Volume 12 Número 1 Ano 2009
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
O CLUBE DE AMIGOS E FOLK CANTIGAS
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
O concerto celebrado durante as festas do Nadal que organizou Agromadas, e que estivo protagonizado pola Rondalla-Coro Alecrín da Asociación cultural da Troya de Ponte Canedo, tróuxome á memoria recordos dos bailes que nesa Asociación recreativa se organizaban e, tamén daquel outro concerto que tanto me marcou: o de Folk Cantigas. Desa e doutras experiencias habidas en Seixalbo tamén quero falarvos. Os recordos ferven no meu interior e lembro o pasado con cariño. Ai, quen puidera voltar a aqueles anos.

A década dos sesenta
Foi alá pola década dos sesenta. Si, a raíz da chegada duns seminaristas que viñeron a Seixalbo a axudar ao cura párroco don Antonio Álvarez. Aqueles mozos eran Arturo Fernández e Manuel Mera. Creo recordar que houbo unhas charlas, no Clube de Amigos que estaba na Casa Reitoral, sobre cine e outras cuestións que nos interesaban como mozos que eramos. O caso é que foi alí cando vin a primeira postal escrita en galego. Enviada por Arturo Fernández. Logo de organizar diversas actividades nas que tamén participou Aurelio Carracedo, foi cando nos propuxeron traer a cantar a Seixalbo a un grupo de mozos e mozas. E apareceu en escena Folk Cantigas que actuou no local parroquial e no que por certo cantaba e cantou ata que se desfixo o grupo, unha rapaza do noso pobo. Cantaron por primeira vez en galego para os veciños de Seixalbo, corría o ano de 1969.
Lembro tamén con certo cariño cando naquel concerto interpretaron unha cantiga que eu fixera, somentes que, acertadamente, lle mudaron a letra. A inicial era moi “bisoña”. Aquela cantiga chegou ás mans do grupo a través dun seminarista que viñera a tocar a Seixalbo. Non me lembro do seu nome. Pero el copiou a música que eu lle cantei acompañado da guitarra, e Lois Álvarez Pousa púxolle unha letra que viña a dicir:

Loitade, rapaces, rapaces galegos.
Que o vento só sabe mollar e mollar.
Loitade rapaces, rapaces galegos,
berrade ben forte a vosa verdá.

Indo pra Muros cantando
fixo en min bágoas o mare.
Cando topei mariñeiros
presos de eterno calare.
Meniños cos pés descalzos,
coa roupa negra afumada,
que polas noites traen ondas
mortes moi abafadas.


Non me lembro de todo o texto. Pero visto a día de hoxe certifico que estabamos todos metidos, case sen decatarnos, na chamada canción protesta.
Ben, sigo co relato do concerto. O certo é que aqueles trobadores cantaban cantigas nas que se falaba de liberdade. Acórdome dalgúns títulos e músicas: Esperta, rexión asoballada. Algo cheira a podre. Eu sei dun paisano labrego. Romance da feira. (Seica na feira de Xinzo as navallas se fenderon, un mozo loitou con outro, un probe e outro rico...). O grupo estaba composto por rapaces e rapazas e dirixíao un tal Nito Contreras. Uns eran seminaristas e outros estudantes de maxisterio. Unha anécdota que aconteceu en Seixalbo durante a actuación, tróuxome á memoria o feito rompente que tiña o grupo, pois aínda estabamos en plena ditadura franquista.
En Seixalbo o grupo presentouno Lois Álvarez Pousa. El falaba da necesidade de poñer ao ser humano no centro da realidade social, dos dereitos dos homes. Da liberdade, e de que arredor do ser humano xiraba a nosa vida. Aquela intervención case poética foi de súpeto parada polo cura párroco que lle dixo algo así:” Pero o home non pode facer nada sen a vontade de Deus. Deus noso Señor está por riba de todos!” O presentador, sendo consciente de que se podía armar unha polémica, contestou: “¡Evidentemente! Deus está sempre por riba de todos os seres humanos. O home sen deus non é nada”.
Creo que o cura párroco aínda non estaba moi ao día do fondo que querían transmitir aqueles mozos coas súas letras. Pero solucionada a preocupación de don Antonio, o concerto seguiu para adiante. E a raíz dese concerto, este que escribe, comezou a facerse preguntas relacionadas co uso do idioma, da condición de galegos, e moitas cousas máis.
Xa metido naquela roda recibín de Arturo Fernández un libriño cuns cantos en galego. El dábanolos para que os interpretaramos na Misa, onde Anselmo co harmonio e eu coa guitarra animabamos aquelas misas que tiñan un sermón de media hora larga. Si, aqueles sermóns onde o oficiante case rifaba cos fregueses. Posiblemente se alguén ve a serie Padre Casares darase conta de que o cura daquela era semellante ao padre Crisanto. E así, case sen decatarme, funme abrindo cara unha visión da realidade social e política moi diferente á que eu recibira naquela escola rural triste e autoritaria, onde louvabamos ao imperio e ao Caudillo; onde ignorabamos a nosa realidade idiomática e cultural. Máis ben, onde se nos facía sentir vergoña das nosas raíces.
Pero voltando ao tema de Folk Cantigas, debo afirmar que eu seguín ao grupo con certa envexa. E pasado un tempo, este grupo deu un concerto na Sociedade Artística da Troya da Ponte. Sociedade que se adicaba a facer bailes os domingos. Nin que dicir ten que para o concerto había certa expectación, pois despois souben, que naquel entorno estaban presentes moitas persoas das chamadas intelectuais, e que eran case todas antifranquistas. O certo é que por mor da censura da ditadura o grupo tivo que cantar algunhas cancións sen letra. Cantaban dicindo como texto: la, la, la, etc.
Pero ao rematar e marcharse a maioría do público o grupo, a porta pechada, cantou aquelas cantigas que espertaban a miña curiosidade. "Algo cheira a podre ao noso arrededor, cando lle cortan as alas ao paxaro pra non voar. Cando non se pode loitar polos demais..."
O grupo actuou en moitos lugares de Galiza, e na universidade Autónoma de Madrid que daquela era un fervedoiro político antifranquista. E pasados uns anos, desapareceu da escena. Segundo uns a depuración feita no Seminario obrigou a moitos a replantexarse a súa vida ao marchárense ou seren expulsados. Algún membro faleceu e outros ubicáronse fóra de Ourense e mesmo fóra de España.
O clube de amigos de Seixalbo, que nacera na Reitoral arredor da música, estaba formado por uns 20 mozos aproximadamente. Pasado un tempo da época do concerto de Folk Cantigas, transformouse no Teleclube de Seixalbo, que tiña a súa sede na praza Maior do pobo, concretamente na casa da familia Castro que mercara Agustín Gándara. Alí, durante un par de anos, fixo actividades importantes; lembro unha obra de teatro na praza e un concerto no que se cantou o himno galego, creo que era o ano 1973, aínda non morrera o ditador. Alí tamén atopou grandes problemas derivados da censura imposta polo titular da vivenda. Logo de ser expulsado dese local voltou para a casa reitoral, onde rematou na máis absoluta anarquía.
Agora, despois de case corenta anos daquel concerto, miro para o pasado e fágome moitas preguntas. Agora, que non estamos todos os que formamos o Clube de Amigos, invádeme a saudade sinto morriña do pasado tan distinto e distante do presente, e conto isto para que se saiba que en Seixalbo tamén houbo rapaces inquedos que disfrutaban rascando a guitarra, indo aos bailes, facendo excursións e soñando con que chegara a democracia.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net