Volume 2 Número 1 Ano 2005
Autor:María Jesús Pazo
NOLETE
Autor: María Jesús Pazo
Galego
Nunha fría noite de inverno, Nolete deixounos.

E a súa fuxida cara o outro lado, ese lugar descoñecido e eterno onde nos leva a vida cando está cansa, sumiunos na tristeza e na melancolía.

Calquera hora lle serve á vida para abandonarnos, para abandonarse,e si, Nolete deixou de sufrir e gozar. E foise de noite, sen facer ruído, serenamente, como se van os que non queren que lles pregunten a onde?, por que te vas?

Unha non se afai a estas cousas, non nos damos por aludidos, non sei se por necesidade ou por estupidez. Probablemente por ámbalas dúas cousas. Ó noso redor, ó meu redor, van quedando enormes ocos baleiros, profundas zonas escuras ás que non volve acceder a luz . Ecada vez que se vai un ser querido ó meu redor, de novo, queda unha aura mortecina, tenebrosa, que me dá un aire apagado e tristón...,u nha estrela se vai apagando, no meu ceo particular. E estas ausencias tan prolongadas, tan para sempre ? vanme envelenando a alma, veleno de morte e frío, comao deste prolongado e áspero inverno que acabamos de padecer.

Síntoo, pero a súa partida deixoume a boca un pouco máis aceda e a saliba un pouco máisamarga.Que mal preparados estamos para a vida e que mal nos prepara a vida para a morte!

-Que tal, Nolete, como andamos ?

- Bo, que che hei dicir?, ben. Que veña cando queira...

Do seu sofá da cociña ó banco da Rúa Nova. E alí de charla cos veciños, co Luís, co Manolo, coa Lola, coSuso....Do banco da Rúa Nova ó banco da Praza, e a tertulia co Chantadino e o Pepe o Ferraz...Do banco da Praza ó banco da costa da igrexa, para descansar da costa , nunca mellor dito.Ultimamente, a vida do noso querido amigo, transcorríacase que de asento en asento e a amargura e a mala leche cardiovascular ía paralizando o seu cansado corazón...

Pero tamén houbo tempos de risa e festa, ¿ lembras, Nolete ? " ¡¡Agora a do Nolete, agora a do Nolete!!"

Teño unha galiña branca

Que a trouxen de Venezuela

E o caralludo do galo

Non sae de enriba dela.

Non sae de enriba dela.....

E entre copa e copa, entre bromas e risasiamos cantando a canción do Nolete. E Nolete, Noli, Manuel Nóvoa Iglesias dirixía, cantaba e bromeaba.Creo que non quedou unha soa coral en Ourense que non soubera tal canción.

¿Quen nos contará agora tódalas anécdotas e chanzas que el gardaba e contaba con tanta chispa?

" O señor Antonio o Ferreiro tiña unha bicicleta coa que ía facerlle as visitas á moza. De volta pra casa, quedaba durmido, pero non había perigo. En chegando, a bicicleta torcía e metíase dereitiña pra odega."

" E díxolle a Franco : ¡Óes, se te queres quentar, vai por leña!"...

O seu anecdotario era inmenso e escoitalo unha ledicia e un relax. Todos, sentiamos un profundo agarimo e respeto polo Nolete. Pero o noso cronista do anecdotario veciñal, tiña un amplo currículum que o facía sen lugar a dúbidas, ademais de querido e respectado, un dos homes máis populares de Seixalbo :

Trobador de rúas e mozas, e non só das de Seixalbo senón de tódolospobos de arredor, coplista nas festas de San Vreixo os primeiros de xaneiro, "O Parrafeo", no que sorteaban os mozos e mozas. Obrigatorio botar un baile coa parella afortunada. Membro do coro parroquial en tódalas novenas, misas e festividades relixosas da Parroquia...membro do Consello Parroquial...

Pero o que máis me acercou a el, o que creou verdadeiros lazos de amizade, respecto e cariño, foi sen lugar a dúbidas, a súa estreita colaboración con Agromadas, institución cultural na que permaneceu dende a súa creación, como socio fundador no ano 1978 ata o seu pasamento, o 24 de febreiro do ano 2.005. Data que non esqueceremos facilmente.

Ata a desaparición da Coral pertenceu sempre á corda dos baixos, formou parte de tódalas xuntas directivas en calidade de Tesoureiro e era o encargado da intendencia nas festas e xuntanzascoas que nos deleitabamos de vez en cando.

Por todo isto e por moito máis, alá onde esteas, Nolete, Noli, Don Manuel Nóvoa , un bico, unha aperta e un ata sempre de cada un de nós. E de min, ademais de moitos bicos tamén, o meu respecto, cariño e ademiración.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net