Volume 5 Número 3 Ano 2006
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
REFLEXIÓNS SOBRE A PRIMEIRA FESTA DA EXIMICIÓN DOS FOROS
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Foi para Agromadas un reto importante e para min unha teima permanente afrontar a organización da Iª Festa da Eximición dos Foros. Tamén, e todo hai que dicilo, esta primeira edición foi un éxito rotundo, tanto na participación de público como na organización do evento cultural, cuestión que aos membros de Agromadas nos anima para seguir mellorando e enfrontando retos semellantes nun futuro próximo. Pero, con todo iso, sempre debemos deixar un espazo para a reflexión e a autocrítica, pois sen ela endexamais poderemos mellorar e cumprir as expectativas e os obxectivos que nos marquemos nun futuro máis ou menos inmediato.

Coñecer o pasado

Coñecer o pasado dos pobos e lugares sempre é importante. A historia, a maioría das veces, esquece a vida cotiá de moitos lugares, pobos e aldeas. Este foi o caso de Seixalbo que, por estar preto da cidade das Burgas, o seu pasado quedou atugado e non existía. E así cuestións tan importantes como o Xuízo dos Foros de Seixalbo morrería no esquecemento máis absoluto de non ser por iniciativas como a que tomamos en Agromadas.

O valor da tradición oral

Souben deste asunto dos foros e rendas, e do xuízo onde veciños de Seixalbo, liderados por Fernando Freire Carril, se enfrontaban ó Bispo e ó Cabildo, escoitando o que me contaba o finado Luis Cid Rivo e as miñas tías Concha e Erundina Vázquez. Isto deume pé a indagar e acceder aos documentos orixinais sobre o suíxo que se gardaban na casa dos meus avós, nun moble vello que dormía nunca palleira da casa. A laboura de investigación na que interviron Marga Seara e Elena González permitiu que logo apareceran moitos máis datos. Un día falaremos deles, pois valen para ilustrar tamén o abandono dos líderes, unha vez conseguida a reivindicación tan ansiada.
E desta maneira o interese no tema foi tomando corpo. No ano de 1992 decidín facer un resumo e escribilo en versos coa intención de publicalo no boletín Torrevella para que despertara o interese do vecindario de Seixalbo. Pero a triste realidade é que o asunto pasou case desapercibido, o que supuxo para min unha certa desilusión.

A decisión de facer a Festa

Non lembro a data concreta; creo que foi no 2002, despois de varios intentos fallidos, a Directiva de Agromadas, aceptou facer a mencionada festa, propoñendo como lugar a Praza do Cabildo e a data o 1º de Xullo. E con moita ilusión e poucos medios, aínda que coa colaboración inestimable de Nati Borrajo que fixo os textos e de Amelia González que dirixiu a escena, un grupo duns corenta veciños, aproximadamente, puxémonos a camiñar. Nin que dicir ten que nesta tarefa a colaboración da Concellalía de Cultura do Concello de Ourense foi importante, cuestión que agradecemos. O programa que se levou a cabo foi o seguinte:
Unha conferencia sobre os Freires en Seixalbo, impartida por Emilio González.
Colocación dunha placa na casa que fora de Fernando Freire Carril, principal impulsor da loita contra os foros.
Representación teatral do Xuízo feita polos veciños do lugar.
Actuación de Xestreu, grupo de Cantareiras afincadas en Seixalbo.
Queimada popular.


Unha festa diferente

Como xa reseñei ao principio a participación foi realmente moi importante. Eu diría que foi emocionante dende o descubrimento da placa na rúa dos Barreiros, até ver na praza do Cabildo sentadas a familias completas todas expectantes e moi ledas polo ambiente de unidade e festa e polo que se facía na escena case de maneira improvisada.
Segundo dicía con gran expresividade ao principio da representación Marga Seara, estabamos todos xuntos a rememorar unha festa que se celebrara no mesmo mes no ano de 1859. Iso era así, pero parellamente, o que estabamos facendo era alumar unha festa que tiña unha esencia social e aportaba formas novas. Que festexaba o logro dunha reivindicación social que lograra un pobo tras vinte anos de loitas e sufrimento. Non estabamos nunca festa que partía dunha tradición religiosa; non había orquestras, nin pidichas de cartos; tampouco había grandes megafonías, nin músicos cantando en inglés. Igualmente non había procesións ao uso. E quizais a principal fora que os protagonistas reais eran os veciños do lugar. Estes convertíanse uns en actores, outros en músicos e cantores; outros en realizadores e directores de escena; e así case sen medios viaxabamos no tempo e parecía que estabamos no século XIX. Pero o certo é que en realidade había edificios fronte a todos nós que si foran o lugar onde se recollían os tributos: falo da Tenencia. Estabamos pois no marco físico adecuado: a Praza do Cabildo e por extensión o núcleo de Seixalbo.
Realmente a tarde dese primeiro de Xullo foi para todos os veciños de Seixalbo unha tarde leda onde se escoitaron as falas doutro tempo, asuntos e cantigas que lembraban a miseria, os trabucos e os privilexios que tiñan as autoridades eclesiasticas. Elas loitaron contra un pobo que quería quitarse o xugo que era unha pesada carga: o pago de 500 mois de viño para manter ao Bispo e á Curia episcopal.

Novas cuestións para estudar

Houbo máis cousas que a min me gustaría resaltar, pero penso que, dende a humildade, é o momento de ir pensando na segunda edición para a que propoño algunhas ideas:


  1. Necesitamos implicar a máis xente neste proceso e para eso é necesario crear unha comisión organizadora e empezar a traballar con tempo baixo un guión preestablecido.

  2. Igualmente é necesario implicar a máis xente para decorar o pobo e ataviarnos todos de maneira semellante a como se vestía no século XIX

  3. Hai que barallar a posibilidade de incorporar novidades na festa(…) pero rematando sempre no Cabildo coa representación.

  4. Hai que estudar a posibilidade de crear un premio anual  aberto a persoas e institucións que mellor defendan a cuestión pública. O premio chamaríase Fernando Freire Carril.



Por último, en Agromadas debemos pensar que todo o que fixemos estivo ben, pero que é bastante mellorable. Penso nos actores e nas chuletas; a posta en escena; a música e os cantantes; o folleto divulgativo; e moitas outras cuestións tan necesarias para acadar facer unha festa como esta, dar a coñecer Seixalbo en toda a provincia, Galiza e alén das nosas fronteiras e disfroitar creando pobo e borrando todo tipo de división entre as xentes do noso lugar. En resumo : facendo cultura.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net