Volume 8 Número 3 Ano 2007
Autor:Amelia González Iglesias
SEMANA LÚDICO-CULTURAL 2.007
Autor: Amelia González Iglesias
Galego
Do 29 de setembro ó 6 de outubro, celebrouse en Seixalbo a vixésima semana lúdico-cultural, organizada pola Asociación de veciños S. Breixo.

Este ano adicouse de forma especial á xuventude, coa ilusión de que os xoves transmitan o espírito de convivencia e creatividade que sempre caracterizou ó noso pobo, e que dende a Asociación se intenta inculcar ás novas xeracións.

Os protagonistas foron veciños de todas as idades, participando nos actos de veneración a San Breixo coa novena e misa solemne, en xogos e actividades cos que disfrutaron os nenos e nenas, co encontro de fútbol-sala levado a cabo polo equipo local de xoves, no concurso de chave de veteranos (adultos afeccionados de sempre), en talleres de estética , coa participación exclusivamente de mulleres ( cousa que non estaba prevista, pero que era previsible ), no debate-coloquio sobre a problemática da xuventude dirixido e coordenado polo presidente da Casa da Xuventude de Ourense, nunha andaina masiva polos camiños a través do monte que previamente limparon de maleza os propios veciños...

Algúns deles mostráronnos habilidades posiblemente descoñecidas para a maioría e coas que disfrutamos enormemente.
Ana Belén Lois cedeunos parte da súa colección de acuarelas, carbonciños e óleos para expoñer durante toda a semana. Cos seus cadros acercounos á súa sensibilidade, á súa maneira de ver a vida, ós seus sentimentos, transmitíndonos beleza e paz.

Emilio Iglesias Bahamonte deunos a oportunidade de disfrutar da elegancia, beleza e pericia dos cabalos que doma e adestra, sen dúbida con moito traballo e constancia.
A vida de entrega e sacrificio que Adolfo Zon leva a cabo como misioneiro na Selva Amazónica, chegounos a través de imaxes cheas de tenrura e ledicia. Sentímolo cerca, e admirámolo unha vez máis.

Rematou a Semana cunha cea festiva e de convivencia á que foron invitados representantes da política ourensá e da vida relixiosa do noso pobo. O menú foi o típico destes eventos: polbo, empanada e carne ó caldeiro. Todo no seu punto.

Adozaron a cea as mulleres do pobo que, de forma desinteresada, fixeron as sobremesas que repartiron entre os asistentes, e participaron no concurso de doces que ano tras ano se vén celebrando. Noraboa ás gañadoras!

A cea rematou cunha homenaxe póstuma que se lle fixo a “Pepe Chantadino”, coa presenza do seu fillo “Pepucho”, motivada polo servizo altruísta que o Sr. Pepe prestou á comunidade de Seixalbo, exercendo de veterinario sen título en anos tan difíciles.

Emotiva foi tamén a entrega dun ramo de flores a Josefina Cumbrado Babarro, presente na cea, como felicitación e en sinal de gratitude polo solidario xesto que tivo ó doarlle recentemente ó seu fillo César un ril, felicitación que segue pola pronta e visible xa recuperación de ambos.

E así rematou a nosa Semana deste ano. Felicitacións ós veciños pola súa participación , á Asociación San Breixo polo seu entusiasmo no servizo á comunidade e a todos os participantes e colaboradores. A seguir traballando e disfrutando!



Fai click para agrandar...



Fai click para agrandar...



Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net