Volumen 13 Número 1 ano 2013
Autor:Óscar Soto Fernández
Unha representación do deus Lugh
Autor: Óscar Soto Fernández
Galego

Nas últimas escavacións na parte baixa do castro de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), nunha casa do período galaico-romano apareceu en xullo de 2012 unha pequena raedeira duns seis centímetros, un instrumento en cuarcita para esfolar animais. Nela chama a atención a gravura con buril dunha figura colocada diante dunha árbore acompañada duns signos que nós interpretamos como grafías, cousa que sería unha novidade polo mesmo feito de encontrar algo escrito no ámbito do mundo castrexo ou galaico-romano, e por dar nome á figura, un deus claramente céltico, cousa que tamén daría a volta a moitas teorías. Vexamos unha imaxe, unha fotogradía tirada sobre o painel informativo colocado na zona.


A imaxe é de moi má calidade, con todo é a única de que dispoñemos. A esquerda logo se observan tres signos que, cuando comparados con outros semellantes da escritura ibérica, escritura de orixe grega que combina signos silábicos e fonéticos, é fácil ler o seu significado.



O primeiro signo representa /l/, o segundo representa a sílaba /ki/ ou /gi/, e o terceiro é o fonema /s/. Polo tanto, concluímos como primeira apoximación, que estamos ante a teónimo: L-GI-S, ou sexa, LUGIS, forma local do teónimo xeral céltico LUGH, cuxo nome aparece espallado pola toponimia europea: Lugo, Lyon, Leiden ou Ligüerre, e mesmo conservado na épica medieval galesa baixo a forma do heroe Lleu Law Gyffes, ou sexa Lleu (= Lugh) o da man hábil, clara alusión, pensamos nós, á súa capacidade para o manexo da funda. Trátase dunha divindade solar (observamos raios de sol na cabeza), asociada aos bosques sagrados (a árbore simbolizaría un bosque) e armado de lanza e funda. Isto é todo polo momento, unha simples e rápida aproximación a un descubrimento na nosa opinión mal interpretado, pois os arqueólogos  queren ver nesta imaxe un guerreiro, que é o que figura no painel informativo do lugar.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net