Volume 9 Número 1 Ano 2008
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
A ESPAÑA PLURAL
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Sempre tiven a certeza de que case todos os problemas humanos, sobre todo os relacionados coa política, se solventan mediante o diálogo. O diálogo é a capacidade de buscar puntos de entendemento, acordos básicos que crean as condicións para avanzar e modificar comportamentos sociais colectivos.

Recentemente unha minoría de xentes, animados pola cegueira e oportunismo dalgúns políticos, tratan de crear problemas onde realmente non os hai. Plantexan a libertade dos pais para que os seus fillos estuden no idioma que eles desexan, aínda que estean residindo nunha comunidade que ten un idioma propio que tamén é oficial neses territorios, razón pola cal tamén forma parte obrigatoria da programación académica.

Eu, moitas veces, levo matinado sobre o concepto de España que aínda segue vixente, sobre de todo nos partidos conservadores. Vexamos que se entende por España: Unidade política territorial; idioma único; proxección do folclore andaluz como imaxe desta unidade política; nostálxia de certo imperialismo; e anulación das identidades nacionais e a súa cultura que existen no Estado.

Pero o concepto de España é moito máis amplo co que nos propoñen os conservadores; España é algo máis rico e complexo que esa visión rancia e raquítica que se defende dende as filas do españolismo folclórico.

Neste noso Estado hai unha diversidade idiomática e cultural que sería necesario cultivar e protexer con sumo esmero. Nestes tempos nos que se anda a falar de protexer unha determinada especie animal ou vexetal, parece inconcebible que non exista un orgullo de ter tanta riqueza dentro dun país. Claro que, para entender que isto é unha riqueza, hai que rachar con certos atavismos e prexuízos que viven na mente de moitos cidadáns.

Por tal motivo entendo que os idiomas oficiais que hai dentro desta península tamén se deberan de estudiar en todo o territorio do Estado. Coñecer o básico deles, en todas as comunidades autónomas nunca sería negativo. O razonamento é sumamente sinxelo: Se España somos todos, os idiomas Vasco, Catalán e Galego tamén son españois. O folclore igualmente. Incluso co coñecemento do galego habería unha ponte de aproximación ao veciño Portugal, ese pobo que é parte da Iberia.

Pero ¿Que é o que acontece na realidade? Na realidade diaria acontece que a visión rancia e centralizadora dun nacionalismo español excluínte e mesetario impide ver máis alá da nostalxia imperialista que promociona sistamaticamente a dereita. E esta postura cerril leva a poñer máis á defensiva aos chamados nacionalismos periféricos. Estes entenden que son atacados e que somente poderán existir fortalecéndose para non ser asimilados polo españolismo homoxenizador.

En fin, que si o diálogo é unha ferramenta que teñen os humanos, como dixo o rei hai un tempo: hablando se entiende la gente. Habería que poñela máis en práctica e parlamentar sen cortapisas, sobre o concepto de España, pois parece que nos esquecemos que aínda estamos a debatir cuestións territoriais que esperan unha solución de consenso. Pero eso somentes se fará aparcando intereses electorais e tendo miras de consenso e futuro.

E, eu, dende estas liñas, quixera mandar unha mensaxe que pretende facer pensar friamente; que quere, que nos tempos da globalización económica e cultural, se abra unha porta de esperanza, para, deste xeito, trocar a visión pechada que moitos cidadáns teñen de España. Se España somos todos, tamén todo o que hai é, en certa medida, español. Pero para iso hai que trocar o concepto de España. Facelo máis amplo, tolerante e dinámico. Por iso, que todos os epañois coñezan o básico das linguas que hai dentro do Estado, sempre será enriquecedor. Que coñezan o floclore, e que este non se marxine, pondo por diante ao andaluz, como se ese fora o único que hai neste solar. Remato: non é positivo crear conflitos sociais e políticos onde non os hai. E as esixencias de determinados pais pedindo o ensino para os fillos nun so idioma, rexeitando a lingua da comunidade onde estudian é unha barbaridade e un desprezo cultural que non está ben.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net