Volume 10 Número 2 Ano 2010
Autor:Amelia González Iglesias
Vítima
Autor: Amelia González Iglesias
Galego
Vive nunha casa fría, moi fría, en inverno con calefacción e fría tamén no verán. Cheo de cousas, pero con moitas carencias.

Nos seus ollos grandes e moi abertos pódese ler incerteza, inseguridade, medo… Na súa pálida pel vese sufrimento.

Sae da casa. Mira á súa nai abatida, desganada e triste. Respira fondo. Collidos da man diríxense á escola. El diante, como tirando dela. Cun bico, despídense sen palabras...

Colócase automaticamente na fila cos seus compañeiros. Pouco a pouco acomódase no ambiente escolar. Intenta traballar, ri e xoga cando toca, pero de cando en vez, auséntase.

A expresión da súa cara vólvese gris cando toca o timbre de volta á casa. Sae o último...

Fóra está a súa nai que o recibe cun sorriso triste. Outro bico. Emprenden o camiño de regreso á casa, collidos da man, el detrás. Nin unha palabra.

Abren a porta da casa con sixilo. Os ollos moi abertos, ombros caídos, os dous da man. Silencio na casa.

Os deberes no cuarto, xoga coas súas cousas, co corazón nun puño, os oídos moi abertos. Óese a porta, mantén a respiración. De pronto rómpese estrepitosamente o silencio... Silencio outra vez.

“Ven a cear” –chama a nai case sen voz.

Entre miradas tristes, silencio, frío, transcorre a cea...

Xa entre as sabas: golpes, berros, silencio...

Dórmese. Soña que voa...
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net