Volume 8 Número 3 Ano 2009
Autor:Emilio A. Quintana Fontaíña
Entroido dos sesenta na lembranza
Autor: Emilio A. Quintana Fontaíña
Galego
Festa distinta

O Entroido en Seixalbo non era unha festa máis do ciclo festeiro senón unha manifestación moi singular debido: nela estaban reflectidas as necesidades e aspiracións de todos os seixalbeses e veciños. É, pois, o Entroido a festa máis grande que nos legaron os nosos antepasados como ben recolle esta composición e na que queda patente o amor a esta efeméride:


“Entre los mozos siempre reina la alegría,
entre los mozos siempre reina el buen humor,
ay vamos, pues, ay, a celebrar esta fiesta mayor.

No queremos falsas promesas
ni que nos priven de la libertad
que queremos estar siempre juntos
cantando y bailando y armando follón”



Fai clic para agrandar...


Personalidade

Aínda que está entre a da Santa Ádega e a de San Xoán Bautista, esta festa civil sempre tratou de preservar a súa personalidade. Nos anos sesenta o Martes de Entroido era todo un espectáculo o torreiro de Seixalbo ateigado de xentes chegadas de Mariñamansa e de Ourense, que sabían ben do facer dos festeiros; e estamos a falar dun día de semana no que había que traballar na capital, aínda que no rural era o día “feriado” máis importante para as súa xentes.

Carácter festivo e social

Seguindo coas composicións, o que mellor trataba de definir o Entroido de Seixalbo é esta estrofa:
El Carnaval es Carnaval,
el Carnaval es alegría y buen humor
ay vamos sí, ay vamos, pues,
a celebrar esta fiesta mayor.

Como se ve, nesa festa, pesa máis o sentimento de pasalo ben e de pedir cousas para o ben común. Así, as críticas ás autoridades franquistas, sempre presentes en versos e parodias, provocaban o sorriso dos asistentes; cada vez que as comparsas poñían un tema candente nas súas voces, todo Seixalbo repetíao unha e outra vez deica que se deixaba filtrar no Concello e así tratar de arranxar o que pedían de mellora os veciños. Digamos, pois, que a festa tiña unha intencionalidade política aínda nos tempos da ditadura, cunha parte crítica social moi marcada.

O canto

Nin que dicir ten que había certos espazos reservados para esta faceta: nas adegas xuntábanse os “paxariños” para cantar e mollando a palleta en viño a cousa resultaba máis doada e con outra entoación. Tamén resultaba ser unha boa medicina nos días fríos de inverno o viño quentado ao lume cun pouco de azucre. O viño era un ingrediente primordial para calquera festa, e para esta aínda máis.
Ademais de boas voces, contaban coa colaboración do grande músico “o Pepiño Sánchez” (José Sánchez Paredes), que era o que musicaba as letras e harmonizaba as composicións, resultando todo moi fermoso. Tamén axudaban ao bo facer o deseño das coreografías que aínda sendo época de miseria, era dunha elegancia e gusto excepcional, reflectindo as aspiracións destas xentes ao mundo mellor. O conxunto era un espectáculo memorable.


Fai clic para agrandar...

Os ensaios das comparsas

Por outra parte, convén afirmar que os ensaios das distintas comparsas eran case un segredo dos compoñentes para que ninguén soubese nin o tema nin as letras. Para compoñer as letras e os temas tiñan a época invernal, entre o xaneiro e o febreiro, que eran dous meses case inactivos na agricultura. As xuntanzas en pendellos ou palleiras resultaban idóneas para pasar as horas e ao mesmo tempo repasar os temas de carácter social e criticar aos veciños máis insolidarios cos demais. Na radiografía da temática estaban os temas de España, do mundo, de Galicia e por último os máis achegados a Seixalbo que eran os preferidos polos veciños.

As parodias

Antes das comparsas, que, dependendo do ano podían ser dúas ou tres, sempre había unha parodia con moi bos actores onde a crítica era manifesta. Un ano trouxeran unha mesa de operacións de quirófano para tratar o mal que tiña o meco; despois de mirar e auscultalo descubriuse que o que tiña o meco era un gato adoecido na barriga. Tamén era levada a parodia ás comparsas; lembro un ano no que os compoñentes comparseiros era obrigados a beber viño branco por unha “bacinilla” ou penico de porcelana manchada pola parte de fóra de algo que resultou ser chocolate; pero o número estaba montado para o éxito. Outros anos, o que dirixía a comparsa traía unha aguillada e, pobre daquel comparseiro que non atendera a voz do director: tiña o escarmento máis que asegurado. Noutra ocasión a batuta era unha coubella ou verza grande para que se vira ben o director. Noutra comparsa o director escollía para dirixir e harmonizar as voces unha escumadeira e falaban do cocido nun ton ácido.

O Nicanor e a Paquita

O Entroido de Seixalbo ten no Nicanor e na Paquita unha institución, xa que, como parella que é, representa á familia seixalbesa e que ten raiceiras moi fondas nesta terras. Ao Nicanor e á Paquita, os mecos, sempre se lles tivo moito respecto e non se lle consinte a ninguén que os insulte ou menosprece, antes ben, pídeselles o seu apoio e protección para a festa. Como testemuñas do que acontece, teñen que estar na Praza principal vestidos coas mellores prendas que a xente ten nas casas. Ademais, era norma que cada ano os acollese un matrimonio de xente nova para así favorecer a fertilidade e a procreación e, deste xeito, non perder a longa tradición festeira.
Algúns anos, por diversos avatares da vida, non se celebrou o Entroido, pero presenza desta parella no espazo urbano sempre era patente. Tamén nalgunha ocasión apareceron os mecos ou entroidos cun fillo chamado Vicentiño, aínda que non durou moitos anos, feito recollido na copla seguinte:

“Pobre Vicentiño que morte levou
culpa do Valboa que nolo roubou.
Il facelas fíxoas, halle de pesar
porque o Nicanor ha de llas gardar”.


Cando se requiría a axuda do Nicanor e da Paquita, pedíaselle deste xeito:

“A Peña dos Chimpavasos
les pide de corazón
ao Nicanor e á Paquita
que nos conserve o humor.
Y si alguién no lo tiene
pues de Sejalvo no es,
en estas fiestas señores
la fiebre llega a los piés.”




Fai clic para agrandar...

A despedida

O martes á tardiña, despois de actuaren as parodias e as comparsas, paseábase a Paquita e o Nicanor polas rúas de Seixalbo nunha verdadeira ruada, cantando a estrofa que segue:

Ao Carnaval
todos lle queren ben
mociños e mozas
casados tamén...


E para remate, no lugar das actuacións quéimase a estrutura e a palla dos mecos agardando deica o ano novo para a súa nova vida.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net