Volume 11 Número 3 Ano 2008
Autor:Editorial
AGROMADAS DIANTE UN NOVO CURSO
Autor: Editorial
Galego
Comeza o outono, a cor amarelada das follas debuxa na paisaxe vendimas vidas a menos. É a época de saír a coller os cogomelos e xa case cheira a magosto. ¡Cómo correo o tempo! Ben, corre o tempo ou nós os humanos pasamos por el. Todo un dilema filosófico. Apenas hai uns días andabamos todos namorados da praia lucindo moreno e xa pensamos no magosto e o que lle sigue: a matanza e o Nadal.

E claro, cando se muda de estación sempre un mira cara atrás e coa nostalxia de sempre fai balance do acontecido no persoal e no colectivo. Comezamos un novo curso e hai que programar, organizarse, marcar novos obxectivos que, a poder ser, melloren os acadados.

Durante o curso que rematou en Xuño, penso modestamente, que conseguimos unha meta que dende hai moitos anos tiñamos case como inalcanzable: a publicación do libro "Seixalbo: anacos do pasado". Pode que como todo pasa tan axiña xa o teñamos esquecido, pero para os autores foi un momento de ledicia ver o primeiro exemplar nas mans, tocalo e case bicalo. Para min, persoalmente, este foi a mellor cousa que puido facer Agromadas nos anos de andaina colectiva que leva. Polo demais, durante o curso seguíronse realizando as actividades coma a do teatro e a aula de música cos festivais de Nadal e o Día das Letras Galegas. En fin, que seguindo a liña marcada hai varios anos, a nosa Asociación segue camiñando pola vida cultural de Seixalbo e por extensión no concello de Ourense.

Pero pasado o tempo e dixeridos os éxitos, sobre todo o da representación do “Rei León”, chegou o momento de afrontar un novo curso e non estaría por demais facer a autocrítica pertinente e marcarse novas metas como colectivo. Ás veces non é doado ser optimista, pode que por estar no outono. Semella que non dá chegado xente moza para substituírenos nun tempo prudencial, para aportar novas ideas dentro do marco da cultura e para axudar a marcar novos obxectivos.

É outono, si. Só hai que esperar. Chegará o inverno coas novas ideas e cos mozos e mozas que xa estiveron no verán.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net