Volume 15 Número 1 Ano 2014
Autor:Marga Seara Pazo
O amieiro, parte do noso patrimonio
Autor: Marga Seara Pazo
Galego

Amieiro. Foto arquivo Ridimoas

 O 18 de marzo, segundo o calendario máxico arbóreo celta comenza o mes do amieiro, ameneiro ou aliso, "Fearn" (Bran), correspondente á letra F do alfabeto ogham. Nestas datas o amieiro comeza a florecer e sinala que o sol primaveral seca as inundacións invernais. Inclúe o equinoccio de primavera, cando os días se fan máis longos cás noites e o Sol chega á súa virilidade. O mes remata o 14 de abril.

Na mitoloxía nórdica, o amieiro é un símbolo da resurrección; Bran é recoñecido na batalla das árbores pola rama de amieiro que coa súa espiral sinala a continuidade da vida. Os primeiros humanos da mitoloxía nórdica foron creados a partir de freixos e amieiros. Tamén din que para os druídas o amieiro simbolizaba a unión entre os principios masculino e feminino, e polo tanto o equilibrio. Os amieiros dan tres tintas: o vermello coa cortiza, o verde coas flores e o pardo coas ramas o que parece simbolizar o lume, a auga e a terra. O verde asóciase tamén coa roupa das fadas no folclore británico, seguramente superviventes de tribos primitivas expulsadas e obrigadas a fuxir e esconderse entre as montañas e os bosques, de aí a cor mimética da vestimenta. Os heroes tinxidos de carmesí das Tríadas galesas, reis sagrados, relacionábanse co culto ao amieiro (Bran) e seguramente pintaban os seus corpos de vermello co amieiro.

O amieiro relaciónase co lume, porque, aínda que arda mal, dá o mellor carbón e nos distritos rurais de Irlanda talar un aliso era castigado incendiando a casa do culpable. Igual que o lume seca a auga, cando florece o amieiro o sol disipa as augas das terras inundadas durante o inverno. Relaciónase coa auga pois resiste a corrupción por efecto dela, de aí que se empregue na construción de pilas para a auga e nos pontóns para pontes e edificios asentados en terras moi húmidas. Cando o home se asenta á beira dos lagos e ríos erguendo as súas casas (palafitas) sobre elas, faino con troncos de amieiro. O escritor e enxeñeiro romano Vitruvio dinos que nos pantanos de Ravena empregaron o amieiro como pións das calzadas”. Virxilio nas Xeórxicas refire que os barcos se fan desta árbore (G. I, 136). Mais o amieiro menciónase ben pouco nos mitos gregos e latinos, pois parece que foi substituído como árbore oracular polo loureiro. Porén na Odisea o amieiro, en grego κλήθρα (kléthra), é nomeado como a primeira das tres árbores da resurrección que formaban o bosque arredor da cova de Calipso na illa de Ogigia “Rodeando la gruta, había crecido una verde selva de chopos, álamos y cipreses olorosos donde anidaban aves de luengas alas” (V, 55 e ss.). Robert Graves tamén apunta a teoría de que o mito de Apolo que reta ao flautista Marsias, e ao que finalmente espelica, nos fale do desprendemento da corteza do amieiro, empregada para a fabricación de chifros e frautas. Porén non puidemos corroborar, en contra de Graves, que na Eneida Virxilio afirme que as Helíades, irmáns de Faetón, chorasen a súa morte e foran convertidas en amieiros, senón en chopos ou álamos. 

