Un lugar para vivir

Ó fresco na Rúa Nova


Se visitar Seixalbo sempre resulta agradable, vivir neste lugar é estar inmerso nun tempo onde a vida colectiva se sinte e se comparte. Neste lugar aínda está presente a vida comunitaria para a festa, para a ledicia e tamén para solidariedade.
O visitante que percorre as súas rúas e contempla as mostras existentes da fermosa arquitectura popular, que o impregna todo, descobre que aínda se pode vivir preto do urbano, da cidade sen ter que ir moi lonxe. Os canzorros da rúa Estreita e das Laxas, da rúa da Tulla ou de Amendo, fortes e rudos, lembran a man dos nosos canteiros; os irtos Cruceiros da Praza e da Santa Ádega e a capela indican a beleza, o sentimento e a devoción; o arco do vello hospital de pelegríns co relevo da Rectoral, obra do escultor cubano Alfredo Gutierrez Vázquez, falan do camiño de Santiago, vía obrigada do espiritualismo en Occidente. Todos os lugares e outros son puntos obrigados para reencontrase co pasado, e cunha paisaxe onde se mestura o rural e o urbano, onde aínda perviven as tradicións que a sociedade moderna vai trocando. Cando se pasea polas rúas deste lugar, asentado na laxa, semella que se detén o tempo, parece que voltamos a outra época coas súas formas arquitectónicas máis humanas, valores e costumes que perduran co paso dos anos.

Á noitiña, na porta da casa.


Contemplar outras formas na arquitectura, para comparala coa funcional que despersonaliza, é algo que impacta ó visitante. As casas dunha pranta, corredor de madeira e de pedra indican que estamos nun núcleo rural antigo, cheo de vida.., falan por si mesmas. En Seixalbo compróbase que aínda poden convivir a pedra, a madeira, o ferro forxado coas prantas e as flores. Alguén, con moito acerto, dixo: "Vivir en Seixalbo que fermose é..."
Os versos anónimos que seguen, falan do que significa este lugar para os habitantes que nel moran.


Seixalbo, ai meu Seixalbo
onde queira que eu esté,
sinto no peito, non sei o que.
Pobo fermoso entre todos
con rúas ben enlousadas,
con belidos corredores
e un bo cruceiro na praza.
Chantado onde estivo o Rollo
segundo a lenda contaba,
sinalándonos o norte
cunhas imaxes que falan.
Ai Seixalbo, meu Seixalbo..,
tes sabor a hortas e a viño,
a xente traballadora
que canta de bagariño.
A loitas contra o Cabido
que co foro ben sisaba,
a tristuras doutra hora
e a festas e alboradas.
Seixalbo, ai meu Seixalbo
onde queira que eu esté
sinto no peito, sinto na alma
non sei o que.



Rúa de Amendo





Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net