Volume 1 Número 1 Ano 2004
Autor:Ledicia Iglesias Pazo
Crónica da viaxe a La Alberca
Autor: Ledicia Iglesias Pazo
Galego
A Viaxe a La Alberca

O sábado día 2 de agosto, cando máis fachendoso estaba o verán, Xestreu ten unha actuación en La Alberca. Cantareiras, veciños e amigos de Seixalbo emprendemos unha viaxe cara terras de Castela. A hora da saída dos Barreiros cumpríuse sen moito retraso: Sonia saía de traballar xustiña de tempo. Por fin chegou, e arrancamos. Nervios, inquietude, ilusión, ... invadíanos esa mestura de sensacións que impoñen os quilómetros, o descoñecido e as expectativas: todo irá ben.... somos as mellores!! A inseguridade estaba superada: coa nosa experiencia nos escenarios non temos por que temer. Malia todo, certo é que algo nos roía: Celia está en Almería, e a Nasa non nos pode botar unha man! ...Eses son os momentos nos que a confianza en nós mesmas se debe triplicar: Non hai problema, meu!

Tras horas de viaxe e de insufrible calor, achegámonos aos arredores de La Alberca, toda unha sorpresa para nós: carballos, castiñeiros, unha paisaxe moito máis verde cá mesmiña Galiza! Quen imaxinaba tal paisaxe máxica?! Así, chegamos ao noso destino. Despois de ubicarnos e de abraiarnos coa beleza da aldea, reunímonos no Teatro con Elisa, amiga e manager, e Antonio, o presidente da Asociación Cultural Cateja Teatro, para probar e arranxar luces e son: Chus dá o ton, pandeiretas, en cal toca quen?, colocación, Nati un chisquiño máis para adiante, atentas ás entradas (pairará), ás letras (que ninguén roube ningunha estrofa!), ao ritmo, concentración e ... moito ánimo! Manolo e Daniel proban coa viola e a guitarra. Todo listo. Só un último detalle: As presentacións en castelán! As 10.30: xa son horas de abrirlle ao público: esperemos que lles guste.
Tras o exercicio vocal interpretativo de case unha hora, por fin veñen as felicitacións e a relaxación; o sorriso calmado. Convídannos a uns bos pinchos na adega de Antonio, onde compartimos tradicións, traxes típicos e risas. A noite non refresca pero invita a que nos quedemos. Aquelas que teñen outras obrigas deciden marchar durmir, mentras as demais, acompañadas por Elisa e Alfredo (guías de excepción), descubrimos rincóns alberquianos insospeitados e que sempre manteremos no bucólico recordo.

O día 3 despedímonos de La Alberca, da Peña de Francia, das Hurdes e do seu encanto para dirixirnos a Salamanca, onde paseamos, nos refrescamos na catedral, buscamos ras, e tomamos moitos cafés. Chegamos a Seixalbo á noitiña.

Sen dúbida moitas cousas quedan por contar, xa que foi unha viaxe onde as anécdotas non foron poucas. Algunhas quedan aquí: Marga e os toques; Sonia e o baile; Mela e "as palomitas que migran"; Nila e a Senhora de loito; Ana "redonda a saia"; Ledicia e "somos 9, hoxe 8,falta 1"; Chus e "que llelo explique el mellor", Nati e "como rematará esta historia?".


Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadass@gmail.com
alzia.net