Volume 1 Número 1 Ano 2004
Autor:Marosa Gómez Pereira
José Pereira Rodríguez.- Un seixalbés que chegou a ser alcalde de Ourense.
Autor: Marosa Gómez Pereira
Galego
BREVE RESEMBLANZA DO MEU AVÓ

José Pereira Rodríguez

Meu avó figurará aquí, nestas páxinas, non por ser o meu avó, senon por ter sido unha persoa destacada no ámbito político.

Del como persoa podería dicir moitas cousas máis que podo dicir del como persoa pública que foi no seu momento. Con el convivin ao longo dos meus primeiros 13 anos de vida, pero por entón era o señor Pepe, había moitos anos que a súa presencia na escea da política desaparecera, sen embargo, non todo o mundo se esquecera do seu paso pola alcaldía de Ourense. Foi así, como falando cun avó dunhas miñas amigas, que foi coetáneo del, me falou do seu breve paso pola alcaldía, para dicirme que fora un home de consenso, é dicir, a gusto de conservadores e liberais, sen que puidera dicir del si estaba nun bando ou noutro, por iso, fora proposto por dúas veces para ocupar o sillón municipal.
Lendo a necrolóxica do seu fallecemento, o cronista o sitúa exercendo o labor de alcalde nos anos 19 ou 20, e logo o volve a situar dentro da política municipal exercendo de concelleiro no ano 1934. Pero eu tamén conservo outra reseña do xornal "La Región" da sección que recorda o que aconteceu hai anos, e trátase dun pequeno bando que transcribo literalmente xa que é curto. Dice así:

EDICTO DE LA ALCALDÍA

No habiéndose podido celebrar, debido al temporal de lluvias, la feria que todos los meses tiene lugar en nuestra capital, queda aplazada para el día 11.
Lo que se hace público para conocimiento de todos.
Orense, 7 de noviembre de 1916.
El alcalde, José Pereira.

Iste breve bando, sitúa ao meu avó, José Pereira Rodríguez exercendo as súas funcións como alcalde nun período anterior ao sinalado polo cronista da súa necrolóxica, víndose así a confirmar o que o seu coetáneo o Sr. Benito Ramos, avogado, xa falecido, me comentara a mín, cando eu frecuentaba a súa casa da rúa do Progreso.
Por veciños de pobos aledaños, que acudían aos enterros dos meus familiares, sei que foi un home moi apreciado, xa que por ser un conveciño e ademáis un home de pobo, coñecía os problemas que podían afectar e afectaban de feito a cidadanía máis alonxada do centro urbano e que tivo especial interés en favorecer actuacións políticas concretas que arranxaran problemas cotidiáns dos veciños, en Seixalbo mesmo, conseguiu que se acometera o alcantarillado.
Pola súa forma de ser, non dúbido de que foi un home que serviu o mellor que puido, e dentro das posibilidades que tivo, á cidadanía, e que non se serviu en absoluto do seu posto para o seu propio beneficio. A miña mamá, sempre me contaba unha anécdota que deixa moi claro o carácter do meu avó e o seu criterio respecto a saber diferenciar o que era de carácter público co que era privado, cousa que non estamos acostumadas a ver, hoxe en día. Contábame ela, que moitas veces, cando o meu avó retornaba da alcaldía cara o seu domicilio, en Seixalbo, o facía no coche oficial, e pola estrada atopábase a familiares directos, e o dicir directos falo da miña avóa ou dalgún fillo ou filla, que facían o traxecto a pé, pois el nunca mandou parar o coche oficial para recóllelos, e cando algún fillo ou filla lle reprochaba porque non o facía, nunca a miña avóa, el sempre dicía que o coche oficial era para o alcalde, non para a súa familia. Así que ningún fillo ou filla, puido endexamáis presumir ou gabarse de ter montado no coche do señor alcalde.

De todos istes anos que pasou adicándose a ser alcalde, el conservaba un recordo moi especial, aínda que sexa o máis frívolo, pero hai que comprender o que seguramente supuxo para el, un home de pobo, aquel acontecemento, e foi un xantar cos reis, no que el estivo sentado a carón da raiña, iso o facía sorrir, comentaba que era unha muller moi elegante e moi guapa. Isto nos fala tamén do seu lado humano, sensible e o mesmo tempo honrado por ter acompañado a tan ilustres persoas nunha celebración, que de non ter sido alcalde non houbera tido semellante oportunidade na súa vida, igualiño que o resto dos mortais, e nen sequera os vería en papel couché, xa que entón non había revistas do corazón, e creo que el, tan austero como era, non despilfarraría os cartos en nada polo estilo.

Iste meu avó, que recordo sempre, alto e delgado, co seu pantalón de pana e a súa camisa raiada, sentado nalgunha pedra da carretera ou ao pé da casa, parco de palabras, pero nunca unha máis alta que a outra, discreto, que pisaba sen que as súas pegadas se escoitaran como sen querer que se notara a súa presencia, era un home extraordinario, e sempre está no meu corazón, pero como se trata de falar del como home público, aí queda o pouco que sei de don José Pereira Rodríguez, alcalde de Ourense, alá polos anos 1916-17? E de novo polos 1919 ou 1920, e concelleiro no ano 1934.
Marosa Gómez Pereira
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net