Volume 3 Número 1 Ano 2006
Autor:Irene González Seara
ANDRÉS E A MAXIA
Autor: Irene González Seara
Galego
A historia que vos vou contar sucedeu de verdade. Ben, de verdade, de verdade, non. En fin, non é doado de explicar. Mellor lede o conto ata o final e xa veredes.

O protagonista desta historia é un rapaz especial: non lle gostaba nin o fútbol nin o baloncesto nin a play. A él o que lle gustaba era ler e reler historias de meigas, de feitizos... Encantáballe todo o que tivese que ver coa maxia. Era a súa obsesión.

Un día coma moitos outros foi dar o seu paseo polo bosque ata unha pequena casiña derruída, que lle encantaba. A súa avoa contáballe historias de cómo lle gostaba tamén a a ela cando era pequena a casa dos morcegos, que así lle chamaba. Ó chegar a casiña atopou a unha vella sentada ó sol. Tiña un aspecto raro e tamén mirada estraña, diferente, como as meigas dos contos. Andrés quedou calado e sorpredido, sen saber que facer. Ó cabo dun intre o sol deulle a Andrés na cara e cando puxo a man na fronte para ver mellor, a vella xa non estaba. Entón sentiu unha sensación rara no peito, como unha luz. Seguro que era unha vella meiga que antes de morrer lle traspasara os seus poderes. Sabía que estas cousas pasaban polos contos que lle contaban cando era pequeño. Fixo a proba: mirou fixamente para un caxato que estaba no chan e o caxato levantouse un chisco do chan. Si! Tiña poderes! Cando por fin foi consciente do acontecido voltou á casa moi contento, pensando en todo o que podería facer a partir de entón.

Os seus pais xa o esperaban para cear. El non deu palabra. Apurou a cear e foi para o seu cuarto. Nese momento, Andrés prometeu que endexamais diría o que ocorrera nin que tiña maxia, pois era un segredo moi importante. Esa noite non durmiu pensando no que faría ó día seguinte. Pola mañá ergueuse cedo, almorzou un bo tazón de leite con cereais e marchou a practicar as súas habilidades: ía trocando a cor os pobres paxaros, e tamén fixo aparecer un xeado nas súas mans e moitas máis falcatruadas. Sentíase tan feliz que desexaba contarllo a alguén, pero recordou a súa promesa. Logo botou unha soneca, xa que pola noite non pegara ollo. Despois marchou para a casa e pasou o día facendo pequenas probas no seu cuarto.

Ó día seguinte foi contento á escola pois tiña un bo plan. Nada mais chegar a clases sentou. Cando a profesora de inglés entrou e intentou tomar asento quitoulle a cadeira e case cae. Todos escacharon coa risa. Á hora do recreo, no patio, Andrés sorprendeu a todos marcando goles: xogar ó futbol xa non lle parecía aburrido, sobre todo se era capaz de marcar goles. Logo da escola foi cara a casa con algún remordemento polo que lle fixera á profe de inglés: non estaba ben empregar a maxia así.

Na casa fixo os deberes, sen lembrar que podía facelos con maxia. Ceou espaguetis, a súa comida preferida, deu as boas noites, vestiu o pixama, achegou un libro coa súa maxia e púxose a ler. Sempre lía cando tiña medo, é dicir, todas as noites. Pero aquela noite facíao por gusto: non había nada que temer. Cos seus poderes estaba a darlle á súa vida un xiro de dobre volta. Pronto se quedou durmido coma unha pedra. Soñaba con todo o que podía facer se quixera: dende copiar nos exames ata facer o ben na terra. Envolto na noite coma se fose unha manta azul que o acariñaba baixo a luz das estrelas, soñaba placidamente.

Chegara a fin de semana. Que rápido pasaran os últimos días! O seu pai mandouno estudiar, pero el coa axuda da súa maxia convenceuno para que o deixara saír a xogar.

