Volume 17 Número 1 Ano 2015
Autor:Xosé Carballido Presas
Dous mortos en Seixalbo
Autor: Xosé Carballido Presas
Galego
Mascábase a traxedia en Seixalbo, e así aconteceu: dous mortos enriba do escenario. Afortunadamente, os aplausos dun público agradecido, fixo revivir a estes mozos vítimas de amores e desamores imposibles, na máis desgarradora traxedia lorquiana.

Da man dun ilusionado grupo formado na Universidade Laboral, entre eles varios estudantes do Curso de Iniciación ao Arte Dramático, baixo a dirección de Matilde Vázquez, o teatro de Lorca chegou ao Auditorio de Penouzos, nun Seixalbo sempre disposto a gozar de calquera manifestación cultural. VODAS DE SANGUE, representada nos mellores escenarios e levada en varias ocasións ao cine, foi bendicida tamén na nosa vila.


O pai da noiva, maxistralmente interpretado polo noso conveciño Héctor González Pereira, sabedor de que a súa filla suspiraba por outro mozo, preferiu entregala ao noivo “rico” na procura de xuntar as facendas e garantir descendencia para traballalas, o que acabaría en traxedia. Mal pensaría don Federico que sería ovacionado polos descendentes de aqueles que cen anos antes estaban enfrontados á Curia para facerse donos da terra que traballaban e redimir uns inxustos foros. A terra, tantas veces causa de litixio, amor e morte. 

Simpático o baile de tablao aínda que, sendo sincero, algo distante daquela coreografía do mestre Antonio Gades na versión cinematográfica da obra dirixida por Carlos Saura.

Nun escenario sinxelo e un atrezzo versátil, unhas simples telas e o xogo de luces, serían suficientes para crear os distintos ambientes que o publico, entregado, imaxinaba sen problema. Tampouco faltaron na voda os entremeses, esta vez “auténticos” a xulgar coa avidez coa que eran devorados pola chavalada de figurantes convidados á cerimonia.

Apunta táboas Héctor nesto da interpretación, e algún día verémolo na gran pantalla, a pesares que na súa humildade, define ao equipo como “un grupo de aficionados que lles encanta o teatro e transmitirllo á xente dunha forma coloquial e única”. Pois, conseguido.


Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net