Volume 12 nº 1 Ano 2012
Autor:Marga Seara Pazo
Xa morreu Franco!
Autor: Marga Seara Pazo
Galego

Todos sabemos que corenta anos de franquismo non foron en balde e aínda arrastramos como lousas tanto tempo de patriotismo e relixión.

Seixalbo non podía ser menos, e por máis que insistimos en que xa rematou a ditadura, que non temos que mostrar a adhesión os réxime con bandeirolas, que unha cousa é a política e outra ben difrerente é a relixión, as xentes non terminan por asumilo, de xeito que, cada ano por Corpus os balcóns énchense de bandeiras de España. Tamén os hai que se negan e mercaron a bandeira de Galicia: mal feito tamén.

As fotografías de Seixalbo anteriores ó franquismo da festa de Corpus non son moi ilustrativas, pero algo intúese: as mellores colchas e as mellores sabas bordadas penduraban dos corredores, dos máis señoriais e dos máis humildes. Tampouco se facían alfombras de flores, e con isto non queremos dicir que non se fagan, pero antes, o percorrido da procesión estrábase con “ciollo” que é o nome que aquí damos ó fiúncho, e de pétalos de rosas. Algunhas mulleres pesperaban cunha cesta no balcón chea de pétalos, e cando pasaba a procesión facían caír unha poalla de pétalos que engaiolaba a maiores e cativos. Nada queda de todo iso.

No polo oposto están lugares como La Alberca, en Salamanca: eles souberon ver desde moi pronto que a conservación das súas antigas tradicións atraía a gran número de persoas que visitaban o lugar e que deixaban na visita algo de ganancia para os negocios. Gustaríame que as mulleres, e digo mulleres porque en iso si que gardamos a tradición, comparasen os nosos politizados balcóns cos da Alberca, comparasen e visen a diferencia. Non podo entender como lugares como a Praza do Cabildo, que foi coñecida por mal nome como “O Centro do Paganismo” por seren case todos contrarios ó réxime, se engalana en corpus coas bandeiras de España. Non se trata de substituír unha bandeira por outra, senón de destarralas dunha vez por todas e sacar de novo as colchas, manteis e sabas. Oxalá tomemos nota e nos atrevamos a recuperar o perdido. Xa morreu Franco! Aínda que ás veces non o pareza.

Balcóns en La Alberca o Corpus de 2012


Unha rúa de La Alberca nas festas de Corpus

Unha familia de La Alberca vestidos cos traxes herdados dos seus antepasados




Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net