Volume 15 Número 1 Ano 2014
Autor:Jesús Bande Cid
Don Ramón de Vilachaira
Autor: Jesús Bande Cid
Galego

Vilachaira era un pobo tranquilo, illado; estendíase nunha gran superficie e rodeado de montañas cunha comunicación coa vila máis preta un tanto dificultosa.

Don Ramón era un home pequeno, xa entrado nos 60 , listo como un allo, moi faladeiro e sempre cunha palabra amable para seus veciños.

Vivía no pazo de Sobreiro, unha casona señorial de herdanza familiar, construída hai máis de 200 anos , moi arranxada e con todas as comodidades.

Don Ramón exercía de alcalde, e a todos tiña contentos. Na taberna do pobo, era o primeiro en convidar. Cada vez que Don Ramón entraba aquelo era unha festa. O taberneiro, sabía que ese día faría unha boa caixa, e os veciños que alí estaban sempre saían mais enchispados do normal. Don Ramón era recibido de un xeito moi especial. Case que unha pequena reverencia saía de cada veciño, como xesto de respeto e veneración.

Na taberna interesábase por todos.

¿Como vai da cadeira túa nai, Xosé?, preguntaba don Ramón.  E Xosé sentíase medrar o explicarlle a Don Ramón, case en tempo real as peripecias dende que Rosiña a do muíño esbarrara saíndo da casa e romperá a cadeira ata o día de hoxe , que estaba na cama sen poder moverse.

¿ Toñito, e teu fillo que tal por Barcelona?. E Toñito, o ser preguntado por D. Ramón, e lembrar o seu fillo que non vía dende o Nadal contáballe con pelos e sinais cada unha das conversacións que tiña con el.

Así un tras outro repasaba a vida dos veciños máis tabernarios.

Si de enterros ou cabo de anos se trataba, non perdía un. Era un dos fixos.

Co carácter cordial e faladeiro contrastaba a súa xestión no concello. Un desastre. Todo estaba sen arranxar.

Si de comunicacións se trataba, os camiños estaban feitos un lamazal e no inverno non era doado o pasar por eles.

Si de axudas sociais se trataba, os veciños nin sabían o que era.  Pero don Ramón si recibía axudas. El tiña unha habilidade especial para conquerir cartos públicos, os que lle daba un uso un tanto privado.

A súa casa estaba chea de libros doados para o pobo, dos que el era o único que facía uso de eles.

Por outra banda a estrada que chegaba ata a súa casa, era unha das poucas que se podía considerar ben arranxada.

O pobo non dispuña de ningún tipo de médico ou axuda sanitaria. O máis parecido era Bieito, o arranxador de osos, e Luisa a parteira que ca sabedoría herdada de seus pais e avós, axudaban no que podían a comunidade.

O médico máis preto estaba na Vila a máis de 30 Kilómetros, pero que en ningún caso se podía chegar antes de hora e media, polo mal estado da estrada e camiños,  e so estaba reservado para os casos de urxencia

Unha mañá de inverno saíndo da casa, Don Ramón atopouse con Saturnino, o veciño que vivía preto da súa casa. Saturnino estaba loitando co seu carro e os bois, para poder saír de un buraco no que quedou entalado.  Don Ramón ao ver ao home esforzándose por sacar o carro, non o dubidou un momento, e remangándose a camisa fixo o que puido ata sacar o carro de aquel lamazal.  Saturnino quedou eternamente agradecido. Ese día non falaba de outra cousa. A cada quen que atopaba, contaba a axuda recibida e como Don Ramón a pesares de ir co traxe dos domingos ( so tiña dos bos), non dubidou en axudarlle.

Aquel home tan popular, tiña encandilado a todo o pobo.

Don Ramón non tiña ningún problema económico. A parte da súa herdanza, tiña a habilidade de tornar os cartos públicos cara o seu peto, e non lle faltaba de nada. Era querido e admirado no seu pobo, pero tiña unha espiña cravada dende facía tempo.

