Volumen 13 Número 1 ano 2013
Autor:Jesús Bande Cid
Tenoloxía e impacto social
Autor: Jesús Bande Cid
Galego

É sorprendente a capacidade que temos de integrar na nosa vida os inventos a aplicacións tecnolóxicas,  sen decatarnos.

Non temos que remontarnos moitos anos atrás, para ver esta evolución.

Nos anos 60 e principios dos 70, comezaron a espallarse algunhas  aplicacións tecnolóxicas con un impacto na nosa vida, moito máis profundo do que a simple vista puideramos pensar.

Estou falando do automóbil  a televisión e o teléfono.

Cousas que parece que levan a noso carón toda a vida, e así e para moitos, pero que cambiaron a forma de relacionarnos.

As festas nos pobos eran actos sociais, esperados todo o ano, e con unha participación masiva. E así era porque tampouco había moitas máis opcións. No momento en que irrompe o coche na nosa vida, xa temos outra liberdade que nos permite ampliar o radio de acción. Xa somos capaces de elixir entre a festa dun pobo ou de outro, empeza o declive e auxe de unhas e outras.

Pero o uso do coche como elemento de ocio, non so se limita as festas.  Empezamos a desprazarnos por motivo de vacacións, facemos turismo, visitamos a familiares e parentes de lonxe…  A transformación xa está feita. Ese tempo que empezábamos a empregar nos viaxes, xa non  o dedicamos ó noso entorno e o que foi o noso núcleo vital.

A transformación é tan profunda, que sen este invento a realidade sería completamente diferente. Sirva como exemplo Vigo; unha cidade que ten como polo de crecemento o automóbil. Unha cidade ligada á pesca e ás actividades mariñeiras que se transforma e vira cara a outro modelo de crecemento, arrastrando a industrias auxiliares e facendo da cidade a máis industrial de Galicia.

O mesmo sucede coa paisaxe.  A necesidade de estradas fai que por todos os lugares xurdan novas infraestruturas, dende grandes autovías a pequenas estradas secundarias. A comunicación de calquera casa por estrada era unha nova necesidade. Moitos miles de millóns de Euros, pesetas por entón foron investidos ata chegar a onde estamos. Moito foi o traballo que se desenvolveu durante anos. Era unha carreira meteórica. Cando xa tiñamos a vía de comunicación, xa se quedaba curta, e empezaba outra mellor, capaz de satisfacer as novas necesidades de chegar antes e de forma mais segura.

Nun exercicio de imaxinación, pensemos como sería a paisaxe sen o automóbil, ou sexa, a paisaxe hai menos de 100 anos. Imaxino os pobos con corredoiras e camiños de terra, e moi poucas estradas e malas para unir so os grandes núcleos urbanos.

Do mesmo xeito que o coche marca a nosas vidas, tamén o fai a televisión. Unha das primeiras que recordo é a que tiñamos na escola do grupo escolar de Penouzos.  A media maña, como si se tratase de parte da formación podíamos ver algún noticiario. O certo é que non recordo cal era o programa, pero supoño que serían noticias.

Pronto empezaron a espallarse por todos os fogares e aí estaba o cambio. Outra transformación que pouco a pouco vai minando a nosa forma de relacionarnos.

Os nenos xa empezábamos a dedicar tempo a ver os debuxos animados, series, e como non, as películas do fin de sema. Era parte das nosas vidas e dos temas de conversa cos amigos. Unha  ventá  estábase  abrindo ó mundo. Unha ventá pequena e posiblemente con unha visión parcial pero ferramenta de coñecemento.

Como foi a radio tempo atrás, a televisión, é unha nova compaña que para moitos fai mais levadeiras as longas noites de inverno. Nos comezos so se podían elixir dúas canles, pero iso xa é historia.

Dise que nosos avós creceron coa radio, nós coa televisión, nosos fillos con internet. ¿ Con que crecerán nosos netos?.

Que gran invento!!!  Que instrumento de manipulación!!!.

E, como derradeiro invento, pero no por iso menos importante, é o teléfono e todas as variantes, porque hoxe dicir teléfono, internet, tablet  son matices sobre un mesmo concepto de comunicación.

Recordo que con 7 anos, e isto foi xa fai moito tempo, lía un libro onde se aventuraban a dicir como sería a vida no futuro, chamándolle futuro o ano 2000, que para nós xa é pasado. Falaban de que habería teléfonos móbiles integrados nos reloxos con posibilidade de ver con quen falabas. Certamente isto nos anos 60-70 era ciencia ficción, pero a realidade como xa sabemos, sempre a supera. O limite e a imaxinación.

O teléfono como tal, xa foi un gran avance. A posibilidade de falar a distancia abre un novo mundo de posibilidades que dificilmente hoxe poderiamos imaxinarnos un mundo sen esa posibilidade.

Nos anos 60 en Seixalbo instalouse o primeiro teléfono. Outra transformación estaba en marcha. Pero si iso foi algo relevante, que dicir do teléfono móbil e internet.  Para min sendo todos estes cambios importantes, realmente considero que este é unha revolución tecnolóxica e social de primeira magnitude.

Nos anos 80 empezan a verse os primeiros teléfonos “móbiles”, por chamarlle de algunha maneira. Estaban integrados nos coches e transportábanse como un pequeno maletín. Aparellos carísimos como todas as tecnoloxías incipientes ( Unhas 300.000 pts, da época).

Pero e nos anos 90 cando empezan a verse os móbiles máis parecidos a como os coñecemos hoxe, os da primeira xeración. A cobertura era entón o reto tecnolóxico para facer posible un uso extensivo. E con estes aparellos comeza tamén o cambio social que de forma sixilosa o integramos na nosa vida.

Un dos primeiros recordos que teño de ver falar na rúa a alguén con un móbil, semellaba un pouco estraño, pero quen ve hoxe estraño falar na rúa?. O noso concepto xa mudou para adaptarse á nova realidade.

Outra fiestra ó mundo é Internet. Con pasos tímidos nos anos 90 empezaba a tecerse a rede de redes. E isto si que mudou hábitos. Moitos consumidores de televisión deixaron de dedicar tempo a ser espectadores pasivos fronte o aparello de televisión, para converterse en activos, en canto eran capaces de seleccionar o tipo de información que a cada quen lle interesa. Xa non nos conformamos con seleccionar a canle, agora escollemos a información: somos selectivos.

E con isto si que mudan os hábitos sociais. O teléfono móbil pasa a ser xa case un articulo de primeira necesidade. A partires dos 12 anos xa se poden ver os nenos facendo un uso extensivo de estes aparellos. Unha nova forma de relacionarse aparece: o chat.

A información compartida medra de forma exponencial. Enviamos mensaxes, fotos, vídeos. Compartimos información. Xorden as redes sociais, e as primeiras adiccións. Xa estamos a falar dunha dependencia preocupante no uso das tecnoloxías da comunicación.

Comparemos una sobremesa cos amigos en calquera reunión hai 10 anos e agora. Antes falábase, compartíanse anécdotas e ata se cantaba. Agora compártense vídeos , fotos e calquera tipo de información en formato dixital. Non falla. Na hora do café sempre haberá alguén que saque de móbil para mostrar os últimos vídeos recibidos, facer fotos ou calquera outra aplicación das miles que temos.

Isto e imparable. ¿Qué será o seguinte?. O futuro está pretoVivide moito e veredes moito mais. Do mesmo xeito que non todos nos poderemos adaptar os cambios. Sen dúbida.

 


Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net