Indo cara o parque atopou uns rapaces que sempre o insultaban por xogar mal o fútbol e porque Andrés non era coma eles. Normalmente daría media volta, porque lles tiña medo. Pero hoxe, coa axuda dos poderes, fixo que marcharan co rabo entre as pernas: mirounos fixamente e tres deles marcharon, pero un seguiu a amolalo. De súpeto soltóuselle o cinto e os pantalóns caeron como por arte de maxia, nunca mellor dito, e diante dunhas mozas! Que risa! Logo estivo un anaco nos columpios e ningún dos mangallóns o botou fóra coma facían antes. Que bo era ter poderes!

Xa na casa subiu pronto para o cuarto. Estaba canso: se coñece que ter poderes era esgotador. Durmiu coma un anxo. Durante a noite veuno chamar un trasno:

· Andrés, Andrés.- Dixo o trasno en voz baixa.
· ¿Eh? ¿Estou soñando?- Preguntou Andrés.
· Ssshh!!! Ven ó mundo máxico, á asamblea dos bruxos e das meigas. ¡Rápido!
· ¿Por que teño que ir eu?
· Parvo. Agora es un bruxo ¿recordas?
· Vale, xa irei mañá.-Díxolle, pois tiña moito sono-.
· Ven dunha vez.

E Andrés foi co trasno ó mundo máxico por un túnel. Había un montón de meigas e bruxos, ademais diso moitos trasnos. O trasno conduciuno ata unha sala, e díxolle:

· Eu son Iñigo, chámame para o que queiras e aparecerei ó teu carón. Este será o teu cuarto.
· Iñigo ¿por qué estou aquí?
· Vaise tratar en asemblea un tema importante. Prepárate: a reunión, empeza dentro de dez minutos. Voltarei para buscarte.

Andrés estaba preocupado: alí todo era moi raro. Ó cabo dun anaco Iñigo entrou no cuarto e levouno á sala da gran reunión. Nada máis sentar un mago coa barba branca comezou a falar:

· Convoqueivos aquí para resolver un problema. O menor, Andrés, non debería estar no mundo humano: os magos non poden vivir cos humanos. Pero el ten alí a toda a súa familia. Por iso pregunto: ¿qué facer?.
· Eu digo, que o menor debe estar cos seus pais.- Dixo unha meiga e outros moitos dixeron:
· Si, si. Ten razón.
· Eu penso que debe estar no mundo máxico, pois por algunha razón se lle concederon poderes. -Dixo un mago.
· Si, si, claro. –Dixeron outros-.
· O menor voltará ó mundo humano sen maxia. -Sentenciou o mago da barba branca despois de pensalo-. ¡Iñigo! Leve o menor ó seu cuarto do mundo humano.
· Pero, pero... é inxusto. Eu quero ter maxia. A maxia está a cambiar a miña vida. Xa podo xogar ó fútbol sen que escachen de risa os amigos, xa non se meten comigo e ademais non teño medo polas noites.- Dixo Andrés enfadado.
· Non, Andrés. Todo iso puidéchelo facer ti soíño, porque crías que tiñas poderes. Debes voltar ó teu mundo e pensar que es alguén moi especial. Todo sairá ben. -Díxolle o mago das barbas brancas-.

Cando Andrés espertou pola mañá deuse conta de que xa non tiña poderes e que tiña que arranxar os seus problemas como puidese, sen maxia. Intentou explicarllo a súa nai, ó seu pai e tamén min, que son a súa irmá pequena... pero ninguén creu a súa historia. Dixemos todos: “Xa está Andrés e a súa fantasía”. “Non deberías estar sempre a ler neses libros” dixo a mamá. E Andrés pensou que tal vez todo só fose un soño que tiña que esquecer, que sería moi fermoso ter poderes, pero que de momento tiña que seguir a súa vida sen maxia, pero sen tantos medos, porque el, con maxia ou sen ela era especial.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net