Bases premio "Freire Carril"
Autor:Asociación Cultural Agromadas
BASES PREMIO "FREIRE CARRIL"
Autor: Asociación Cultural Agromadas
Galego

Premio Freire Carril 


 A participación  e dinamización  da   comunidade social, nos aspectos referidos á defensa  dos valores democráticos,  da cultura en xeral e da galega en particular, e do interese público,  engrandece ás persoas, ás entidades e  aos pobos.

 

  PREMIO FREIRE CARRIL

        da Asociación  Cultural Agromadas 

     A Directiva da Asociación Cultural Agromadas,  despois dun longo tempo de debate, acordou, na xuntanza ordinaria do 21 de Xaneiro do ano 2.009 ,  por unanimidade dos seus membros,  poñer en marcha o premio anual  FREIRE CARRIL para distinguir ás entidades e persoas que en Galicia desenvolven labores a favor da comunidade social, e que abranguen  aspectos referidos á participación na vida comunitaria,  defensa dos principios da democracia, espallamento da cultura galega... 

     As labores que realizan  estas persoas,  case sempre de maneira altruísta,  na defensa do interese  público; as Asociacións  de todo tipo que afrontan labores de dinamización  e espallamento da cultura en xeral e en particular da galega, do deporte e mesmo as reivindicativas nos barrios, pobos e aldeas; as que teñen iniciativas e  que actúan de animadoras socioculturais,  son a base social dun país que se quere superar en tódolos ámbitos da vida.





        E, tomando como base e referencia a Festa dos Foros, festa que nos lembra a loita dos veciños da antigua Vila e Couto de Seixalbo, contra o bispado e o Cabildo da Catedral de Ourense para desterrar a inxustiza deste imposto, que obrigaba a pagar 500 moios de viño a os veciños de este lugar, a Asociación Cultural Agromadas chegou á conclusión de que era necesario institucionalizar este premio, o cal será de carácter simbólico, ao carecer de contía económica.
        A teima do principal impulsor daquela reivindicación que eliminou o abusivo pago das rendas ao bispo e  Cabildo da Catedral de Ourense no ano de1858  foi Fernando Freire Carril.
        E a súa loita e a dos  138  veciños que foron a un xuízo que durou 20 anos,  foi para nós un fito que  trazou un paralelismo entre os feitos daquela época,  cos  labores que moitas persoas e entidades realizan  hoxe na defensa dos bens públicos das comunidades sociais.  
        Este  traballo colectivo para mellorar e dignificar a vida das xentes en moitos lugares da nosa terra é un labor que  debe de ser potenciado e recoñecido publicamente.

        A Directiva de Agromadas entende que, ao tomar esta iniciativa e tentala consolidar no tempo, realiza unha  tarefa moi importante para Seixalbo, pois este  lugar emblemático e singular do Concello de Ourense terá a posibilidade de ser coñecido en toda Galicia e alén das nosas fronteiras.


BASES:

1.- O premio anual FREIRE CARRIL terá un carácter simbólico, polo que carecerá de dotación económica. Constará de diploma acreditativo e figura con inscrición.

2.- Todos os socios da Asociación Cultural Agromadas, así  como calquera  entidade asociativa ou  cidadá  a título particular,   poderán propor candidatos para optar a este premio, dous meses antes da Festa dos Foros, que se celebra unha semana despois do 24 de  San Xoán.

3.- A Directiva da Asociación Cultural  constituirase en xurado para escoller á persoa ou entidade premiada. Para un mellor funcionamento,  o xurado,  poderá recadar a presenza  ou opinión de persoas idóneas  co fin de asesorarse nunha determinada materia, antes de emitir o seu veredicto.   

4.- As propostas para participar no premio presentaranse sempre  por escrito, estarán  dirixidas ao presidente da Asociación Cultural Agromadas e, obrigatoriamente, virán argumentadas, co obxecto de  facilitarlle o traballo ao xurado. Só se aceptará unha proposta por entidade ou persoa.

5.- Entre as propostas presentadas para ser premiadas,  o xurado  fallará  e  dará a coñecer o nome da entidade ou  da persoa ou persoas ás que se outorga este premio, dúas semanas antes da Festa dos Foros. Os premios entregaranse  publicamente na Festa dos Foros, que organiza  anualmente esta Asociación Cultural. O fallo do xurado  será inapelable.

6.- Se o xurado  o considerase oportuno, o premio poderá quedar deserto,  por carecer de candidatos ou non reunir estes as calidades necesarias que emanan do  espírito para o que foi creada esta distinción.

7.- A interpretación destas bases corresponde ao xurado.

8.- A modificación destas bases corresponde á  Xunta Directiva da Asociación  Cultural Agromadas.

                                   Seixalbo, a 18 de Febreiro de 2009. 

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net