 

Robert Graves, na súa obra La diosa Blanca: gramática histórica del mito poético (Alianza ed., Madrid, 1983) fala en varios capítulos do aliso. Dinos que xa nun poema do s. VII agregado á antiga lei irlandesa Crith Gablach: “el abedul, el aliso, el sauce, el roble, el acebo, el avellano y el manzano […] los árboles siguen un orden de sucesión claro desde el equinoccio de primavera hasta el final de la recolección de la manzana” (op. cit. p. 336). De todos é sabido que as árbores son fundamentais na relixión celta: en todas as linguaxes célticas árbores significa letras e os colexios druídicos eran fundados en bosques; ademais, boa parte dos misterios druídicos relaciónanse con ramas de diferentes clases; as runas eran marcadas en táboas de madeira, concretamente de faia. Pois ben, un dos poemas irlandeses que conservamos, escuro e de difícil interpretación é o  Câd Goddeu, a “batalla das árbores”, unha peza fundamental que é interpretada por Graves como a expulsión da necrópole nacional por parte dos antigos labregos residentes en Britania na Idade do Bronce dun sacerdocio que coñecía “o segredo”. Este segredo, para Graves, ten que ver coa Deusa Branca, nai de Bran e esconde tamén un calendario de maxia arbolaria. A batalla da árbores remata coa vitoria do freixo e os seus aliados sobre o aliso/ameneiro e os aliados deste. Na batalla das árbores o amieiro loitou en primeira liña o que alude a que “a F é unha das primeiras consoantes do alfabeto Beth-Luis-Nion”. Na Song of de Forest Trees osiánica irlandesa descríbenos o amieiro como “el mismo brujo de la batalla de todos los bosques, el árbol más fogoso en la lucha” (íd. p. 220).

Cando nos achegamos a esta árbore dende un punto de vista filolóxico, o primeiro que nos chama a atención son as denominacións que recibe  nas distintas linguas, tan distantes, até facelas irrecoñecibles. Nada ten que ver a voz galega ameneiro ou amieiro con aliso, nin coa denominación latina alnus da que si derivan o francés aune, lingua que reserva alisier para certo tipo de serbal; en alemán dise Erle, aínda que en antigo alemán dialectalmente existía a denominación lutter, da mesma raíz do grego antigo κλήϑρα (kléethra), aínda que a simple vista non o pareza. Aliso e alisier derivan, penso eu, de ἄλυσσον (álysson) planta medicinal coñecida na Grecia Antiga polas súas propiedades contra a rabia (λυσσα (lýssa), tamén en grego moderno) e á mesma conclusión chegaran estudosos coma Sarmiento, segundo puiden aprender máis tarde. A raíz da que puidese saír ameneiro/amieiro é descoñecida, ou, cando menos, controvertida e totalmente diferente da que proveñen aliso e alisier e do alnus latino; o ameneiro/amieiro galego poderían provir dunha raíz céltica? *amen-, co significado de corrente de auga en referencia a que son as árbores que medran á beira dos regatos. Martín Sarmiento escribe sobre o nome do amieiro: 

“No se crea que yo asiento a que esa madera era de aliso. Ni por pienso. Jugué de las voces alno y alnah, para hacer tránsito a decir algo del aliso, o alno. Al aliso llamó Pedro Crescentio (y solo) amedano. De ahí amedanario y amenario. Y de ahí formó el gallego ameneiro  y amieiro. En el Reino de León se llama húmero, acaso de humidus; y acaso Crescencio llamaría humedanus. La voz aliso es de difícil origen. De alnus dijo el francés aune; y el italiano onici y onio. En el tomo I de Bauhino, parte 2, página 153. Deonici, o onisio, mudaba la o en a; y la n en l, alisio y aliso. (2591) Hay otro árbol que el francés llama alisier, y es el crataego con hojas de aliso, y por eso se llama alisier y no por otra razón. Los que escriben en castellano aliso confunden el árbol alnus con la plantica alyssum, que tiene diferente origen y no tiene conexión con el árbol aliso, alno, o amieiro gallego. Monsieur Menage no estaba en esto cuando puso el origen de su alicier. San Isidoro dice: Alnus vocatur, quod alatur amne. Es visible que se alimenta en los ríos y de los ríos. Y Vitrubio afirma que aunque su madera es casi inútil fuera de la agua, para los cimientos que se hacen en sitios pantanosos permanet inmortalis ad aeternitatem. Añade que es aere, et igni plurimo temperata, su madera. Y por ser tan porosa y tener muy viscosas sus hojas, si no sirvió para dulcificar las aguas de Mara, podrá servir para tentar con esa madera hacer potable la agua marina, chupando y embebiendo en sí sus malas cualidades.” (M. Sarmiento: Corpus Lexicografico da Lingua Galega, USC).

