Volume 16 Número 3 Ano 2014
Autor:Amelia González Iglesias
Con Adolfo Zon
Autor: Amelia González Iglesias
Galego

Hai situacións difíciles de explicar, é preciso vivilas, sentilas, e máis cando o marco no que se desenvolven corresponde a unha sociedade tan diferente á nosa, moito máis espontánea, alegre, participativa, coas emocións a flor de pel, que busca o contacto físico, os abrazos, o sorriso; formada por xente humilde que goza e fai gozar.  Este é o ambiente de Abaetetuba, Diocese na que exerceu Adolfo como párroco de diferentes parroquias, deixando nestas parroquias e na diocese  unha forte e positiva pegada.


A pesares de que o seu destino agora estaba en Belém, foi en Abaetetuba onde tivo lugar a súa Ordenación Episcopal o día oito de novembro de 2014, tras ser nomeado polo Papa Francisco como Bispo Coadxutor da Diocese de Alto Solimoes-AM.   Actuou como Ordenante Principal Don Flávio Giovenale, bispo de Santarém-Pa e como Ordenantes Don Alberto Taveira Correa, Arzobispo de Belém-Pa e Don José María Chaves dos Reis, Bispo de Abaetetuba-Pa.  

A cerimonia tivo lugar nun ximnasio preparado para a ocasión. Unha cerimonia solemne e sinxela, moi participativa, preparada con moito entusiasmo polos fregreses que sentían a necesidade de expresar o que Adolfo significou  para eles e como o recordarán…

Cerimonia emocionante,moi emocionante,polo ambiente caloroso que se respiraba,  por Adolfo tan expresivo e natural, por sentir a Seixalbo cerca a través das ondas, por o grupo de ourensáns que o acompañábamos neses momentos e nos sentíamos representantes de tantos amigos que Adolfo ten,  por ver a Adolfo onde se merece…

Hai moitos   momentos inesquecibles da cerimonia: a APARICIÓN de ADOLFO no recinto entre sacerdotes e bispos, xunto con outros membros da comunidade que á vez que solemne, facían que o momento resultase moi entrañable.  Cando Raquel, con moita enteireza  lle  ENTREGA o ANEL a Adolfo.  A LECTURA da MENSAXE de SEIXALBO por o D. Adelino Álvarez Gayo. A PARTICIPACIÓN no CORO por parte de Luís e Raquel para cantar “Un caxato para o camiño”, peza creada por A. Fernández León,  Párroco da Valenzá, que Adolfo levara e ensinara aos seus fregreses, con anterioridade.   E como non,   A SESIÓN DE FOTOS despois da cerimonia. Todos querían unha foto con Adolfo que pacientemente pousaba unha e outra vez, cuns e outros, co sorriso de sempre...

Adolfo é unha persoa única. Asombra a súa vitalidade e dinamismo que entrega ó servizo dos demais con xenerosidade e alegría. É camaleónico, adaptable a tódolos ambientes e situacións, poñéndose ao nivel dos que o rodean con humildade e naturalidade. Con igual naturalidade e nobreza,  podemos ver a Adolfo celebrando misa, que nun escenario cantando e movéndose, “cual roquero”; tratando aos seus superiores e compañeiros, que atendendo e saudando ao último fregrés, sen diferenza.   Saca tempo para todo e para todos.  Por ser como é, polo que transmite e fai,  estou segura que  el e XESÚS son cómplices!

Grazas Adolfo polo que nos fixeches vivir durante os días que compartimos contigo, pola túa dedicación dende que chegamos ata a despedida, sen case notarse o que tiñas entre mans,como se o estar con nós fose o teu único obxectivo neses días. Incrible!    Sentín paz…
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net