Volume 11 Número 3 Ano 2008
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
LEMBRANDO OS CURANDEIROS
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Cando era mozo, alá polo 1973, sufrín unha crise e durante un tempo estaba doente de moitas partes do corpo. Visitei médicos e nada me atopaban. Entón miña nai, que en gloria estea, con moi bo tino falou cunha meiga boa que había no meu lugar e esta señora maior decidiu, despois de facerme unha proba, que era necesario subirme o estómago. E eu sen saber de que se falaba deixeime levar e aceptei de bo grado, pero un tanto escéptico, facer o que me propoñían. A señora Hermelinda, que era como se chamaba a boa muller, deume unhas fregas e púxome unhas ventosas cuns vasos, para logo envolverme con un papel de estraza que levaba sal mel e manteiga. Parecía que estaba empanado de vivo. Aquilo resultaba moi incómodo pero eu, aguantei. Díxome: “non tomes ningunha medicina das que che deu o médico. “Tu estás ben, non tes nada. Así que come ben e xa verás como logo te sentes un mozo. Pasados uns días das fregas e o empanamento púxome uns parches. “Xa te podes ir levantando”. O certo é que pasada unha semana eu xa estaba novo.

Este é o recordo que teño daquela aventura que me permitiu superar un trance e camiñar pola vida despois de sufrir a morte de meu pai aos 53 anos. E agora, cando xa pasaron moitos anos daquelo, lembro a sabedoría popular daquela muller que, co seu facer me axudou a superar unha situación que durante un tempo me traía desacougado. Por iso agora, nestes tempos, cando teño un problema importante que resolver lembro a Hermelinda, a meiga boa, e a ela lle pido consello, case como se estivera viva e aínda andara polas rúas do noso Seixalbo; nela vexo o retrato da sabedoría popular, do saber que se foi facendo a través da experiencia dos anos e xeracións vividas. Ela, con só mirarme á cara soubo diagnosticar o que agora se pode chamar unha depresión motivada por un problema familiar tan serio. E neste relembrar tamén lembro algúns veciños que, cando non había case cartos para ir ao médico, eles, co seu bo facer, arranxaban as roturas dos brazos e pernas; como por exemplo o Sr. Arturo, a Sra. Benigna, que axudou a nacer a moitos de nós e logo nos poñía as inxeccións; ou o Sr. Luís Cid que tamén facía as veces de practicante. E noutro orde de cousas o Sr. José Chantadino exercendo de veterinario. En fin, que nos lugares cando os servizos básicos eran cativos ou inexistentes, había que arranxar estas carencias con boa vontade e desinterese destas boas xentes hoxe finadas.

Estes curandeiros, como moitos lle chamaban, foron durante moitos anos, pezas importantes nos pobos desta nosa terra. Foron persoas cheas de sensibilidade que, en tempos moi difíciles souberon arrimar o ombreiro e axudar á comunidade pois eran moi necesarios.

Cando isto escribo estou un chisco baixo e non me sinto con moitas forzas para emprender novas metas. Esta puido ser a razón pola que me lembrei da Señora Hermelinda e aquela aventura de subirme o estómago. Eu endexamais a esquecerei como creo que tampouco todos nós debemos esquecer a estas boas xentes que facían na sociedade unha función, daquelas moi necesaria. Por tal motivo sempre está ben lembrar a quen nos fixo algún ben nalgún momento da vida.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net