Volume 6 Número 1 Ano 2007
Autor:Jesús Bande Cid
A VIVENDA
Autor: Jesús Bande Cid
Galego
Xa pasaron aqueles anos, en que se podía mercar un piso, por sete millóns das antigas pesetas.

Moitos eran os que pensaban "Xa baixarán!"; pero nunca baixaban , mais ó contrario, cada día facíase máis difícil mercar o que posiblemente sexa a compra máis importante da nosa vida, (polo menos en canto a prezo).

E así pasaban os días e aqueles pronósticos baixistas non se cumprían nunca, e por fin un día, xa desesperados, embarcabámonos e alí estabamos no banco, con máis medo que outra cousa. E desde ese momento, como cambiaba o conto! Xa non pensabamos igual, aquilo de "xa baixarán!", trocábase de súpeto en "Isto ten que subir moito máis!". Eran máis as ganas de que así fose que a verdadeira realidade.

O certo é que dende entón o sector da construcción está imparable. Un auténtico fenómeno social con todo tipo de repercusións.

De tipo económico:

Moitos son os empregos que este sector xerou, tanto directos como indirectos. Albaneis, canteiros, carpinteiros, pintores, decoradores, electricistas... E o máis importante, especuladores! Unha nova profesión, que sen dar ningún tipo de valor engadido ó producto, é o que máis beneficio obtén, e simplemente apostando a que os pisos suban. Como se pode supoñer, ata o de agora o risco foi pequeno.

De tipo político:

Unha variable importante neste negocio é o valor do chan. E aquí xurde o poder político e o amiguismo que, coñecendo á persoa indicada e tras un acordo, podemos facer que una leira triplique o valor cunha simple “recalificación urbanística”. Claro está que isto non se pode facer de xeito moi descarado, pero en Seixalbo debido á proximidade á capital, pertenencia ó concello, e falta de criterios claros, debe ser doado de conquerir.

Unha auténtica proba de integridade á que se ven sometidos algúns dos nosos políticos, e que non todos superan. Desgraciadamente son moitos os casos coñecidos ultimamente de abuso de poder e utilización da posición política para un enriquecemento ilícito.

Pero tranquilos, que calquer persoa de a pé non terá estas tentacións. Para iso hai que ser o dono dalgún solar e relacionarse con quen corresponda. E neste punto cada quen saberá se as súas amizades son ou non perigosas.

De tipo social:

Pois tamén, como non! Unha nova clase social xurde neste eido. Aqueles que, por distintos motivos, souberon aproveitar a ocasión e, ben traballando ou ben especulando, obtiveron beneficios dignos de envexa. Teñen cartos de abondo pero, non falta nada?
Os cartos están ben, pero teñen que vir asentados baixo uns valores, e non sempre é así. Nestes casos e máis que nunca, a educación dos fillos é básica. O transmitir os valores do esforzo e sacrificio para conquerir as cousas, a responsabilidade, a honestidade. Este é o bo camiño, pero o que pense que só nos cartos está o valor, ese está perdido.

Pois ben. Xa sabemos como está o panorama e a importancia dun sector "en auxe" dende fai anos, pero o que teña que mercar hoxe unha vivenda, que fai? É o momento dos do "Xa baixarán!?"

A conclusión á que chego é que o bo momento é cando se necesita. Nin antes nin despois. Outra cousa é que custe máis ou menos esforzo o chegar a mercala.

Certo é que parece que os intereses soben, pero iso nin é bo nin malo. Porque, de que me serve que baixe o prezo, ou se manteña, se teño que pagar uns xuros maiores?

Ollo cos bancos que como decía Mark Twain "un banqueiro é un señor que che presta un paraugas cando fai sol e pide que o devolvas cando empeza a chover".
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net