Volume 5 Número 3 Ano 2006
Autor:Mª Elena González Iglesias
O coidado das mans. Consellos para a muller en 1935
Autor: Mª Elena González Iglesias
Galego
Teño nas mans unha revista do ano 1935, a edición económica de “Blanco y Negro” do domingo 10 de febreiro. Merqueina nunca feira de antigüidades xa fai uns meses. Sentín curiosidade porque era do ano anterior á Guerra Civil, do último ano en democracia (moitos dos seus lectores xa non puideron vivila outra vez en España) e quixen saber que noticias contaba e que publicidade incluía.

Chamáronme a atención, cecais por ser muller e enfermeira, os artigos e os anuncios dirixidos ás mulleres e ós temas de saúde (hai unha morea de anuncios de remedios para a tose, a anemia, para os callos, para as almorrás).

Hoxe pareime na primeira páxina, nun artigo titulado “Carta para a muller. O coidado das mans”. Son consellos para ter unhas mans delicadas, suaves, lisas e brancas, coma marcaban os gustos da época.

Dende logo, a revista chegaba a poucas mulleres, todas dunha posición social e dun nivel económico máis ben altos; pero das que a lían, máis dunha seguirían os seus consellos. Pensei que era interesante ver o que dicía e lin o artigo.

O autor ou autora -só firma coas siglas- propón uns tratamentos a base de cremas, pero tamén outros máis agresivos, de tipo médico. Vexan algúns exemplos:

Para ter unhas mans brancas e lisas, aconsella lavalas con auga tibia e xabrón de lanolina, usando un cepillo e pedra pómez, e utilizar unha solución de antipirina (40 gramos), auga destilada de rosas (300 gramos) e glicerina neutra (100 gramos).

Para a noite, propón cubrir as mans cun preparado feito de fariña de améndoas (40 gramos), lanolina (15 gramos), aceite de améndoas doces (20 gramos) e unha xema de ovo fresco; despois botarlle unha capa de fariña de millo e talco, e cubrilas cunhas luvas anchas toda a noite. A muller que decidira seguir ese consello tiña que ter moito tempo para dedicarse, moita paciencia, alguén que a axudase, ou moito xeito para untarse, e ningunha urxencia que atender ate a mañá! (Iso é o que eu penso)

Para as mans inchadas, moradas, húmidas e frías, aconsella ir ó médico para recibir tratamentos a base de iodo, arsénico ou extractos glandulares. E para a suor excesiva recomenda preparados a base de tanino ou alume, pero di que o único remedio eficaz é a radioterapia. Fíxense vostedes que salvaxada!
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net