O preito pola eliminación dos foros

Seixalbo foi anexionado no ano de 1836 polo Concello de Ourense ó que pertence dende entón. O Cabido e a Mitra, pola súa parte, seguían exercendo o dereito a cobrar as rendas, se ben perderan o de administrar xustiza dende as Cortes de Cádiz. O certo é que se orixina unha situación de duplicidade de impostos: ó Cabido e ó Concello.
Nesta situación confusa, propiciada pola propia lexislación,os habitantes de Seixalbo néganse a pagar as rendas de tradición secular, cincocentos moios de viño, e rematan finalmente por interpoñer unha demanda xudicial contra o Cabido.

Vista da Rúa Nova dende a Praza Maior. 


Cando Seixalbo vivía
baixo o poder clerical,
antergos foros á Igrexa
todos habían pagar.
O mellor de cada especie,
era unha renda anual.
Ai daquel que non cumplira:
á Picota ía purgar.

Cincocentos moios eran
de bo viño do lugar
pra manter ó Señor Bispo
e á Curia episcopal. (...)

Versos pertencentes ó Romance de Seixalbo.

A loita legal foi encabezada por 133 familias e liderada por Fernando Freire Carril. Durante os vinte anos que durou o preito, o Cabido tentou demostrar que as terras eran da súa propiedade particular e, polo tanto o dereito a percibir as rendas era legal. Finalmente, en 1859, a xustiza fallou a favor dos veciños quedando entón liberados dese sometemento feudal.

Vivir do traballo do campo

O traballo da terra foi a principal fonte de vida deste lugar. O froitos da horta que se vendían na cidade, e o viño foron os principais productos que axudaron a manter a economía das familias. Cabería destacar entre os productos dos tarreos os pementos que nos anos cincuenta acadaron fama en toda Galicia. O desenvolvemento da gandería foi mínimo, e só como apoio á agricultura. Na actualidade a agricultura desapareceu ó incrementarse a industria de servicios e nacer áreas coma a Zona Industrial de Seixalbo na que están instaladas unhas 30    industrias que abranguen diversas áreas da producón e de servicios.

Un pobo con vida propia

Rúa Olivar dende a Rúa Nova, en dirección a

Praza do Cabildo.

Debido á longa duranción do periodo medieval e da relación foral co Cabido e o Bispo de Ourense, configúrase, neste lugar, unha forma de vida dependente sempre da terra e do seu propietario último: O Cabido. É el quen nomea xuíz, procurador, escribano ... Pero ademais había terreos de explotación comunal cuxa propiedade veciñal viña de moi atrás: O Cumial, O Carqueixal, As Fontiñas e os Campos. Tamén había un cárcere e unha casa onde se xuntan en Consello os Veciños e se gardan as medidas oficiais para mercar e vender os productos da terra.

Estructura Urbana

Seixalbo mantén unha estrutura urbana propia dunha pequena vila medieval. Complementan este núcleo outras pequenas rúas, canellas e recantos que lle dan ó lugar unha estructura uniforme, compacta e harmoniosa, onde todo está presidido por construccións nas que destaca a pedra, o ferro forxado, a madeira e a tella do país. Debido á súa situación e a riqueza da agricultura, Seixalbo sempre foi un núcleo cunha poboación importante. Así por ter a parroquia de Seixalbo 658 almas, no ano de 1845, e máis de 100 casas no núcleo, dótase ó lugar dunha Escola Pública mixta con un presuposto anual de 1.100 reais que ha de escolarizar a todos os nenos pertencentes á parroquia.

O pobo de Seixalbo
ó lonxe parece vila.
A entrada ten Igrexa
e á saída unha ermida.
( Copla popular)


Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net