Volume 8 Número 3 Ano 2007
Autor:Andrés González Seara
CATRO
Autor: Andrés González Seara
Galego
A noite era fría e ulía a pánico. Os catro amigos chegaron cada un polo seu lado, correndo e esgotados. Un deles meteu a man nun saquete que levaba e sacou un obxecto pequeno e dourado.
-Velo aquí está! Atopeino! O amuleto da segunda vida! Agora os tres agarrarédesme do brazo e eu xiro a rodiña do amuleto para asegurarnos de que todos entraremos na roda da nova vida; se a alguén de nós lle ocorre algunha cousa, os demais daranlle unha segunda volta á roda. Entendido? Pois veña, non hai tempo que perder.

Tres dos rapaces agarraron ao cuarto polo pulso da mesma man coa que el xiraba a rodiña. Un destello verde saíu do amuleto. De socate, nese preciso instante chegaron os gardas que se abalanzaron sobre eles. Aínda non tiveran tempo de reaccionar e un dos amigos xa estaba no chan cunha ferida no ventre: ao tempo que o sangue saía pola súa boca deixaba saír tamén o seu derradeiro alento.
-Quen son estes e por que nos atacan? -Tivo tempo de preguntar outro dos rapaces.
-Síntoo, respondeu o primeiro. Deberon descubrir que eu roubei o amuleto de palacio.
Foi o último que puido dicir antes de caer a terra degolado.
-E o amuleto?! Onde está?
-Tiña...
Non tivo tempo de rematar a frase. Un acertado golpe na testa fíxoo caer contra unha rocha que fendeu o seu cranio. Ao cuarto non tardaron máis de dous segundos en romperlle o pescozo. Os gardas montaron nos cabalos e marcharon sen sequera tocar os corpos dos mozos.

20 de agosto de 2007
-Señor, achamos catro esqueletos humanos. Aparentemente son varóns, xoves. Os restos poden ter aproximadamente mil catrocentos anos de antigüidade e polo que sabemos deica agora, foron asasinados: un deles ten unha gran fenda no cranio que lle causou a morte, ocasionada posiblemente ao caer contra a pedra que hai debaixo da súa cabeza. Por último, dicir que non foron movidos da posición nin do lugar no que morreron.
-Moi ben. Bo traballo. Xa estou a ver os titulares. Xa pode retirarse, McGarnigan, e lembre: quero o traballo rematado o mes que vén.
William McGarnigan saíu sen erguer a cabeza da tenda de campaña. Era un rapaz tímido, louro, con lentes e mal afeitado; era moi traballador e estudoso, ademais dun “jacker” do ordenador. Estaba naquela escavación grazas a unha bolsa de especialización en arqueoloxía. Non comprendía como o xefe era tan arrogante e fachendoso cos novatos. Pero tratábase dunha compañía particular movida por quen sabe que intereses escuros. Pero nese momento o único que lle interesaba era investigar os ósos achados. Quedou fitando os esqueletos que aínda non foran levantados. Todos os catro foran asasinados; as sinais eran evidentes: unha fractura de cranio, marcas dun coitelo nunha vértebra, dislocación cervical... o cuarto, pola posición semellaba que fora acoitelado no abdome. Pero por que aquel masacre. Sería un atraco? Seguiu escavando e limpando coa vasoiriña ata que observou que un dos esqueletos tiña un obxecto de ouro na man. Colleuna con moito coidado. Era ouro, sen dúbida, polo tanto o móbil do asasinato non podía ter sido o roubo, porque ningún atracador mata a ninguén para deixar tiradas as xoias. Tiña que descartar esa teoría e partir de cero. Non había restos de ningún tipo que permitisen deducir que aqueles mozos fosen de clase alta, así que, podían ser eles os ladróns asasinados polos servidores do dono da xoia. O que non quedaba claro en ningún dos casos era por que os asasinos non levaran o obxecto de ouro.

