Volume 9 Número 1 Ano 2010
Autor:Marisol Delgado Rodríguez
Abaetetuba, crónica dunha viaxe inesquecible
Autor: Marisol Delgado Rodríguez
Galego

Abaetetuba, significado : Aba – Home, Ete – Verdadeiro,Tuba – Abundancia.

Abaetetuba é un municipio do Pará, un dos estados do Brasil cunha extensión de dúas Españas. Abaetetuba é tan grande coma Galicia, pero só é un municipio, ten máis ou menos 87.000 mil habitantes. Nese municipio Adolfo leva dúas parroquias: Santa Rosa que comprende os barrios de Santa Rosa e San Sebastián, e Perpetuo Socorro que comprende o barrio do Algodoal.

Fai clic para agrandar...

Era imposible orientarse no lugar, as rúas eran todas iguais, non había alcantarillado, as augas fecais ían para a rúa; a xente está acostumada a vivir así, pero a nós chocábanos. Adolfo comentábanos que para eles a infraestrutura que non se ve, non vale, por iso non se dá valor ao saneamento.

Adolfo, Adolfo Zon Pereira, veciño de Seixalbo, misioneiro no Brasil é unha persoa especial que merecería ser traído aquí, á Solaina, nun artigo dedidaco a el só.

Os lugareños chaman a Abaetebuba cidade, en cambio non semella unha cidade, polo menos non se asemella ás que estamos acostumados a ver; as casas son de madeira, case todas de planta baixa, onde viven varias familias.

A xente viaxaba en bicicleta, e nela ían varias persoas, de 3 a 4 nenos pequenos, e as normas de circulación brillaban pola súa ausencia, coches non había moitos e algún que outro era bo, pero o que se vía era unha marabunta de bicicletas e motos.

Nun estudio que fixo a ONU, Abaetetuba está comprendida entre as 150 cidades máis probes do Brasil, e foi escollida para un proxecto onde se lle daría formación ós lugareños... Pero Adolfo dinos que non o van saber aproveitar.

Neses días fomos a misas, a escolas, a hospitais, todo o que aquí é normal, para eles é traballo e proxectos. Crearon unha institución que se chama “crianza do menor”, “pastoral do menor”... Alí van os nenos para que teñan apoio escolar, actividades extraescolares, deportes, todo con xente voluntaria, xestionada pola Diocese; os curas buscan subvencións para rehabilitar locais ou para facelos de novo, despois hai xente que leva eses sitios, todos voluntarios; o que pretenden é que os rapaces non estean na rúa ao saír da escola, para que non caian nas drogas e a prostitución.

As monxas xaberianas comentábannos que cada vez son máis novas as raparigas que quedan embarazadas, que xa tiñan recollido a nenas de 13 anos en prostitución; intentan axudarlles, pero é difícil, non hai cartos e véndense por pouco.

Comentaban que a mortalidade infantil decrecerá, pero que aínda era moita, sobre todo por falta de hixiene, que a auga non é potabel... É impresionante que a auga que hai por todos lados non valga para beber.

Nós en ningún momento tivemos a sensación de violencia e perigo; como dicía Hixinio todos eran moi amables, viamos a todos nun ambiente bo, en cambio dicían que había moita violencia e que era unha cidade moi perigosa. Estando alí, mataron a un Taxi-moto, deixárono tirado na cuneta, e non se sabe ben por que, se axuste de contas ou roubo.

O que si puidemos darnos conta, cada vez que iamos ás parroquias, do cariño e a admiración que tiñan por Adolfo”.

Comeza a viaxe

Fai clic para agrandar...

