Volume 16 Número 2 Ano 2014
Autor:Marga Seara Pazo
O mes da salgueira e o vimbieiro
Autor: Marga Seara Pazo
Galego

A salgueira ou salgueiro en galego, pero tamén a vimieira ou vimbieiro son árbores que enchen os humedais de Galicia, diferentes, pero ambas da familia das salicáceas.

Sen saber exactamente a qué variedade se refire, en grego o nome para estas árbores era helike e en latín sálix. En inglés a salgueira é willow, e da mesma raíz temos wicker, vimbio. No alfabeto das árbores, reliquia druídica, cada letra ten o nome da árbore de que é a inicial: o “s” é a 5ª letra, a 5ª árbore por saille, (sauce/salgueira e vimbieiro?) e no calendario druídico o mes da salgueira vai dende o 15 de abril ao 12 de maio.

Sexa salgueira ou vimbieiro ou calquera outra variedade, é unha árbore chea de maxia, ligada ás meigas e á morte. 

En Grecia esta árbore estaba consagrada a Circe, “a meiga”, e tamén a Hera e a Perséfone, deusa dos infernos; seguramente estas tres deusas eran as tres caras da Triple Deusa, virxe, adulta e vella; dadora da vida e da morte, á mesma que adoraban as meigas na Europa septentrional: a Lúa e as súas tres fases. O nome en grego de helice ten a mesma raíz que Helicón, río que bordeaba o Parnaso, monte onde residían as tres Musas, máis tarde nove (tres veces tres, sempre a maxia), seguramente en principio sacerdotisas orxiásticas da Deusa Lúa (R. Graves: Los mitos griegos I, p.225) e á Triple Musa estaba consagrado o quito mes (R. Graves, I p.200); segundo Pausanias (X 30,30) en Delfos representábase a Orfeo apoiado contra un sauce e tocando as súas ramas para recibir o don da elocuencia mística. A sacerdotisa da Triple Musa empregaba a salgueira en toda clase de feitizos e maxia acuática. Incluso Helice, a salgueira, como deusa acuática e feiticeira figuraba entre as deusas gregas, casada con Ión, fillo de Apolo. Posuía, por tanto, unha maxia luar poderosa: a súa corteza utilizábana os espartanos para paliar o reumatismo; unha variedade de sauce era asociado a Asclepio, deus da medicina, en Esparta e esparexíase nos leitos das matronas en Atenas durante as festas das Tesmoforias para afastar as serpes ou as ánimas en forma de serpes. Os ritos de fertilidade espartanos, que posiblemente en tempos incluísen sacrificios humanos, debían consistir en atar á vítima con ramas de salgueira ou vimbieiro a unha árbore e azoutala ata que se producira unha erección erótica: eiaculaba e fertilizaba a terra co seu seme e o seu sangue.

Domingo de Ramos en Rumanía con ramas de salgueira


Noutros lugares de Grecia a salgueira estaba consagrada a Hécate a Gran Deusa, coñecedora da maxia, asociada aos cruces de camiños e á lúa; raíña do ceo, da terra e do mar; representábase ás veces como unha muller cun triple corpo. É a deusa primitiva presente na meirande parte das relixións, moitas veces transformada e mesmo masculinizada: é o deus Beli británico, a Belili mesopotámica, Beliy ya´al, “de onde un non regresa”, dos xudeos; todas as árbores, pero en especial a salgueira lle pertencen igual ca os mananciais.

A salgueira tiña unha grande importancia no culto a Xehová en Xerusalén e ao Gran Día da festa dos Tabernáculos, cerimonias de lume e auga, era chamado “Día das salgueiras” (Graves: La Diosa Blanca, I, p.73).

Xa vimos como as meigas de Europa do norte adoraban á triple Deusa: as meigas do norte de Berwick, segundo confesaron ao rei Xacobo, ían ao mar para celebrar os seus aquelarres en canastras de vimbio asemade parece clara a relación entre o nome da salgueira en inglés, willow con witch, bruxo. Con ramas de sauce se ataban as vasoiras das meigas e os sacrificios humanos dos druidas eran ofrecidos durante o plenilunio en cestos de vimbio; os pedernais funerarios coroábanse en forma de folla de salgueira.

A salgueira era a árbore sagrada para os poetas, relacionado coas Musas gregas e tamén con Orfeo. É a árbore do encantamento e o quinto do ano, como o cinco era o número consagrado a Minerva, a deusa lúa romana.

Nada mais máxico que ver na nosa terra como um home busca um manancial situado a vários metros de profundidade sostendo unha feble ramiña de salgueira em forma de uve e asombrarse ao comprobar como treme esa vara apuntando o lugar no que hai que cavar para chegar ao manancial: así era como se buscaba o lugar no que había que cavar o pozo no rural da miña infância.

Para rematar, quen sabe se o costume de portar ramas de sauce, en vez de palma en moitos países de Europa o Domingo de Ramos, que habitualmente cae por estas datas, non sería un ritual ben máis antigo cá celebración da entrada de Xesús en Xerusalén, como sucedeu con outros moitos ritos do folclore antigo solapados por celebracións e crenzas cristiás.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net