Volume 8 Número 3 Ano 2007
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
SOBRE A DEFINICIÓN DE CULTURA
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
As palabras e o que significan, co paso do tempo e o seu uso, en moitos casos, inadecuado, fan mutar o significado inicial. E aquilo que antes estaba nítido e concreto, ao entrar no campo do que é subxectivo, muda de maneira significativa.

Se hai cincuenta anos a palabra cultura tiña unha forte relación coas ansias de saber, e coa reflexión, en definitiva con todo aquilo que deixaba un poso de ciencia que, posteriormente, era fonte de consulta e referencia, a día de hoxe, esa verba perdeu certa forza significativa por mor de que se aceptaron interpretacións sobre o termo cultural, que penso eu, pertencen máis ao campo da socioloxía e outros que ao cultural.

E iso lévanos a que as palabras tamén se prostitúen e se desprestixian. Falar nestes anos de Cultura xa implica cando menos atopar feitos chamados culturais que pouco teñen que ver co significado que inicialmente se tomaba como referente. Ou se se quere ao ampliar tanto o chamado eido cultural, a idea inicial perde bastante sustancia e con elo os obxectivos que perseguía inicialmente.

Con moita frecuencia escoitamos que en tal lugar se celebra a Semana Cultural e na programación comprobamos que o que se oferta, case sempre, son actos plenamente lúdicos e festivos, que nada ou pouco teñen que ver coa cultura. Claro, moitos dirán: as cuestións lúdicas tamén son cultura. Discutible. E se son cultura cabe dicir que con minúsculas. Tamén moitas veces nas tertulias aparece a frase: “a cultura do botellón”. Bueno eu entendo que a práctica do botellón como acto de grupo debe ser enmarcado dentro da socioloxía e o que del se derive, posiblemente no eido da orde pública, pero falar de cultura paréceme algo fóra de lugar. E así moitas referencias semellantes.

Posiblemente estea debuxando o chamado feito cultural como algo moi restrictivo e concreto. Até puidera entenderse como elitista. Pero se analizamos con certo sosego e preguntamos: Que é un feito cultural? A resposta, entendo eu, é que é aquel feito que deixa un poso que, é en certa medida medible, discutible e vale como referente do saber no futuro dunha sociedade.

En resume, cando se fala de cultura, teriamos que ter moito coidado pois, podemos caer no erro de meter no eido cultural a moitos termos e feitos que non o son. Unha persoa colaboradora cultural nesta cidade, afirmaba que, a ditadura do voto obrigaba a que en moitos concellos, por aquilo de ampliar a base electoral, no feito cultural se metan cantidade de actividades de dubidosa calificación como tales. E, pola contra, postérganse verdadeiros proxectos culturais de futuro. Non se trata de sacralizar ao feito cultural, pero promover o vulgar e mesmo o chocalleiro e chabacano á categoría de cultura non debera ser o obxectivo dos que supostamente promocionan a cultura. Penso que neste senso habería que, dende as institucións, promover actividades culturais estables. Quero dicir que, goberne quen goberne, se sigan facendo. E cando isto afirmo penso no que foi un referente da cidade: O festival da Canción do Miño. Pero miremos ao noso arredor e vexamos que fan noutras cidades. Na Coruña teñen o festival anual da Ópera, e o Mozart. Ademais de estar enganchada nos circuítos musicais e de teatro. Igual que Santiago. Lugo ten unha semana de música que xa a quixeramos en Ourense. E a cidade das Burgas, que ten, salvando o festival de cine? Eu diría que case nada.
Cando a cultura camiña en función dos resultados inmediatos e o conseguinte rédito electoral, é que algo non está funcionando correctamente. Neste 2007 houbo un gran ciclo musical, montado con moi poucos cartos. Foi o ciclo de concertos que se organizaron para celebrar o 50 aniversario da fundación do noso Conservatorio. Bo momento para lanzar o festival de música. Pero vexo que non vai a ser así. Neste Ourense “pueblerino”, gástanse importantes cantidades de cartos para manter equipos deportivos fantasma, e con moito menos podíanse facer outras actividades que si promocionarían a cultura e a cidade.

En fin, que nin todas as festas son cultura, nin a verba cultura debe ser empregada tan á lixeira. Cada cousa no seu sitio, e se así se fai, axiña os proxectos culturais serios e de futuro poden florecer nunha sociedade tan pouco dada á reflexión e tan lixeira empregando termos que levan á confusión e deformación do que significaban orixinariamente.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net