Volume 5 Número 3 Ano 2006
Autor:Xosé Lois Valcárcel Valcárcel
GABEANDO POR TI
Autor: Xosé Lois Valcárcel Valcárcel
Galego
Gabeando por ti, seméllasme enorme, desmesurado,
e monte inacadable no que o ceo se olla.

Tentando acadarte, engánchome coas cordas dos meus beizos
nos teus poros rochosos.

Tentando culminarte antes, busco coas xemas dos meus dedos,
a engranaxe íntima que me leve máis cedo ao teu arriba.

E escacho as ondas do meu gosto contra os alicerces das túas ladeiras,
coándome entre os pregos do teu relevo.

Remóntote polos ríos cálidos da túa suor salgada,
navegando por anchuras e estreitezas sensibeis aos meus beizos,
pousando ronseis de tenrura que mañá serán lembranza.

E gravo as miñas pegadas nas fisterras do teu tacto,
tentando atopar algún aloumiño pendurado.

Máis enriba, moi preto de culminar,
asómome pola baranda dos teus ombreiros,
para admirar as túas ladeiras, fachada impoñente,
docemente modeladas e poboadas.

Bícote no colo e as iguanas dos teus ollos ocúltanse,
e unha néboa de menta cúbrenos a ti e a min,
exhalada polo volcán do teu cume,
oco gorentoso onde acadarei o pracer de ter rematada a miña viaxe por ti,
monte no que hoxe repousan o meu desexo e os meus bicos,
vellos xa de agardar un remanso de pel no que morrer,
o teu remanso, que es ti.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net