Volume 12 Número 1 Ano 2009
Autor:María Jesús Pazo
CARTA ABERTA Ó NOSO PAI SILVA
Autor: María Jesús Pazo
Galego
Non sei o que está pasando en Benposta.
Non sei o que está pasando co pai Silva, co Excelentísimo señor Jesús Silva.
Apesares de todo o que se publica, de todo o que se di, de todo o que se informa ou se desinforma, non sei o que está pasando. E digo que non sei nada porque me nego a aceptar verdades absolutas, négome a aceptar como verdade o que se publica en periodicuchos, por seudoperiodistas, que non teñen a decencia de confirmar e investigar as súas fontes, que o único que lles importa é publicar noticias sensacionalistas que os manteñan a eles e ós seus xornais vivos, ou mellor dito, en coma permanente, con posible risco de defunción.
Non sei, pai Silva, que fixo mal, nin me importa.
Non sei que erros cometeu, nin me importa.
Non sei cales son as súas debilidades coma persoa, como ser humano, nin me importa.
Non me interesa escudriñar na súa vida persoal, na súa intimidade, nos seus pecados.
Non quero dar creto a todo o que se di, se comenta, se opina... éme indiferente todo iso. Non quero caer no mesmo erro e escribir dando a miña opinión sobre os acontecementos.
Non me interesa tampouco poñelo en ningún altar. Xa hai demasiados altares e demasiados santos e santas.
O que si me importa e así o fago é dicirlle a vostede que goza do meu respecto máis profundo, da miña admiración, do meu cariño, sentimento que estou segura comparten miles e miles de persoas de ben. Sen ningún medo a equivocarme, sen ningún medo a que me digan “ xa cho dicía eu”, sen ningún medo a que as cousas non vaian ben e haxa que rectificar.
Eu nunca rectificarei o que aquí estou escribindo.

Se hai inferno, e vostede, coma calquera outro ser humano ten que ir a el, eu apúntome a ir con vostede. Porque ha ser un inferno feito á súa medida, a propósito para vostede. Non pode ser que Deus, na súa inmensa xustiza, o mande ó mesmo inferno ó que teñen que ir os calumniadores, os que se regodean na envexa que nos corroe e nos debilita como seres humanos, os que queren acabar cos soños, coa imaxinación, co atípico, e viven mirando só o que teñen diante do nariz, sen perspectivas de futuro, nin se lembrar do pasado, agobiados por un presente mezquino e ruín. Os que todo o planifican e organizan e lles sae todo perfecto, sen importar o que se levan por diante ou a que renuncian... Os que ven un perigo no diferente e por conseguinte destrúeno sen máis...
Querido padre Silva: ó seu inferno quero ir eu, estaría encantada de acompañalo. Pero como as miñas crenzas son máis ben terreais, a única maneira de demostrarlle a miña máis enteira convicción da súa “inocencia” é mandarlle un bico de agradecemento, de afecto e tenrura e dicirlle que se non existise habería que inventalo a vostede e a tantas e tantas persoas como vostede. Espero facelo persoalmente e, aínda que insignificante, sei que aceptará este xesto de respecto.
Ninguén lle pode quitar a enorme satisfacción de haber perseguido un soño e de telo cumprido, mal que lle pese a moitos. Imaxínoo suficientemente realista para saber que dos soños espértase, e ás veces bruscamente nos botan deles. A vida faise de anacos,de partituras máis ou menos agradables ó oído. De músicas deliciosas e outras que chirrían nos nosos oídos. Pobre do que só foi capaz de escribir unha soa nota monótona e aburrida. A súa é, será, unha fermosa peza musical. Estou segura.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net