Volume 17 Número 1 Ano 2015
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
Priscilla en Seixalbo
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

O sábado pasado as xentes de Seixalbo, no auditorio de Penouzos, representaron unha singular adaptación teatral que en clave de humor narraba as vicisitudes de tres amigos que viaxaban para ver o famoso musical Priscilla. A súa travestida e atrevida vestimenta fará que se atopen coa incomprensión dunha parte da sociedade, cada vez, por sorte, máis minoritaria. Mais o arrinque dunha espontánea ovación do público cando unha das actrices lle deu lectura o artigo 14 da Constitución a un machista e violento director de cine coa intención de frear as súas ameazas, indicounos que, por fortuna, a sociedade é sensible ás cuestións referidas á discriminación por razóns de nacemento, raza, sexo, relixión ou opinión como recolle a Carta Magna; indicounos que a sociedade ten menos problemas en asumir realidades que moitos dos nosos gobernantes, persoas que chegan ó poder cargados de promesas con poderes e que se negan a aceptar a realidade. Poderes que queren ditar a moralidade, dando como válida soamente a deles ou a dos grupos relixiosos afíns.

Un momento da representación no auditorio de Penouzos


Pretendían os actores que o público, máis de duascentas persoas, pasaran un momento agradable e moi divertido e, ademais, captaran unha mensaxe de fondo sobre a tolerancia e respecto cara as mulleres e demais persoas sen perxuizos de ningún tipo. Foi, polo tanto, unha noite divertida chea de música e cor, na que, rematado o espectáculo, nos comentarios posteriores medrou a convivencia e falouse das contradicións nas que caen os nosos gobernantes cando lles poñen paus nas rodas a leis que non van contra ninguén e si lle dan contestación ás demandas de colectivos e grupos de cidadáns. Leis que non obrigan e que permiten a convivencia social. Leis que abren portas e rematan coa marxinación e discriminación dos seres humanos.

E neste senso cabe subliñar as incoherencias de moitos grupos e políticos. As incoherencias na forma de votar e agora na forma de actuar. Pois non se pode esquecer, por exemplo, que os Populares levaron ó Constitucional a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. E agora, o mesmo Sr. Rajoy, presidente do goberno, asiste a cerimonia de casamento do seu compañeiro de partido o sr. Maroto.

Parece que, moitas veces, a realidade social, que é o mesmo que dicir a sociedade, camiña por un lado e vai por diante, de parte da clase política. En fin, avanzamos e paso a paso imos deixando atrás atavismos ideolóxicos e sobre todo moitos perxuizos.

https://youtu.be/7R7zAalCuSM





Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net