Monchiño, seu  fillo único, anos atrás tivera certas desavenencias co seu pai e agora estaba na capital estudando dereito. Era un rapaz listo e espabilado como seu pai, e con un sentido da xustiza e honradez herdado de súa nai.

Monchiño non vía con bos ollos a deixadez e abandono no que estaba o pobo, no que faltaba de todo. Ese tema era obxecto de continuos reproches cara seu pai, que o único que facía era quedar ben sen gastar un solo peso. Esa actitude era causa de moitas rifas que acabaron con Monchiño lonxe do pobo.

Unha  tardiña de outono, Don Ramón escomenzou a sentirse mal, unha forte dor no peito fixo que perdese o coñecemento e caese o carón da estrada, preto da súa casa. Cando foi atopado polo seu veciño Saturnino xa non se puido facer nada. Don Ramón estaba morto.

Foi un gran enterro. Non faltou un veciño . Todos choraban a morte de D. Ramón, que tanto ben fixera o pobo, ou iso pensaban os veciños.

Monchiño cando voltou ao pobo con motivo da morte de seu pai, atopouse todo como se o tempo se parase anos atrás. Todo seguía igual, e a idea de cambio xurdiu na súa cabeza. Por o seu pobo e por seu pai, estaba decidido a mellorar as cousas.

Sendo un rapaz listo como era, no lle costou moito facerse alcalde do concello. E ademais sendo fillo de quen era a aceptación dos veciños foi algo feito.

Monchiño non podía ser máis distinto a seu pai. El non adoitaba ir a taberna e tampouco era tan faladeiro . Pero todo o que lle faltaba a D. Ramón tíñao el de abondo. Era un gran xestor.

Tres meses despois de acadar a alcaldía e tras moitos contactos con  organismos públicos unha mañá apareceron no pobo as máquinas para arranxar os camiños.

Nunca outra se vira. Máis de 20 homes traballando a reo durante semanas, deixaron o pobo irrecoñecible. O que era corredoira, converteuse en camiño mais que transitable, e os camiños con lodo lucían un asfalto e un firme que os facían vías de comunicación eficaces.

A Vila na que antes non se podía chegar en menos de hora e media, agora estaba a media hora de distancia en coche.

Agora os bois do veciño Saturnino, xa non se enterraban nos camiños, e non precisaba axuda.

Monchiño, seguía traballando en silencio. Os veciños si e que estaban contentos, tampouco dician nada. A comunicación que tiña D. Ramón co pobo, faltáballe a Monchiño.

Non fixera o ano dende a chegada de Monchiño, cando se anunciou a contratación de un médico con consulta no pobo, dous días a semana.

O ano seguinte  arranxouse unha casa no pobo e unha mestra todas as mañas atendía os rapaces ensinando todo o que precisaban ata os 15 anos.

Un autobús chegaba a diario o pobo e a xente xa non estaba allada como no pasado.

A xente da vila preta a Vilachaira decatábanse da transformación que Monchiño estaba a facer no seu pobo, e cando preguntaban por el a resposta sempre era a misma. Si, e bo rapaz e fai o que pode, pero como D. Ramón …

Xa pasaran cincos anos dende a volta de Monchiño o pobo e moitas cousas se fixeran. Ademais de levar o concello, tamén tiña tempo para seus negocios que a par que o concello medraban de ano en ano.

Os veciños debido a o distante que encontraban o alcalde, pronto empezaron a murmurar. Comentarios como . “Se o fixo será porque lle convén”, trataban de xustificar o progreso do seu alcalde.

Monchiño, empezou a sentirse a desgusto, e non notaba o apoio a sua xestión.

Unha mañá apareceu un cartel pegado no muro da súa finca que dicia: “ ALCALDE LADRÓN, PRESENTA A DIMISIÓN”.  Non esperou moito a decidirse. Unha semana despois Monchiño ía camiño da cidade  para nunca mais voltar ao pobo polo que tanto traballara.

Os veciños recórdano como unha persoa distante, e incluso algo antipático. Para alcalde D. Ramón, ese si que sabía…

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net