Volume 8 Número 3 Ano 2009
Autor:María Jesús Pazo
Libros de texto no ensino obrigatorio
Autor: María Jesús Pazo
Galego
Óese dicir que a dereita e a esquerda, nas sociedades occidentais, son cada vez máis similares... que defenden os mesmos principios xerais e que lendo os programas, non se sabe moi ben quen é quen. É coma se xa se acadara ese benestar medio que nos adormece e tranquiliza e elimina todo ativo de carácter revolucionario, mesmo entre a xuventude, que só se mobiliza nos grandes eventos, desprazándose ós lugares nos que se reúnen os do G10, ou G20 ou similar, para facer protestas, de paso que se fai turismo. Óese dicir, que para diferenciar á dereita da esquerda política, hai que ir ós matices . E é posible que sexa verdade. Pero os matices ás veces, non son tales matices, senón cousas importantes.
Hai un aspecto no que eu atopo si, certas diferenzas... A ver que opinades...
Por tradición, a dereita sempre foi máis relixiosa, máis católica, máis de cumprir os preceptos, de acatar as normas, sen criticar ou analizar os principios, as normas, os preceptos das autoridades relixiosas; máis de impartir a caridade cristiá que de preocuparse pola xustiza social. Frases tipo: “ Los pobres siempre los tendréis entre vosotros”, “ Siempre habrá ricos y pobres”... “ponga un pobre a cenar el día de Navidad en su casa”... Estas expresións péganlle máis ós da dereita ou iso creo. Isto, naturalmente supón perpetuar a situación, convivir con ela amigablemente, perpetuar a existencia dos máis desfavorecidos cos que poder exercitar a caridade cristiá e acalar conciencias, “dando de comer al hambriento y de beber al sediento y posada al peregrino” sen axudarlle a buscar o alimento, buscar as fontes nas que saciarse ou deitarse a durmir.
E despois destas pseudodisquisicións relixoso-políticas, vou entrar no tema que me motiva a comunicarme con vós : “a gratuidade dos libros de texto”, que para min ten moito que ver co que veño de dicir... Aínda que... vaia xiro!
Para a esquerda que nos gobernaba, aquí en Galicia, os libros deberían de ser gratis para todos porque o ensino obrigatorio tamén é gratuíto, e non hai nada máis caro para unha familia que un montón de libros de texto para cada un dos seus fillos. Pero ven a dereita e transforma o dereito en caridade, e isto da caridade, entendida como dar, non coma amar, é, poñámonos coma nos poñamos, obxectivamente denigrante: “Ayudar más a los que tienen menos”. Este é o seu slogan publicitario. Calquera que o lea, sen pensar, sen analizar, sen profundar, pensará: “Pois está ben, si, señor. A min aquilo de que lle deran os libros a aquel ou a aqueloutro, non me parecía ben, ten cartos, que os gaste. Pero para min, e dende un punto de vista pedagóxico e mesmo filsófico, alá se vai o principio igualitario de libros gratis para todos. E enriba igualábannos por riba, non por baixo, que é o máis común. Ver a aqueles nenos e nenas cos libros dos seus compañeiros do curso anterior, sen importar a conta corrente dos pais era para min de un valor educativo incalculable. Eu como ensinante creo que a gratuidade para todos, transmitía unha serei de valores per se, que eu non tiña nin que insistir neles. Os libros non eran teus, eran un préstamo, logo había un valor aí intrínseco de solidariedade e de aprender a compartir. Teño que coidalos, porque se os deterioro teño que abonalos e deben servir para outros compañeiros. O neno aprendía que todo acto ten as súas consecuencias e hai que telas en conta á hora de actuar. Catro anos eran un bo período de tempo para o uso duns libros, evitábase o despilfarro e o feito de que acabado o curso escolar os libros van ó faio ou ó lixo, como moito ó contedor de reciclaxe do papel... Pero claro, agora as librarías e as editoriais, que sempre se puxeron as botas a conta dos libros de texto, xa se fretan de novo as mans.
Non sei como se fará dunha maneira definitiva. Provisionalmente, establecéronse dous tramos de ingresos familiares, ata 36.000 €, e outro de 21,000 € con ingresos de axuda directamente na conta bancaria dos pais, o que supón o risco de que uns pais co frigorífico baleiro, mercan comida e roupa con ese diñeiro e os seus fillos van a escola sen libros. Ós do primeiro tramo déronlle 130 € e ós do segundo 180. Eu comprendo, que agora en época de crise, hai que mirar máis como se administra o diñeiro, pero a dereita xa levaba no seu programa o cambio do sistema, por considerar que a gratuidade entendida deste xeito era un despilfarro.Que ben pensantes e que lección de moral cristiá nos dan ós de esquerdas! Pero ese diñeiro que lle regalabamos a uns pais que non o precisaban, servíame a min, servíalle á sociedade nosa para transmitir algo máis importante que o diñeiro: que cada neno se sentise igual ó outro, e que o que ten máis diñeiro aprendese a actuar coma o que menos ten.
E agora falamos dos matices, entón, dos matices da política. Non creo que aforre tanto a xunta, ó ter que darlle ó 70% da poboación infantil o famoso cheque ano tras ano, cando os outros libros duraban 4 anos... E por riba pérdense os valores, eses valores dos que falaba antes: iguais ante a lei, todos solidarios, todos a compartir, todos a coidar o material, todos a respectar. .. Na escola, polo menos, todos iguais, todos cos mesmos dereitos, deberes, responsabilidades, obrigas... Nesta sociedade nosa, tan carente de valores, non deberiamos de desaproveitar nin a mínima oportunidade de transmitilos. Para min o sistema anterior, coas modificacións que fixese falta facer sobre a marcha, era un bo sistema. Pero claro é a miña opinión...
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net