Despois de conectarnos un par de veces con Adolfo, empezan os preparativos: vacinarse, maletas etc.; xa estabamos desexando chegar, e facíanos moita ilusión ir ver onde vive Adolfo e observar o seu traballo; iamos a miña irmá Mª Cruz, Hixinio e mais eu, así que arrancamos para Brasil o 1 de Novembro do 2009, e despois de case 24 horas entre autocares, avións e esperas, chegamos a Belém, capital do Pará. Ó baixar a recoller a maleta vimos por un cristal ao Adolfo, ollando se nos vía; foi unha ledicia velo co seu sorriso e os brazos abertos, repetindo varias veces: “non creo que o Hixinio estea no Brasil...”

Esa noite durmimos na casa parroquial dos xaberianos e ó día seguinte arrancamos para Abaetetuba. Collemos un barco e logo un autobús, ó cabo de dúas horas xa estabamos en Abaetetuba. Todo era novo para nós, dende que subimos ó barco ata que chegamos, o río que era inmenso, parecía un mar, a auga está escura de cor marrón, diferente ao que estamos acostumados a ver; nas beiras vese a foresta verde e moi tupida, o Adolfo vainos contando pero é tanta a información que non nos queda.

Ficamos na casa dos xaberianos; alí vivían 6 misioneiros máis, bastante maiores, un tiña 90 anos é aínda andaba en bicicleta para ir de un lado a outro. Adolfo, é o que leva o traballo de xestionar a casa, ir ó mercando etc. Non era xente moi faladora salvo o padre Nico, encantador e moi amable, daba gusto falar con el.

Neses días Adolfo só quería saber de Seixalbo, das novas, que o puxeramos ó tanto; a súa expresión era : “Ou meu deus!” rindo sempre, ou “Beleza!”. Contámoslle da nova asociación Irmandiña, (quería saber quen eran, de que pais, netos de quen, dábamos pistas, ata que caía na conta), da festa dos foros, das obras de teatro, das manifestacións pola estrada, o AVE... En fin, un pouquiño de todo, facíalle moita ilusión saber. Ás noites, a miña irmá e eu marchabamos a durmir, e o Adolfo e o Hixinio quedaban no patio a fumar un cigarriño e a falar; eu creo que Adolfo tiña un pouco de morriña. Ó día seguinte contábannos que estiveran ata moi tarde falando e viámolos aos dous moi contentos.

Fai clic para agrandar...

Na cidade visitamos os lugares onde traballa Adolfo: as igrexas, os barrios, o porto e o mercado; neses días tíñanos marcados, non podiamos ir a ningún lado sos, sempre con el. Se tiña unha reunión quedabámonos fóra na praza; sempre era unha igrexa ou unha praza. Alí sempre había nenos xogando ó fútbol, descalzos, e de todas as idades, sos, non había pais que os vixiaran. Lémbrome dunha vez que escurecía , a luz dos farois era tenue e os nenos seguían xogando e nós mirando para eles. Hixinio dicía: “Son uns máquinas regateando”. Tiñamos sede, e demos unha volta pola praza; orde expresa do Adolfo “Non moverse da praza”, estaba preocupado por se nos pasaba algo, aínda que nós non tiñamos sensación de perigo. Na praza non había onde tomar nada, en fin, en toda a cidade non había case onde tomar nada, non se levan as cafeterías; nisto acercouse un neno e díxonos se queriamos unha coca cola, dixemos que si, e démoslle 5 pesos; fixemos unha aposta: volvería coa coca cola ou quedaría cos cartos? Pois veu coa coca cola e tres vasos de cristal, de onde o sacou non o sabemos, pero prestounos esa coca cola, nesa praza, cun ceo moi estrelado e o balbordo dos nenos xogando.

Non sei se o dixen, pero facía moita calor, Hixinio dicía: “Teño unha fonte na cabeza”. Suaba moito, nós aguantabamos ben.

Así que esa semana pasámola entre unha parroquia e outra; fomos á misa, o Hixinio encantado, nós diciamos que xa tiñamos misa para uns cantos anos, aínda que as misas son máis animadas que aquí, aplauden, cantas cancións moi alegres, as igrexas son sinxelas e con moitas portas polos laterais abertas para que entrara fresco; a verdade é que non se nos facía pesada, na paz, viña case toda a xente a saudarnos porque o padre dicía: “Aqueles branquiños do fondo son os meu amigos, da miña terra”.