 Robert Graves suxírenos unha fermosa relación do nome castelán desta árbore co cemiterio da illa sepulcral Alyscamps, no Ródano, preto de Arlés, na Provenza. Graves relaciona esta necrópole como o lugar onde se rendía culto á deusa nai, á Deusa Branca, como unha Tríada, e así explica algunha das estelas funerarias, coma a das Tres Marías: “el nombre Alyscamps ha sido explicado como Campi Elysiani, Campos Elíseos, pero es igualmente probable que Alys fuese el nombre antiguo de la diosa; y también es posible que el adjetivo homérico “elíseo” se derive de su nombre. Alys aparece también como alise o alis en muchos nombres de lugares franceses. El Dictionaire Etymologique de Dauzat deriva la palabra alis, alise , con el significado de “caleta reguardada” de la palabra gala alisia, tal vez precéltica, representada en numerosos nombres de lugares y que también tiene que haber originado la palabra española aliso. Esto tiene un buen sentido mítico, porque la isla sepulcral de Calipso, Ogigia, estaba protegida por sotos de alisos […] Un nombre del aliso en alemán es else que corresponde a la palabra escandinava elle. El danés Ellerkonge es el rey del aliso, Bran, que se lleva a los niños al otro mundo; pero elle significa también “elfo”, al que se debe considerar como un clethard, o duende del aliso. Por eso en la conocida balada de Goethe, basada en Stimmen der Völker de su predecesor Herder, Ellerkonge es traducido correctamente por “Erlkönig”, pues el nombre más común del aliso en alemán es erle” (p.350-1)

Efectivamente, o adxectivo Elíseo (Eelýssion) aparece por primeira vez na Odisea referíndose á chaira dos benaventurados. Se consultamos dicionarios de referencia, non atopamos máis que expresións como “de orixe incerta”, aínda que se barruntan conxeturas: hai quen di que é prehelénica, e outros que significa “golpeado polo lóstrego”, apuntando que aquel ao que Zeus mataba co lóstrego iría aos campos Elíseos!?. Cómpre apuntar, rompendo unha lanza a favor de Graves, que a alfa longa pasou a eta en xónico ático, e “elýsion” leva eta, e de aí a variante alys/ elys.

En Seixalbo a esta árbore chamámoslle “amieiro” e temos un microtopónimo que fai referencia a ela: As Amieiras. Está situado na subida ao Cumial pola estrada OU-105, nos arredores da fábrica de Forxados e Xeixalvo. É un lugar cheo de mananciais nos que nace o regato que pasa, ou máis ben pasaba, polo centro do lugar. Aquí a madeira dos amieiros usábase na base das chancas e debeuse ser tradicionalmente a madeira elixida cada vez que había que traballa; seguramente por iso eran de amieiro a antiga cabeza do meco de Seixalbo, Nicanor, e así o recolle unha copla feita polo pobo nun Entroido cando era cura párroco Ramón Canal, nas primeiras décadas do século XX: “Santo Entroido queridiño/ feito de pau de amieiro/ castiga ó Ramón da Mecha/ por te chimpar do cruceiro”. 

Como vemos esta árbore, agora en perigo non so polas talas sistemáticas que se fan á beira dos ríos para construír cómodos paseos senón tamén a causa dun fungo alóctono que a está atacando, forma parte do noso folclore e polo tanto da mitoloxía dende tempos inmemoriais. Cada vez que vexo como un amieiro seca non podo velo como unha árbore máis, quizais porque sabendo todo o que hai detrás, me leva a miralo con outros ollos, como se secase unha parte do noso patrimonio.

 Marga Seara. Marzo de 2014

     
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net