Volumen 13 Número 1 ano 2013
Autor:S. Díaz
Un mundo irradiado
Autor: S. Díaz
Galego

Vivir nunha sociedade suicida por contaminación electromagnética.

Na sociedade da tecnoloxía e das comunicacións globais hai unha proliferación masiva dos campos electromagnéticos provinte de diversas fontes –wifi, dect, telefonia móbil, bluetooh, wi-max– someténdonos a niveis de irradiación e contaminación constante, nunca antes soportados polos organismos biolóxicos. Antes da Segunda guerra mundial a proliferación de contaminación electromagnética era nula, posteriormente sofre un incremento lineal, e está basicamente circunscrita a localizacións militares e contornos industriais, ata chegar á grande expansión da telefonía móbil dos anos noventa. Nese momento masifícase o uso das microondas na comunicación doméstica. Na actualidade o incremento é moi importante a raíz de todos os dispositivos sen fíos, que están continuamente conectados, e enchen bandas dun espectro electromagnético totalmente saturado, normalizado e repartido desde frecuencias baixas ata a máis alta dos xigaherz.

Ante tal aumento exponencial da contaminación electromagnética, xorden grupos de persoas de modo asociativo, con pouco peso social no ámbito da decisión lexislativa e da regulación normativa, que dubidan da inocuidade dos campos electromagnéticos e das súas consecuencias sobre a saúde humana. Achéganse á problemática desde outros puntos de vista e fóra das informacións da industria e de quen vende os aparellos electrónicos. Estes colectivos -relacionados frecuentemente con movementos ecolóxicos de defensa ambiental, do cambio climático, modelos de progreso sustentable e crise enerxética– son minoritarios fronte á maioría da sociedade que permanece en letargo e carece de xuízo e opinión sobre o tema.

Tres motivos claves permiten un rápido desenvolvemento con nula ou moi pouca oposición: a elevada complexidade técnica e de carácter interdisciplinario (biolóxico, físico, médico) que dificultan o achegamento fóra do entorno especializado; unha sociedade nunha profunda crise, cunha orde de prioridades distorsionada e centrada en exercicios de evasión mental, onde adquiren especial relevancia os asuntos relacionados co ocio e esparexemento; aparición no último lustro de dispositivos de comunicación sen fío con novas funcionalidades moi apetecibles, con confluencia de tecnoloxías e que aportan ao usuario a inmediatez e a comodidade extrema, sen ataduras, e en calquera momento.

Esta necesidade de comunicación plena, demandada pola inmensa maioría, –creada moitas veces pola publicidade e a mercadotecnia– elevada a dereito fundamental, eclipsa a mínima precaución e o respecto pola saúde, e a liberdade individual a non ser irradiado pola contaminación electromagnética. Polo tanto, nesta tesitura, os posibles riscos son desestimados e non considerados na xusta medida en canto non se aprecian dunha maneira directa, e delégase ese exercicio de responsabilidade e decisión básicos en organismos que entre as súas finalidades deberían de prevalecer a protección dos cidadás libres por riba de outros variados intereses.

Cando se queren establecer responsabilidades xurídicas polos efectos e o dano producido, é moi complexo demostrar unha relación causa-efecto, porque estamos inmersos nunha sociedade sometida a moitos contaminantes e non é fácil discernir a orixe dun problema. Igual acontece co tabaco, porén estatisticamente vese a relación entre este e certas doenzas, e ninguén dubida dos seus efectos nocivos.

Existe un primeiro sector de científicos (moitas veces con conflito de interese, traballando para as multinacionais das comunicacións ou empresas afíns, e basicamente enxeñeiros sen relación coa saúde) que afirman a total seguridade da exposición humana ás radiacións emitidas polos dispositivos sen fíos. Pretenden demostrar sen ningún xénero de dubidas o risco nulo da exposición e a inocuidade de todo tipo de campos electromagnéticos. Por unha banda, asúmese que os efectos das ondas electromagnéticas son de tipo térmico, é dicir, o único efecto que producen é un aumento de temperatura nos tecidos corporais. Suposición gratuíta e sen base científica, que simplifica todo moito. Se os efectos son só térmicos, marcando uns limites, de tal xeito que non aumente de forma significativa ou desprezable a temperatura dos corpos irradiados, xa temos seguridade. Así de doado. Garántese a seguridade establecendo valores tabulados de radiación que limitan a enerxía que se absorbe. Este é o punto actual onde nos encontramos. Pero, por unha parte, a realidade demostra de que hai moitos máis efectos que os térmicos e polo tanto só se está protexido ante o quecemento corporal. Por outra, estas enerxías son baixas (desde un punto de vista térmico e aos niveis macroenerxéticos na escala da sociedade), pero con posibilidade de alterar o normal funcionamento dos sistemas biolóxicos. Na mesma liña, a industria argumenta que tan pequena enerxía non é capaz de afectar ós enlaces moleculares, e que polo tanto non teñen repercusión sobre nós. Tema rematado. O problema manifestado neste tipo de xustificación, volve ser que se fai a presuposición de que as radiacións (facendo unha extensión das de tipo ionizante), só teñen a capacidade de interferir na bioloxía mediante cambios na estrutura molecular, e descártanse outros procesos celulares e biolóxicos (1), que son de sobra coñecidos.

