Tradicións e Festas


Procesión de San Xoán. Coa chegada do verán, celébrase esta festa que é a máis popular do pobo.


Por ser Seixalbo un núcleo rural separado da cidade das Burgas, e por manter unha relación administrativa moi longa co Cabido da Catedral e unha integración tardía no Concello de Ourense, mantivo unha vida interna case autónoma, isto permitiulle ter o seu propio ciclo festivo anual, e conservar até hai poucos anos a totalidade das festas profanas e relixiosas, o que xunto co afán do seixalbeses por mellorar como comunidade lle deron unidade como pobo e un algo especial como lugar.

O ciclo festivo comezaba coa festa dos San Manuel que se celebraba o 1º de ano. A noite do día trinta e un de decembro, líase na praza Maior un parrafeo que despedía ledamente o ano e facía as peticións para o novo que comezaba. Logo sorteábanse os mozos e mozas solteiras do lugar, quedando obligados a bailar xuntas as parellas elixidas. O día dos manueles a música visitábaos nas casas.
A esta festa seguíalle, o cinco de febreiro, a festa a da Santa Ádega, romaría que se celebra no outeiro onde esta a ermida que ten a Santa. Ata hai pouco acostumábase a levar a comida para xantaren as familias despois da misa, como adoita suceder nas romarías. Actualmente celébrase con certa regularidade a festa profana e sempre a festa relixiosa, á que asisten moitos fieis de todo o Concello e arredores.

O Entroido

Especial interese ten a festa profana do Entroido, simbolizada nunha parella de mecos chamados Nicanor e Paquita. Esta parella está relacionada coa fecundidade. Estes populares mecos son sacados en ruidosa e festiva procesión o domingo de corredoiro, despois de xogar ás olas, para presidir a festa dende un corredor da praza Maior.
O domingo e martes de Entroido saen os felos, máscaras e as comparsas. Estas últimas cantan fermosas e satíricas coplas nas que se critica ós persoeiros do lugar e da vida pública en xeral. Ó anoitecer do martes, celébrase a procesión que remata coa queima de Nicanor e Paquita, protagonistas da festa, e a entrega da súa cabeza a unha parella, para que os garde e volte a sacalos no ano seguinte.



O San Xoán

O San Xoán é un santo moi querido en Seixalbo e a súa festa celébrase dende o 1700 con certa regularidade. Tempos atrás os veciñós pagaban en viño para facer a festa. A celebración profana e a relixiosa están fondamente relacionadas e sempre se celebra a procesíón do santo con moita devoción. Días antes, celébrase a súa novena cos partes cantadas por un coro cunha música propia do lugar.

A festa de San Breixo

A festa de San Breixo, patrón da Parroquia, nace tamén como festa relixiosa, pero vencellada á vendima. Parece que foi fundada polo Sindicato Católico Agrario de Seixalbo a principios de século XX. Actualmente o lugar desta festa ocúpao a Semana Lúdico-Cultural. Nela ademais de moitas actividades culturais, lúdicas e deportivas, celébrase unha gran Merenda-Cea de confraternidade na que participan os veciños de Seixalbo.

Outras festas relixiosas


Os veciños traballan xuntos durante días para que as rúas lozan no Corpus. As alfombras de frores cobren dende hai anos as rúas.

Antes varríanse as rúas, botébase fiúncho, sacábanse as macetas mellores e nos balcóns había colchas e sabas no lugar das bandeiras.


En Seixalbo hai festas relixiosas que se manteñen vivas entre os veciños e que teñen un grande participación. Destacaremos a Semana Santa e o Corpuse. A rivalidade existente no Corpus á hora de facer os altares na Praza Maior e a Praza do Cabildo, puxando as mulleres por superarse ano a ano. Nos últimos anos tamén se fai na Praza Maior unha alfombra de flores moi fermosa.

A tradición deportiva

Dende a fundación nos anos trinta do Areas Clube de Fútbol até hai uns anos, a comunidade de Seixalbo mantivo o Clube Deportivo Seixalbo como principal dinamizador da vida deportiva da comunidade. O campo do Carqueixal foi testigo de moitas xornadas deportivas que crearon historia e fixeron pobo. Na actualidade as melloras das instalacións deportivas do Carqueixal e a creación da Pista Deportiva da Infesta cubren as necesidades dos veciños do lugar.

A vida musical

Moitos son os referentes musicais existentes en Seixalbo que indican que, neste lugar, houbo e hai a unha tradición musical que ven de lonxe. Así atopamos a persoas nativas que cultivaron esta arte e que tiveron sona alén de Galicia. Este foi o caso dos irmáns José e Emilio Guede Rodríguez que emigraron a Cuba no século XIX. Aló o primeiro creou e dirixiu a Orquetra Sinfonica da Habana, e o segundo foi subdirector da Banda de Música Constitucional da Mariña.
Por outra banda, sempre existiu a laboura dos animadores musicais que axudaron a que sempre houbera continuadores que formaran colectivos musicais. Froito deste labor naceron diferentes grupos. Posiblemente o máis significativo foi a Agrupación de danzas populares Castro Floxo. Esta agrupación foi fundada por un grupo de mozos no ano de 1977. Despois de desenvolver unha activiadade moi importante e percorrer a xeografía galega e do resto da panínsula, pasou a ingresar na Deputación provincial para viaxar por cantidade de países do mundo dando a coñecer o folclore galego.
Un animador musical importante foi o mestre José Sánchez, fundador de varios grupos como a coral Airiños. A Sánchez seguírono outros, e así, nos anos setenta o grupo Así canta o noso Pobo do que foron fundadores Adolfo Zon, os netos do mestre mencionado, Antonio e Mario Gonzalez Sanchez, e outros.., sendo un referente musical importante no seu día.
Outra persoa salientable no eido musical que desenvolveu o seu labor na Catedral de Ourense, como mestre de capela, foi o recén finado Raúl Rodríguez Pazo, deixando un importante legado de obras que esperamos sexan axiña publicadas.
Outro grupo musical que leva o nome de Seixalbo é a Agrupación Coral Agromadas. Naceu esta agrupación no ano de 1988 da man de Anselmo Iglesias, discípulo nos seus inicios de Sánchez. É dirixida polo fundador ate a súa morte no ano 1995. Dende esta data foi dirixida por Xoán Manuel e Daniel Alexandre Iglesias Losada, tendo acadado varios premios a nivel galego o que avala a súa interesante traxectoria musical. Foi xérmola da actual Asociación Cultural Agromadas.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net