Volume 7 Número 2 Ano 2009
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
ÁGORA: UNHA PELÍCULA EVOCADORA
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Unha música un tanto nostálxica ponlle fondo e acompáñame mentras estou a lembrar a película Ágora de Amenabar. Foi a semana pasada cando a vin no cine do centro Ponte Vella. E debo afirmar que, aínda que non son un gran afeccionado ao séptimo arte, gustoume por varias cuestións. Tamén afirmo que non son un asíduo das salas de cinema. A última película que vin foi aquela Los Chicos del coro. E gustoume moito. E non foi somente pola música deliciosa que tiña. Foi tamén pola mensaxe que deixaba e que facía cabilar ao espectador de cómo non debía ser a educación.

Pero da película Ágora tamén saín impresionado positivamente, aínda que con certo sabor a tristura. Pois esta cinta lembroume as atrocidades que imperan cando os fanatismos e o pensamento único se impoñen sobre a razón e a pluralidade ideolóxica; cando estás obrigado a tomar postura de ser amigo ou de ser inimigo sen atopar outros termos que os hai. E as duras escenas trouxéronme o recordo sí, o tristeiro recordo, das historias que coñecín fóra do recinto escolar. Pois naquela escola sempre se falou moi ben do goberno imperante, da relixión que me inculcaron de neno e o seu pasado; falouse sempre ben, esaxerando, mitificando e ocultando verdades históricas como a da Santa Inquisición, ou a de que os españois foron colonizar Ámerica coa cruz, ocultando que levamos, na maioría dos casos, o saqueo e a morte. En fin, lembro con certo desasosego os avatares da guerra civil e gardo as imaxes do Nodo vendo ao Dictador baixo Palio. Son tantas as cousas que eu lembro que ao saír do cinema trouxen no corpo un certo grao de frustración que me acompaña aínda hoxe. Pois algo da miña vida se esnaquizou un pouco máis.

Pero debo afirmar que a película tamén me lembrou cousas positivas. Si, lembroume a clase de filosofía ás que asistín xa de adulto e das que gardo un grato recordo. Nelas aprendín a valorar o don da palabra; aprendín a contrastar as opinións e a poñer sempre diante calquera cuestión ou problema que tivera que resolver a valoración crítica en termos positivos. Aprendin a escoitar ao contrario e a presentar argumentos sólidos para facer unha defensa consistente e constructiva das ideas.

Pero, voltando á película, direivos que me gustou. Igualmente a presentación, á música, a imaxe, a contextualización e os decorados. Gustoume todo. No tocante aos actores o papel de Rachel Welsz encarnando a Hipatia é realmente fermoso e tenro. Pola contra o papel de Cirilo é duro, tiránico e amosa a dureza de cómo se impuxeron as ideas do pensamento único.

En fin, como dixen ao principio, esta cinta avivoume a memoria e tróuxome nostalxia ao lembrar o meu paso polas aulas. Pero tamén me trouxo tristura ao ver que os alumnos se deixaron levar polas cuestións relixiosas uns, outros pola oportuinidade política e o último pola caridade piadosa ao servizo da ideoloxía. Pensemos que matou á profesora para evitarlle unha morte máis dura, pero aínda que con dor, matouna. Mais era sabedor de que non era merecedora dese castigo imposto pola sin razón e o fanatismo.

Namentras escribín este texto escoitei o concerto número un de Felix Mendelson e agora que o remato escoito unha música triste da que descoñezo o autor, namentras sigo a pensar no poder do diálogo e a razón, fronte á barbarie e o fanatismo.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net