Volume 7 Número 2 Ano 2007
Autor:Fernando Dacosta
Todos os muros de Palestina
Autor: Fernando Dacosta
Galego
A pasada edición foi a 12ª da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense). Ademais de grupos de España e Portugal acudiron de Cuba, Sáhara, Israel, un director de cine exipcio, un músico de orixe libanesa e un fotógrafo palestino que presentou unha exposición. Non puido estar o grupo teatral de Palestina. Só o actor-narrador do espectáculo, nacido en Chile e residente en Bélxica. A máis internacional das Miteus tivo que conformarse, xunto con centos de espectadores, con ver a representación de Palestina (Gaza) en DVD, escoitar ao actor-narrador e asistir a un coloquio con representantes de ACPP e o fotógrafo palestino.
Hai dous anos estivera en Ourense e na MITEU un grupo de Ramala. Pero a situación empeorou e Gaza non é Ramala.

A cooperante que foi o noso contacto en Palestina (de Asemblea de Cooperación Pola Paz) escribiu unha relación dos feitos. É a carta que acompaña este escrito.

Seguimos coa esperanza de poder traelos, de que conten a súa vida e o seu teatro mentres preto deles estouran as bombas.

Fernando Dacosta. Director da MITEU

Queridos amigos de Galicia:

Diríxome a vós para facervos chegar o que durante as últimas semanas nos ocorreu aquí, nos Territorios Ocupados Palestinos.
Fai dous meses chegounos da vosa terra unha invitación moi especial. O Festival MITEU de Ourense, propoñía que un grupo de teatro palestino puidese actuar nos vosos escenarios.
Como moitos xa saberedes, a finais de outubro o noso querido compañeiro Roberto Vila foi secuestrado durante unhas horas na cidade de Gaza. Isto provocou un gran sentimento de culpa entre a poboación gazana, que sente un gran afecto e estimación polo pobo español. Por este motivo, pensamos que debiamos convidar a un grupo de aí.
A ilusión de poder conectar unha terra tan castigada como a Franxa de Gaza cun pobo tan acolledor como o galego, púxonos rapidamente en movemento.
Foron semanas de traballo duro. As persoas da MITEU, os nosos compañeiros en Galicia, as entidades e institucións que dan o seu apoio e nós desde aquí. Todos demos o mellor por conseguir os recursos necesarios para tal aventura.
Pero esta aventura tivo etapas moi difíciles e creo que é necesario que as coñezades aí.
A primeira foi conseguir un visado do Consulado Español en Israel. As persoas con cidadanía israelí poden entrar en Europa sen visado previo, pero as palestinas, non.
Aquí empezou un periplo burocrático para conseguir visados de entrada para os compoñentes do grupo. Cada documentación que o Consulado requiría, tiña que ser levada por algún compañeiro doutras organizacións internacionais ata a fronteira entre Gaza e Israel, no paso de Eretz. Unha vez alí, tiñamos que recollelo e levalo ata Xerusalén. Non foi fácil, pero despois de pedilo desde moitos lugares, o Consulado concedeu o visado aos actores.
Entre tanto, o grupo seguía cos seus ensaios e buscaba un actor que puidese ir a Galicia para traducir a obra en directo.
Despois veu a segunda etapa, levarlles os pasaportes ata Gaza de volta, e a tempo.
Cando xa os tiveron nas súas mans, veu a parte máis complicada: cruzar a fronteira de Rafah para poder pasar a Exipto e dirixirse ata O Cairo desde onde voarían destino a Galicia, previo paso por Madrid.
Jamal, Naim, Ahmed, Rami e Najah levan máis de 7 días facendo cola a partir das catro e media da madrugada esperando a ver como as portas da fronteira se abrían.
As escusas foron distintas: uns días, por motivos de seguridade, outros a celebración da independencia de Israel, outro o Día dos soldados caídos, e cada día, a porta pechábase de novo.
Perdemos a posibilidade de chegar á primeira representación. Tivemos que cambiar os billetes de avión en 3 ocasiones. E hoxe, última posibilidade, volveron a coller as súas maletas en plena noite e fóronse ata a fronteira de novo, cargados tamén coa ilusión de poder actuar en terras galegas, de saír de aquí por uns días, de facer chegar a súa obra Checkpoint a outras persoas, noutros lugares, dispostos a ver, oír, sentir con eles. A regalarlles uns aplausos e a dicirlles con eles: non estades sos. Moita xente en Galicia sofre cos palestinos.
A fronteira abriu ás 8 da mañá. O lado israelí permitiulles pasar e celebramos o triunfo. Pero aínda faltaba máis. Uns disparos e disturbios na zona internacional fixeron que o corpo observador europeu, o EU BAM, decidise pechar a zona e evacuar ao persoal internacional.
Tiráronnos para atrás.
Xa non podemos facer máis.
Nesta desesperación, e apurando os últimos intentos, conseguimos contactar co Oficial ao Mando da EU BAM quen, por sorte nesta aventura, é español.
Agora mesmo non sei se cando esteades escoitando estas palabras hoxe á tarde, a fronteira terá aberto. Se é así, aínda lle quedarán moitas cousas por facer: cruzar ó lado internacional, chegar ao lado exipcio, esperar o autobús especial das forzas exipcias que deciden cando saes da fronteira. Conducilos neste autobús de seguridade especial, coma se fosen terroristas, ata o calabozo do Aeroporto do Cairo. Así trata Exipto aos palestinos. E alí deberán permanecer ata que saia o seu vo. Se por fin conseguen subir ao avión (levarán entón máis de 30 horas sen durmir nin descansar), voarán ata Madrid, onde lles esperará un autobús, acompañado do actor chileno que os vai traducir. Durante o traxecto ata Galicia, deberán practicar con este actor os momentos e o ritmo da tradución para poder saltar dos seus asentos directamente ao camerino, onde se maquillarán e vestirán para deslizarse ata o escenario. Se é así e estades a piques de ver a súa representación, tede presente en cada escena, todo o que viviron ata chegar aquí.
Se a fronteira permanece pechada esta tarde, e coido que así será, non vos queda outra visión que o que as miñas palabras vos contan. Poñédelle imaxe coas fotografías de Khaled Jarrar. Son o mellor reflexo do día a día que vivimos. Da humillación que supón un Checkpoint, da falta de dignidade humana, de humanidade, de corazón, que se respira. E do moito que o intentou un pequeno grupo de persoas que fan teatro e que simplemente querían, desde Gaza, chegar a Ourense.
Que estes feitos non queden no esquecemento. Que saibamos todos a realidade de aquí. Que non nos cansemos de ler os titulares nos xornais porque, ao fin e ó cabo, cada titular agocha historias persoais como estas. Theatre for Everybody estaba convidado a actuar na MITEU-Ourense. A ilusión de todos, a este e á outra beira do Mediterráneo, rómpese entre tanta escalada dun conflito que leva cincuenta anos ocupando as vidas de tanta xente.

Sonia
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net