Tamén neses días fomos a unha clase de “fe cristiá e política” en portugués, dábaa o Adolfo a xente maior, uns eran dentistas, outros mestras etc., xente que tiña algunha carreira; a verdade é que neses días apreciamos moito o traballo que facía o Adolfo e xente coma el.

O barrio que mais nos impactou foi o do Algodoa; estaba en construción, as casas á beira de rúas cheas de lixo e terra; na praza o lixo estaba estendido e nas rúa a montóns tan altos coma nós. Contábannos que toda a cidade se fixera así, despois estenden o lixo, botan un pouco de asfalto e xa están feitas as rúas. O malo é que podrece e pronto afunde. Ten o seu encanto, aínda que se fai duro pensar que a xente poida vivir así... Nese barrio fomos á misa á noitiña. É unha igrexa pequena e moi alegre, facía moita calor e había moitos bichos, pero foi a misa máis bonita.

Un día fomos ó mercando, que está ó lado do porto e cerquiña da casa onde vivía Adolfo, metiámonos no medio da xente e do barullo, era moi parecido ós de aquí, pero con moita máis xente. Adolfo ensinounos os peixes de río, algúns parecían tabeiróns; vimos as pirañas, non sei como era capaz de destinguir tanta cantidade de peixe, e xa non vos conto da froita... foi unha mañá moi interesante. Outro día deixounos ir sos; a miña irmá e mais eu todas panchas, o Hixinio ía máis preocupado, como dicía a miña irmá: ”temos guardaespaldas,” atento a todo por se vía algo sospeitoso; nós diciámoslle que non se preocupara que a xente pasa de nós, en cambio el dicía que non, que miraba, pero é normal, branquiños polo mercado de Abaetetuba non se vían a miúdo; metiámonos co Hixinio, pero estabamos contentas de ir con el, porque non é o mesmo pasear soas dúas mulleres que ir con alguén forte coma o Hixinio, sentiámonos protexidas; el dicía o contrario, que se sentía protexido por nós, jeje, en fin... que faciamos bo equipo.

Outro día fomos o Caripi, un sitio turístico para os brasileiros; cando chegamos alucinamos. Unha inmensa praia con area fina e un inmenso mar, claro que non era o mar, era o río Pará. É moi difícil imaxinar que tanta extensión de auga sexa un río; alí pasamos o día, a auga estaba quente para o Hixinio, para nós perfecta; tiñamos que entrar na auga facendo ruído porque había unhas raias que se picaban rasgaban a carne e era moi doloroso. Tivemos sorte, non nos picou ningunha, comemos alí na beira e a auga chegounos ós pés, porque aínda que sexa río, ten mareas.

Á volta para Abaetetuba, paramos na cidade industrial, unhas fábricas inmensas, traballan a almina que se converte en alumnio. O país ten moitos recursos, pero xestionados por moi poucos, a maioría estranxeiros, que non pagan impostos e teñen todos os privilexios. Fan conductos de 300 km ou máis para transportar o material e non son capaces de inverter nas cidades que se crean para manter esas industrias, teñen o necesario para poder facer saneamentos etc. pero non o fan, ninguén os obriga.

Fai clic para agrandar...

