Volume 14 Número 2 Ano 2013
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
O 2013, UN ANO POSITIVO PARA AGROMADAS
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Estamos a piques de pechar un ano máis da existencia da Asociación Cultural Agromadas. Como sabedes esta naceu no ano de 1987 como agrupación Coral As Agromadas,  si ben dende o ano 2001, ó desaparecer a Coral, converteuse en Asociación Cultural abranguendo novas actividades que lle deron a entidade unha nova proxección en Seixalbo, na cidade e mesmo a nivel galego coa posta en marcha do premio Freire Carril que xa vai pola 5ª edición.
Pois ben, este ano que esta case rematado, deixou, ó meu xuízo, un balance moi positivo pois, non so acadamos ás metas propostas ó comenzo do mesmo, se non que o espazo cultural que cubrimos, sobre todo en Seixalbo vaise ampliando así como o recoñecemento polo calendario de actividades ben organizadas e sobre todo novidosas que facemos.
Lembrarei as actividades que neste ano realizamos: ademais do magosto,  en decembro do 2012,  organizouse unha conferencia  sobre as Labras Heráldicas. Nese mesmo mes, tentando recuperar unha tradición de Seixalbo, celebramos o Parrafeo, o cal foi escrito  e lido por Marga Seara; nesa celebración houbo  cantos e pasouse un tempo distendido cos asistentes. Tamén editamos o Calendario da Asociación cunha foto de Seixalbo obra de Antonio Fernández Senra. Xa en febreiro colaboramos co Concello para a celebración do concerto incluído no festival Pórtico do Paraíso  e que deu o grupo de Eloquentia.
Nos seguintes meses, contando coa colaboración De Xosé Carballido Presas, técnico Agrícola  da Xunta e especialista en viños, realizáronse dúas conferencias. A  primeira foi sobre O VIÑO EN GALICIA ANTES E DESPOIS. A segunda foi unha  Charla e cata. As dúas seguidas con sumo interese polos asistentes.
Realizamos, en Xullo a Festa dos Foros e entregamos o premio Freire Carril nesta edición ó Fiscal Superior de Galicia, Don Carlos Varela.
Fixemos a excursión e xantar a Ribeira Sacra visitando  ademais de paraxes e monumentos dúas Adegas. Foi un día sumamente interesante.
Organizamos a presentación en Seixalbo do grupo de música antiga HERBENS CONSORT. Concerto que foi un rotundo éxito ben pola calidade do grupo así como pola asistencia de xente ó mesmo.
Fixemos o Magosto tradicional, nesta ocasión comemos ó ar na Aira de Penouzos. E organizamos a exposición 500 moios de viño, xunto coa colaboración do Outono fotográfico. Nela recóllense fotos do que fora a festa dos Foros do mesmo ano.
Ademais do referido fixéronse melloras no local social realizadas.
Como conclusión foi este un ano positivo para Agromadas que aumenta o número de socios e apuntala a súa presenza en Seixalbo con  proxección en toda Galicia.
Feliz Nadal e que o 2014 veña cheo de boas novas.
 

 

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net