Volume 9 Número 1 Ano 2008
Autor:Mª Elena González Iglesias
TER SAÚDE, ESTAR ENFERMO
Autor: Mª Elena González Iglesias
Galego
Os que pertencemos ó primeiro mundo, vivimos nunha sociedade que se di do benestar, temos a maior esperanza de vida de todas as épocas e, teoricamente, gozamos de máis saúde cos nosos antepasados. Pero o caso é que nunca houbo tantos enfermos nin tantas enfermidades coma agora.

Os sistemas de saúde de todo o mundo civilizado están desbordados, con grandes listas de espera para consultas médicas e os hospitais non dan abasto para atender os doentes que terminan ingresados nos corredores das urxencias ou nalgunha sala preparada para a ocasión. E a cousa non mellora aínda que se aumenten o número de médicos e medre o número de camas nos hospitais; o efecto e xusto o inverso.

¿Como chegamos a isto?

Os nosos avós ían ó médico cando estaban enfermos, cando se sentían enfermos. Eles decidían se aquilo que tiñan podía ser unha doenza, se tentaban primeiro algún amaño caseiro ou se debían consultar a un médico.

Pero iso hoxe é impensable. Eu non son quen para decidir se estou sa, e vostede tampouco. Pasamos a nosa vida nos médicos, facendo controis de saúde, probas, para previr un cancro, unha carie; para que nos digan se estamos preñadas, se temos unha gripe, se esa tristura que arrastramos hai tempo é unha depresión... E necesitamos que uns profesionais nos ensinen a manexar cousas que antes se aprendían na familia (unha nai a dar o peito ó seu fillo, por exemplo).

Os avances científicos vividos dende o século XIX, máis aínda no caso da ciencia médica, fixeron pensar que non habería límites, que case todas as doenzas podían ter remedio. E o médico pasou a ser o garda da saúde. Un exemplo diso, pero hai milleiros, é un libro coordinado polo Dr. Swartout que tivo moita difusión internacional e que en España se publicou en 1959 co título El nuevo consejero médico; ía destinado ó público en xeral e no prólogo os editores din cousas coma esta: Insatisfecha con las normas de curación tradicionales, la ciencia médica se esfuerza por evitar la enfermedad y poner al hombre a la altura de los principios evolutivos y las prácticas progresivas que crean y mantienen la salud... Lo mejor del conocimiento conquistado mediante sus penosos trabajos [de médicos e cirurxiáns, homes de ciencia e investigadores de laboratorio] se ofrece en estas páginas para ayudarle a saber qué hacer y cómo vivir...

A modiño, pero sen pausa, foise creando unha dependencia que agora é enfermiza e se quere atallar. Por exemplo, dende fai algúns anos, cada inverno as autoridades sanitarias teñen que esforzarse (con pouco éxito, por certo) en concienciar a poboación para que non enchan as consultas de atención primaria e as urxencias dos hospitais, cando só se ten unha gripe sen ningún tipo de complicación. Pero ¿por qué pasa iso? ¿quén nos fixo tan inútiles?

Hai xa 33 anos (en 1975) Iván Illich, un recoñecido pensador austríaco, escribiu un artigo titulado Los límites de la medicina no que cuestionaba o monopolio médico sobre a enfermidade e a saúde e reclamaba un control político para evitalo. Dicía que é un erro medicalizar a saúde, porque: Cuando en una sociedad es sólo el médico quien está capacitado para saber lo que es enfermedad, si sólo él puede saber quién está enfermo... entonces la enfermedad ha perdido sus límites... Donde, como en la República Federal, haya cuatro veces más situaciones de enfermedad al año que habitantes, podemos decir que ya se ha enajenado la salud.

Ese mesmo ano escribiu o seu libro Némesis médica no que advertía do perigo da medicina institucionalizada que describía coma unha ameaza para a saúde da poboación.

Tres décadas despois, son moitos os que xa pensan o mesmo; na súa excentricidade, non estaba tan falto de razón. Un exemplo, agora hai moitas voces que reclaman engadir vida os anos porque ata hoxe os avances médicos só conseguiron engadir anos a vida pero, en demasiados casos, cheos de dor e sufrimento.

Conviría traballar por conseguir menos intervención médica na saúde e máis educación saudable. Incluso na enfermidade o doente ten que ser o máis autónomo posible, só así consegue o maior grao de benestar. Temos o caso dos doentes diabéticos: a educación para coñecer o manexo da súa enfermidade e do seu tratamento, permítelles unha mellor calidade de vida e diminuíu nunha gran porcentaxe as consultas ó médico e os ingresos hospitalarios por esta doenza. Por aí deberían ir os esforzos..

Ademais e, coma dicía un gran médico e sabio galego, o doutor García-Sabell, os médicos – el prefería chamalos curadores- tiveron e teñen dúas arelas: sandar os doentes e entender qué é iso que se chama doenza... No tempo que levan os curadores a traballar, que son séculos e séculos, adiantaron moito na obriga inicial. Sandar, sándase a eito, sándase case todo. En troques, as luces aínda son poucas encol do que sexa, no fondo, unha enfermidade.

Toda ciencia ten uns límites e a medicina non é unha excepción. Nin ela pode ofrecer, nin se lle pode pedir, outra cousa que o que pode dar. Hai males que non son enfermidades, para os que non é bo aplicar tratamentos médicos, porque non os remedian e converten a persoa no que non é: un doente. E a vida humana ten un final, a morte é inevitable e non ten cura; prolongala de xeito artificial, sen esperar mellorar a situación da persoa, non pode ser unha práctica consentida.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net