A Foresta do Pita. Alí por fin vimos foresta e foresta, árbores descomunais, as raíces máis grandes ca nós, sentiámonos pequeniños; demos un paseo polo medio da foresta e o señor que nolos ensinaba ía alzando un gancho por se aparecía unha cobra. Todos os bechos eran enormes, as formigas metían medo, a verdade é que todo o que viamos asombrábanos, os castiñeiros non tiñan fin, dicíanos que en época de colleita das castañas tiñan que ir con casco por se caían, porque se daban na cabeza podían chegar a matar a alguén. Sentiámonos aventureiros; a calor era sufocante, moita humidade, caía a suor por todas partes, pero estabamos tan contentos por ver todo aquilo que non nos importou. Ata agora non viramos o que propiamente pensamos que é o Amazonas: árbores e máis árbores... impresionante. Ó acabar o paseo fomos para a beira do río das cobras (dicían que había anacondas, así que non nos metemos), alí botamos unhas boas conversas co dono, o Pita, e o socio. O Pita ten ascendencia galega, chegou hai máis de corenta anos e alí quedou; é unha persoa moi culta, falounos da situación do Brasil, da relixión etc. Daba gusto falar con el, o que tiña claro é que había moita, pero moita corrupción, el tiña que pagarlle á policía, e se non pagaba sabía o que ía pasar, di que se denuncias a alguén, estás morto antes dun suspiro; en fin, que non é un sitio para vivir tranquilo.

As Illas. Arrincamos para as illas; non son illas en si, é unha lingüeta de terra sucada por ríos, ríos inmensos. Nunca vimos tanta auga na nosa vida, iamos nun barco da Diocese co “Curtiña” (o que manexaba o barco). A vista non alcanzaba a ver todo o que queriamos, polas beiras había casas de madeira simples, alí non hai grandes chalés, e contábanos que algúns tiñan luz xerada por un xerador, pero a maioría non tiña luz eléctrica. Respirábase tranquilidade, a sensación do vento, o sol na cara, o Adolfo contándonos historias de cando el levaba esa zona... son momentos que non se esquecen. Despois de dúas horas chegamos á casa da Consola, unha mestra amiga do Adolfo que nos acolleu na súa casa cos brazos abertos; na casa vivía co marido, dúas fillas, o xenro e dous netos. A casa, de madeira, tiña dúas habitacións e unha cociña, o WC eran unhas táboas, ías ó cuartucho de madeira é alí facías o que podías; non había duchas, bañábanse no río, as casas están subidas en paus para cando sube a marea que non inunde. Alí botamos dous días e unha noite alí nas illas; durmimos nas redes que compramos no mercado. Xa é tranquilo todo, pero de noite é máis; o ceo estaba moi estrelado e oíanse sons, pero non sabiamos de que, parecían grilos, pero non sei o que era, había vagalumes... era unha noite moi fermosa.

De día pasamos o tempo da rede para a auga, e da auga para a rede, estaba quentiña e moi, pero que moi marrón; parecía sucia, pero non nos daba reparo bañarnos, demasiada tranquilidade para nós, non hai onde ir, non podes ir de unha casa para outra salvo en canoa, nin dar paseos, nada, foi unha experiencia inesquecible, polo lugar, pola amabilidade da xente... Teñen outro ritmo de vida, tranquilos, sen présas... admíroos polo pouco que lles fai falta para poder vivir e ser felices.

Os netos da Consola non falaban moito, só sorrían e querían que lle sacaramos fotos para despois verse na cámara; facíalles ilusión verse refrexados noutra cousa que non fose o río.

Nas illas vívese máis ou menos como se podía vivir en Seixalbo hai 60 anos.

Fai clic para agrandar...

E xa remata a viaxe de Abaetetuba. Fomos para Belém, pasamos un día paseando e recorrendo a cidade, facía moita calor, máis que en Abaetetuba. Alí mercamos os detalles para regalar e á noitiña fomos a un sitio chic, como dixo o Adolfo, o único lugar que vin parecido ós que podemos encontrar aquí; é no porto, nos peiraos que arranxaron para facer restaurante e cafeterías.

Ceamos e comemos un xeado paseando polo peirao, oíndo o murmurio da auga que viña da baía que case podiamos tocar dende a varanda, reflexionando sobre a viaxe. A conclusión foi que quedamos todos contentos de ter vivido unha experiencia inesquecible e a promesa de Adolfo de vir en Abril a Seixalbo.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net