Volume 4 Número 2 Ano 2006
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
Primeira Festa da Eximición dos Foros
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Seixalbo, Xullo de 2006

LIMIAR:

AS MOTIVACIÓNS QUE NOS LEVAN A FACER ESTA FESTA CULTURAL.

Seixalbo é o núcleo rural máis importante do Concello de Ourense. Este núcleo catalogado como Etnógrafico a Protexer, ten unha personalide propia que ben definida polo proceso histórico que tivo antes de formar parte do concello das Burgas.
Como parroquia e como barrio do rural, aínda conserva un ciclo festivo anual case completo, que abrangue a festas relixiosas e profanas, o que axuda a conservar a memoria colectiva e lembrar feitos, acontecementos e historias que foron parte do pasado, que cómpre recuperar e conservar.

Todos estes aspectos foron tomados en consideración pola Xunta Directiva de AGROMADAS sabedora de que as festas culturais cumplen perfectamente a dobre función lúdica e cultural que ó noso xuízo debe ter toda celebración deste tipo.


Como todo proxecto que nace ten un obxectivo claro: Reforzar a personalidade deste barrio dentro do Concello, avivar a memoria histórica e plantexar un modelo de festa sumamente participativo, pois pretendemnos que os veciños sexan os principais actores da mesma.


SEIXALBO VILA E COUTO DO BISPADO


  Dende o ano 886 no que Alfonso III o Magno doa o chamado Couto Vello de Ourense , no que está incluído Seixalbo, ao Bispo, para que este exerza os dereitos forais, os veciños deste lugar seguen pagando as chamadas Rendas ou Foros ás autoridades relixiosas, ate a resolución do xuízo celebrado en Madrid a mediados do século dezanove (1859).




"Cincocentos moios eran


de bo viño do lugar


para manter ao Señor Cura


e á Curia Episcopal.


 


Son privilexios antergos


de tempos inmemoriais


datan de Alfonso III


e veñen de moi alá.


 


¡Quen se atreve!


¡Quen se enfronta!


¡Quen fala de eximición!.


Poucos valedores hai


O forte a xustiza impón." 




  O FORO


O foro é un vínculo que obriga ó titular da terra aforada a unha relación económica co señor dono do privilexio, neste caso, encarnado na figura do Bispo e do Cabildo da Catedral de Ourense. Esta relación estaba avalada documentalmente, onde se expoñía o que tiña que pagar en especie ou en cartos ó titular do señorío en función da calidade da terra e da súa extensión.


Esta relación económica, que vén da Idade Media, ten unha serie de características que obrigan ós labregos a plantar as especies que considere o bispado.


En Seixalbo, o foro pagábase fundamentalmente en viño branco ou tinto. Tamén existía unha cláusula que se chamaba luctuosa que consistía no seguinte: ó morrer o titular das terras aforadas o Cabildo podía quedarse coa especie que considarara mellor, cabeza de gando ou outro ben, en concepto de transmisións do Foro.


   


A ANEXIÓN AO CONCELLO DE OURENSE E O XUÍZO


  Nin que dicir ten que esta relación foral sempre estivo chea de pugnas entre o Cabildo e os veciños de Seixalbo. O primeiro sempre quería cobrar axiña e en boa especie, e os veciños sempre andaban a facer o remolón á hora do pago, argumentado malas colleitas. Neste senso é importante subliñar a laboura do Cabezoleiro persoeiro que se encargaba de recaudar as especies que se depositaban nas Tenencias. En Seixalbo había unha, e en Zaín outra.


Debido ós afáns expansionistas dos concellos e ós decretos liberalizadores dos gobernos progresistas que trataban de poñer en producción as terras mortas, termo empregado con aquelas terras que non pagaban impostos, como as da Igrexa, ou non producían, o Concello de Ourense no ano de 1841 decide unilateralmente anexionar Seixalbo. Tratábase de aumentar o espacio xeográfico e tamén o número de contribuíntes ao ente municipal, pois pensemos que o Concello de Ourense só era dende o Miño ate Mariñamansa, e coa anexión de Seixalbo, chegaría ata o Cumial.


Aprobada esta anexión o Concello ponlle impostos aos veciños que ven gravada a súa precaria economía, pois, por un lado, páganlle ó Cabildo 500 moios de viño anualmente e polo outro, de agora en diante hai que pagarlle impostos ó ente municipal.


Isto leva a unha serie de disputas económicas contra o Concello que remata nunha Acta de anexión e co pleito contra o Cabildo da Catedral


Vinte anos de pleito


Tentando rematar con esta carga, e debido á duplicidade de impostos froito da anexión ó Concello de Ourense , no ano de 1839 un grupo de 133 veciños , un por familia, deciden presentar un pleito na Audiencia Provincial de Ourense, a cal, pasado un tempo, declárase incompetente para resolvelo. O pleito pasa á Coruña e despois de moitas idas e voltas remata en Madrid, no mes de Xullo de 1859, eximindo do pago das rendas ós veciños de Seixalbo.


A documentación atopada nos diferentes arquivos, e a memoria popular transmitida de xeneración en xeneración falan dunha gran festa en Seixalbo, onde o avogado Placeres Feijóo, liberal de Allariz, que levou o pleito na ultima etapa, e Fernando Freire Carril son tratados como verdadeiros liberadores da carga imposta e que secularmente soportaban.


Diversos documentos atopados indican que o verdadeiro motor deste xuízo foi Fernando Freire Carril quen chegou a vender terras para manter o pleito cando xa os demais demandantes se daban por vencidos, dado que o custe económico para mantelo era insoportable para todos.


Rematado o xuízo, Seixalbo perde o rango de Vila e Couto. Xa non se nomean polo Bispado os cargos de Xuíz, Ecribano e Procurador, e prodúcese a integración total no Concello de Ourense.


Fernando Freire Carril


  Fernando Freire carril naceu en Congostro de Limia, concello de Rairiz de Veiga; veu para Seixalbo e casou coa filla do último xuíz que houbo no lugar. Logo de acadar unha importante cantidade de terras, inicia, xunto con outras familias, o pleito contra os foros do que sería o principal impulsor. O custo e a tardanza da resolución do pleito e as intrigas sementadas polos membros do Cabildo da Catedral, merman a capacidade reivindicativa e deixan so a Fernando. El, coa súa teimosía, mantén un litixio que xa todos daban por perdido. O seu tesón e a súa incorruptibilidade fixéronno acreedor da fama do mellor valedor que tivo Seixalbo neses tempos.


Despois de tres matrimonios, morreu no ano de 1890 e foi enterrado nun sartego de pedra, seguido dunha comitiva de 22 curas e unha banda de música custeada popularmente. Os seus restos están no noso cemiterio parroquial.


PROGRAMA DE ACTIVIDADES PREVISTAS  



  1. Edición dun tríptico que recolla os seguintes apartados:



    • A razón desta festa.

    • Que son os foros.

    • O xuízo

    • Fernando Freire Carril.

    • Programa de actos.


  2. Cartazo anunciador.

  3. Colocación dunha placa na casa na que viviu Fernando Freire Carril 

  4. Representación escénica do Romance de Seixalbo. Peza na que se relatan os feitos acontecidos no xuízo entre os veciños e o Cabildo que durou dende 1839 a 1859.

  5. Cea de irmandade e convivencia, custeada polos participantes, nun lugar do pobo engalanado para a ocasión.

  6. Actuacións musicais.  

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net