Volume 3 Número 1 Ano 2006
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
REFLEXIÓNS ESPONTÁNEAS. A GLOBALIZACIÓN CULTURAL
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Nestes tempos de globalización e de uniformidade, resulta case unha necesidade salvar a diversidade cultural, entendendo como tal a aquel conxunto de elementos inmateriais que conforman un todo social. Quero dicir, que abarcan dende o idioma, as costumes, a música, a arquitectura e todas aquelas manifestacións que permitiron que un pobo tivera vida propia e diferenciada dos demais.

O avance científico, sobre todo nas comunicacións, trouxo un intercambio de ideas, unha interrelación comercial e económica que, a día de hoxe, é o que move o mundo.

Este feito, que en principio é algo sumamente positivo, pois permite que pobos e culturas diferentes se coñezan, trae consigo un serio risco que a todos nos debe preocupar seriamente. Trae o risco da homoxenización ou, se se quere, o risco da uniformidade social e cultural. Impón a lei do poder económico mediante a forza do mundo do capital. Non é polo tanto unha uniformidade buscada senón que é unha uniformidade imposta por un feito puramente económico o que nos arrastra inexorablemente á sociedade do consumo insaciable.

E neste contexto débese entender e valorar as iniciativas encamiñadas a acadar que moitos feitos culturais se consideren patrimonio da humanidade. Hai que salvaguardalos, pois os tempos que veñen son moi incertos para as culturas minoritarias.

Un único idioma como escusa

Os que defenden a necesidade dunha globalización acrítica, sempre poñen como exemplo as grandes vantaxes que traería falar un idoma único. Castelao argumentaba, ironicamente sobre este asunto e contestaba: os animais xa teñen un único idioma en todas as partes do mundo.Os gatos miañan e os cans ladran igual en Londres que en calquera outro lugar.. Pero nós somos humanos, seres racionais capaces de crear, de sentir e de valorar. Evidentemente esta afirmación non debera quitarse de contexto, nin debera ser empregada para pensar que a globalización económica e cultural só traerá perxuízos. Pero analizando con certa perspectiva o futuro da humanidade, no tocante a este fenómeno, axiña nos decataremos de que moitos feitos culturais e pobos que se identificaban por ter unha cultura de seu, corren o perigo de desaparecer. Si, axiña serán asimilados e a diversidade cultural pasará a ser un recordo. Aparecerán as súas manifestacións expostas nos museos, pero morrerán.

O tempo que nos tocou vivir, en certa medida é apaixonante, pero tamén presenta un futuro incerto para as cultura que, como a galega, non se sabe o tempo que aguantará sen ser plenamente asimilada polo castelán e a castelá posiblemente pola inglesa. Cando os españois foron á conquista de América dicían: la lengua acompaña al imperio.La lengua engrandece el imperio.


¿En que se nota a globalización?

Se falamos de feitos concretos de globalización resulta inevitable entender o planeta como unha aldea global que presenta aspectos, como o económico, nos que se percibe con máis claridade este fenómeno. Pero a economía tamén chegou a invadir as manifestacións artísticas influíndo nelas e condicionándoas. E neste apartado, a chamada música lixeira moderna funciona estrictamente polo principio económico. Facer un producto que se venda e dea dividendos ten futuro. Se non é así, non vale ren. A moda está igual influenciada polos mesmos factores. Pero iso que hoxe é así, ¿pódese chamar arte? Ben sei que discutir sobre o que é arte e non o é resulta adentrarse nun eido sumamente subxectivo. Pouco medible e dificil de definir.

Os conceptos artísticos trocaron ó meu modo de ver coas chamadas correntes artísticas do século pasado. No mundo artístico pasouse da arte racional proporcionada que transmite feitos e realidades concretas, á arte que, polo feito de ser innovadora, ten que innovar e sorprender para motivar ó espectador. E a miña pregunta segue sendo a mesma: ¿é iso arte?

Con suma frecuencia se confunden os termos. Hoxe acontece que hai moita xente que identifica modernidade con progreso. E eu pregunto: ¿todo o que se chama moderno implica sempre progreso?. Non. O mesmo acontece con todo aquilo que se nos presenta como arte vangardista.¿E que polo mero feito de ser vangardista ten que ser considerado arte? Pois eu penso que todo non.

Dicíame un artista do noso tempo, ó que eu considero unha persoa racionalista, que a arte nestes tempos vive unha crise permanente, igual que o sofren as culturas minoritarias. ¿E por que acontece isto? A resposta para min é bastante sinxela: Vivimos inmersos nunha sociedade na que a economía e o mercantilismo o invade todo, e esta invasión condiciona todo feito cultural e artístico, e por conseguinte a arte tamén. E pensaredes: ¿Que ten que ver isto da arte coa globalización? Eu penso que moito.

Supoño que como o tema é moi longo e dá moito de si, seguiremos falando dobre este apaixonante tema da globalización económica e cultural e da crise que vive a cultura e a arte ó aparecer sempre supeditados á economía.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net