Examinouna ben: era redonda cunha peza tamén redonda no centro que en teoría debía xirar, pero estaba atoada polo tempo e a intemperie. Non destacaba nada máis nela, pero a medida que a ía limpando con coidado puido ver nela gravado un símbolo que semellaba unha folla de castiñeiro. A primeira vez que vira este símbolo fora nunha copa no Museo; un dos primeiros días, ao comezar esta escavación atopárao de novo gravado nun penedo, e chamoulle a atención. Colleu o todo terreo e dirixiuse cara onde estaba esa pedra, no lugar onde se situaban as ruínas do antigo castelo. Baixouse do coche, viu a pedra inscrita e quedou un bo anaco mirándoa detidamente. Non tiña nada raro; o extremo da folla apuntaba cara unha morea de penedos que se mantiñan en pé uns sobre outros desafiando as leis da gravidade. Entre os ocos que deixaban medraban algunhas árbores centenarias. Dirixiuse ata alí e despois de pasar un anaco inspeccionando, conseguiu meterse nunha fenda entre dúas rochas, pero alí remataba, non atopou nada; dirixiuse a outras gretas, todas elas cheas de follas podrecidas, pero tamén eran ocos cativos e sen nada que chamara a atención. Ata que atopou unha fenda que daba acceso a un oco máis profundo e estreito. Colleu a lanterna. O buraco era perfecto para acochar algo, ou mesmo alguén. Ao fondo había unha arquiña metálica. Coa emoción deu un chouto pegando coa cabeza contra o penedo. Arrastrou a arca que pesaba bastante e meteuna no coche.

Ao chegar ao laboratorio entregou a arca aos seus compañeiros e explicoulles onde e como a atopara, pero en ningún momento mencionou a estraña peza de ouro que lle fixera recordar a folla de castiñeiro do penedo. Dispuxéronse a abrila. O pecho estaba atoado pola ferruxe e levoulles un anaco abrila sen derramala: eran arqueólogos. Dentro había un escrito e puxéronse a traballar para poder descifrar o que alí estaba escrito pois a humidade e os séculos fixeran un gran estrago.
Dúas semanas despois os esqueletos estaban repartidos polos departamentos de arqueoloxía de diferentes universidades. Will e os tres compañeiros estaban rematando de descifrar o deteriorado pergameo. En resumo dicía que a pedra da segunda vida fora roubada do gran palacio, o máis espléndido e fastoso do mundo, o castelo do rei Rifcly. Esa peza era a que daba esplendor e protexía o castelo. Cando foi roubada tan só bastaran uns minutos para que todo el se desamoreara quedando reducido a cascallos e as persoas e obxectos que se atopan dentro nese intre foran reducidas a cinzas. O autor dos pergameos e outros gardas lograran sobrevivir ao derrubamento porque se atopaban fóra nese momento.
Ao rematar a traballosa lectura, Will e os seus tres amigos volveron ao lugar onde atoparan os catro esqueletos. Will levaba consigo, no peto, envolta cun pano de veludo negro o seu achado secreto. Sacouno con coidado e emoción.
Os compañeiros comezaron a preguntar, pero el atallounos: logo! Despois cóntovolo. Con xestos case rituais e sagrados deu a volta á rodiña que tiña unha folla de castiñeiro gravada. Nese intre, saíu un gran destello de luz verde.

Ao día seguinte houbo un gran rebumbio nos departamentos de arqueoloxía das catro Universidades que estudaban os restos humanos da escavación: todo eran chamadas da policía e das empresas de seguridade: durante a noite desapareceran os restos dos catro cadáveres, sen que as portas foran forzadas, sen que saltasen as alarmas.
Will e os seus compañeiros soubérono pola radio antes de comezar a recibir tamén eles chamadas e visitas da policía. Estaba claro que algo extraordinariamente poderoso encerraba aquel amuleto: o proceso da morte fora invertido? E de ser así, onde estaban agora os catro mozos que foran asasinados?

Abril de 2007
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net