Volume 10 Número 2 Ano 2008
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
A III Festa dos Foros e o Fin de curso
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
A Festa dos Foros

Fai clic para agrandar...
No mes de xuño, unha semana despois das festas de San Xoán, celebramos a III edición da Festa dos Foros. Seixalbo voltou a revivir aquela xornada festiva de 1859 cando chegou o fallo de Madrid afirmando que xa non había que pagarlle os Foros ao Cabildo da Catedral nin ao Bispo. Cincocentos moios eran de bo viño do lugar, para manter ao Sr. Bispo e a Curia episcopal...
Nesta edición, antes de troulear nas adegas e de chegar ao Cabildo, visitamos o restaurado sartego onde repousan os restos de Fernando Freire Carril e o seu fillo Constantino Freire Vide, presbítero.
Fai clic para agrandar...
E démoslle oficialidade á estela de pedra na que ademais de indicar quen alí está enterrado, leva a lenda: Fernando Freire Carril liderou a loita contra os foros. Marga Seara, en nome de Agromadas, dirixiulle unhas verbas aos presentes e cantamos unha cantiga con texto de Manuel Curros Enríquez: "Cando me atopare de donos liberto, e o pan non mo quiten trabucos e préstamos, chegado haberá,o maio que eu quero..."
Xa no Cabildo, nun ambiente festivo e de época, houbo a representación teatral sobre o feito dos foros. A festa rematou cun concerto de música na praza maior. Todo estivo dentro do previsto e a participación foi moi importante e activa. Esperemos que para o ano vindeiro a festa se manteña e camiñe cara a súa consolidación definitiva.
Fin de curso

Fai clic para agrandar...
O cinco de xullo, en Penoucos, a nosa Asociación celebrou o final de Curso. Nel actuaron os rapaces da Aula de Música, que estiveron realmente ben. Interpretaron e cantaron cantigas,
Fai clic para agrandar...
como xa ben sendo habitual nestes últimos anos.
Actuaron os membros da aula de teatro Laxas de Seixo dirixidos por Nila Caballero e Noelia. Todo estivo realmente ben e debo afirmar que foi un momento sumamente agradable. Todos o presentes puidemos ver a evolución daqueles nenos e nenas que hai uns anos apenas sabían falar en público e que agora facían as delicias dos presentes. Sabían estar no escenario; maduraron en expresión. Eran xa mocetes con experiencia e táboas. Ese foi o mellor premio para os membros de Agromadas: ver que os rapaces medraron en todos os aspectos e tamén no artístico. Debo afirmar que os presentes non se erguían das cadeiras, pois estaban sumamente cómodos vendo a aqueles rapaces, cheos de expresividade e dozura que nos encandilaban. Noraboa para quen os dirixiu.
Xantar de Agromadas e balance anual.

Fai clic para agrandar...
O domingo 6 seguinte, coma nos últimos anos, fomos xantar a Baños de Molgas. Este ano, por diversos motivos, eramos algúns menos co ano anterior. Estabamos arredor de 50 persoas. Foi unha xornada de confraternidade onde departimos nas sobremesas e as conversas foron moi amigables na frondosa carballeira a carón do Arnoia.
Fai clic para agrandar...
A xornada, aínda que en datas de verán, foi un chisco fresca, pero cálida, humanamente falando.
En fin, que con este acto pechamos un ano máis de actividades da nosa asociación Agromadas. Un ano que eu considero moi positivo. Pois durante estes doce meses presentamos o libro Seixalbo anancos do pasado. Ese libro de historia e etnografía do noso amado lugar de Seixalbo, onde amamos, sentimos e convivimos amigablemente.
Sobre o tema este, debo afirmar que o libro tivo moi boa acollida no pobo e que só en Seixalbo se venderon máis de 150 exemplares.
En fin que Agromadas segue o seu camiño cultural e que, apesares dos traballos e dos cabreos, que tamén os hai, seguimos adiante como entidade cultural.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net