Por simple lóxica non se entende como centos de científicos estudan os efectos non térmicos. Se partimos da hipótese que está demostrada a inocuidade sería perder o tempo. Como consecuencia directa, sería absurdo adicar nin un minuto máis a analizar os efectos da interacción das ondas coa materia e cos sistemas celulares. Porén, a abundante investigación que se leva a cabo sobre este tema induce a pensar que calquera argumento dos anteriores non son válidos, e non son unha realidade científica.

Por outra banda dispomos de varios miles de estudos científicos concluíntes da causa-efecto. Un dos aspectos máis salientable é a existencia de estudos epidemiolóxicos (2) nos que se atopen con resultados cando hai factores que non propician tales manifestacións: a incidencia na poboación deberíase producir a longo prazo, e os índices de radiación estanse a disparar a partir de 2007. Polo tanto, a conclusión é que estes efectos son debidos á contaminación de hai anos e que os efectos da elevación de radiación están por ver nun futuro. Incidencia que se pode agravar cando na actualidade a idade coa que se comeza a empregar os inalambricos é cada vez máis temperá (3). Situación altamente preocupante.

Ante tal cúmulo de evidencias científicas os organismos internacionais lanzan advertencias, que non molestan as grandes corporacións do mercado. A OMS, aínda que moitas veces parece estar ó servizo da industria, xa incluía a advertencia sobre as radiación electromagnéticas considerándoa como posible canceríxeno para humanos (4). A Asemblea do Consello de Europa insta ós gobernos a adoptar de inmediato as medidas necesarias e oportunas para reducir a exposición dos cidadáns a todo tipo de radiación electromagnética (5). Por outra banda, o Parlamento Europeo sinala a necesidade de protexer aos nenos de calquera exposición innecesaria ás radiofrecuencias (6). Tamén a Axencia Europea de Medio Ambiente confirmou que as radiacións poden provocar enfermidades tales como leucemia infantil, tumores cerebrais, cancro de mama, alteracións no sistema nervioso central, cambios nas funcións cerebrais e danos no sistema inmunizante. Innumerables declaracións científicas destacan a necesidade de reducir a exposición e mesmamente de eliminala en grupos máis sensibles coma os nenos. Un exemplo disto é a recente Declaración de Friburgo 2012, onde os médicos e demais persoal científico solicita medidas urxentes, como protexer os fogares de exposición a fontes externas e internas, deter a expansión das tecnoloxías inalámbricas, drástica redución nos limites de radiación, cambiar tecnoloxías blindando os cables, prohibir o uso de móbil aos menores de dezaseis anos e financiar investigacións públicas independentes entre outras medidas.

En moitos países estase a debater esta problemática e xorden iniciativas para eliminar puntos de acceso a internet sen fíos e substituílos por cable, restrinxir o uso do teléfono móbil en menores, desinstalar Wifi das escolas e outras encamiñadas a baixar a exposición ás radiación electromagnéticas.

Na última revisión do grupo de traballo do estudo Bioinitiative (7), onde se revisan outros novos 1800 estudos dos últimos anos, chegan a conclusións verdadeiramente alarmantes: os efectos da radiación aparecen en danos aos espermatozoides e reprodución, efectos nos fetos, sobre o autismo, electrohipersensibilidade, consecuencias na barreira hematoencefálica, tumores cerebrais, xenotoxicidade, nurotoxicidade, efectos sobre o cancro, efectos sobre o estrés, e tamén sobre os ritmos biolóxicos naturais. Realmente non ten desperdicio o informe, e posibilita un achegamento doado a esta realidade sen necesidade dunha lectura dos estudos científicos pormenorizados. Necesítanse máis probas?

 Ante todas estas evidencias realmente estamos nunha sociedade irresponsable cara os seus cidadáns ou realmente ten un comportamento suicida.


 (1) Algúns deles: Efectos na membrana celular, transporte de catións (Cleary 1995), alteracións na bomba Na-K-ATPasa (Liu 1990); efectos nos transdutores de sinal, (Byus 1994), (Krauser 1997) ; respostas de proliferación celular (Czerska 1992).

 (2) Disciplina científica que estuda os factores relacionados coa saúde e enfermidade en poboacións sensibles.

 (3) Khurana VG, TeoC, Kundi M, Hardekk L, Carlber M. Cell phone and brain tumors. A review including the long-term epidemiologig data. Surg Neurol 2009,72:205-214.

 (4) Clasificacion no grupo 2B, 31/05/2011.

 (5) Resolución 1815 do 27/05/2011.

 (6) Resolucións 4/09/2008 e 2/04/2009.

 (7)Resume para o público (suplemento 2012) www.bioinitiative.org e a versión en traducida en www.apdr.info

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net