible que aparezan outras personalidades do pasado e do presente.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net