Volume 1 Número 1 Ano 2004
Autor:Marga Seara Pazo
José Antonio Ribera Pereira.- Un empresario de Seixalbo.
Autor: Marga Seara Pazo
Galego
José Antonio Ribera Pereira. Un traballador nato.


Case todo en Ourense está pechado: a calor acumulada ó longo de días acaba por paralizar a actividde empresarial. Pero alí estou diante dunha da primeira empresa que se estableceu na zona industrial de Seixalbo a pleno sol e, polo que vexo, a plena actividade. Hai que non se deixa intimidar por corenta graos de nada.
Entro no edificio que alberga as oficinas. O ambiente é fresco. Dúas salas parten dun amplo recibidor. Ó fondo os empregados apenas apartan a vista da pantalla un intre para mirarme. Pregunto. Aínda non chegou. Sento. Boto unha visual: tres portas anónimas, sen cartel que avise: "Director xeral" ou "Presidente". ¿Qué sería o máis axeitado para o xefe? Probablemente só o seu nome "DON JOSÉ ANTONIO RIVERA PEREIRA".

Ábrese a porta da entrada. Debe de ser un comercial, tal como adoitamos chamalos eufemísticamente.Pregunta e marcha; esta debe de ser unha desas empresas nas que poucos asuntos se escapan á decisión directa do xefe.
Ábrese de novo a porta: é el. Dirixe unha mirada cara a ambos lados do recibidor e a súa expresión parece dicir "todo en orde". Repara en min e rapidamente érgome para presentarme. Innecesario: tenme perfectamente ubicada e sabe de min todo o que precisa. Dez puntos; lembro ó presunto vendedor de antes que voltará despois; penso que non lle será nada doado colocar productos que non sean estrictamente necesarios e coa tarefa axustada á da competencia.
Xa no que debe de ser o seu despacho, unha ampla e funcional estancia á que se accede dende a porta central, ínvitame a sentar ante unha mesa redonda nun lugar discreto do despacho. Deixa a a un lado a fría mesa rectangular na que quedariamos nunha posición enfrontada e claramente establecida "eu aquí, o xefe, e ti, aí, ó outro lado". Colle unha cadeira igual á miña e senta ó meu carón. Vai un calor do demo e escorregan devagar gotiñas de humana suor polo seu rostro afable. Pasamos ao obxectivo da miña presencia, a entrevista.

-¿Por que o nome de XEIXALVO?

Percibo que entende a pregunta coma unha recriminación da grafía e tenta xustificarse. Síntome acorada polo malentendido. ¡Que obxectar a escribir o nome tal e como se pronuncia, máis aínda cando a idea data dun tempo no que o letreiro que anunciaba o núcleo de poboación rezaba pintado de azul SEJALVO! Penso en todos os ourensáns que aínda hoxe en día gostan de tomar pementos de **Sejalvo acompañados de un buen **Ribero, ourensáns que por outra banda, se poden, veranean en **Sanjenjo mellor que en **Panjón.
-"Púxenlle Xeixalvo por afinidade, porque me sinto de aquí e aquí foi onde se estableceu a empresa; e tamén un pouco porque son un sentimental sen remedio… Por que non, síntome orgulloso de que o nome do meu pobo circule polas estradas de toda España".

Buff. Menos mal que saímos do apreto. Xúrome a min mesma non facer máis intrusismo e deixar para os xornalistas este tipo de traballos. Tamén eu comezo a suar.
Escúsase e érguese para dar a orde por interfono de que poñan o aire acondicionado a máis potencia. A verdade é que o despacho préstase para ser un forno: tres grandes cristaleiras orientadas ó Sur cubertas só por venecianas. Aproveito eses breves segundos para botar unha visual. Dende aquel "centro de operacións" contróloase o que son os patios ós que dan as naves, alá, no fondo. Abaixo un camión rotulado está sendo cargado disposto a pasear o nome do noso pobo por quen sabe qué estradas. As paredes que median entre ventanal e ventanal están decoradas con grandes fotografías en branco e negro do que parecen ser escenas dos inicios na fábrica. A súa mirada debeu encontrar o obxectivo da miña, e deseguido me invita a velas máis de perto. Algo orgulloso do inxente esforzo que separa as vellas fotos, con obreiros traballando rudimentariamente debaixo duns galpóns de uralita, e a realidade actual, con grandes pontes-grúa e estupendas naves, vaime descifrando as imaxes cargadas de lembranzas. Non é para menos.

-¿Cómo se chama a empresa e canto tempo hai que se estableceu?

- "A empresa nace en forma de sociedade no ano 1966, da que formo parte xunto con outros familiareres. En 1972 ó mercar eu as outras partes, convírtese nunha sociedade limitada, da que posúo 100%, pasando a denominarse Xeixalvo:Elementos para la construcción. Pero ademais créase máis tarde Postes Xeixalvo, outra empresa independente da anterior e da que só son o propietario nun 75%; os meus cinco fillos son donos do restante 25%. Existe tamén unha terceira empresa ubicada en Zaragoza: HormiEbro".

Bromeo sobre o número de fillos. Confesa que foi a pola nena; quería ter unha filla non só porque lle gustan as nenas mais para que levase o nome de Regina, a nai que de tan neno lle faltou, e o de Mercedes, a tía que tanto fixo para que medrara con agarimo. Os que viñeron logo… xa se sabe.

-¿Qué é o que se fabrica aquí?

-"Pezas de ferro e formigón para compañías eléctricas e de ferrocarril. Temos todas as homologacións".

Fálame de pezas sunterráneas par non sei qué, pero nunca fun un lince para estas cousas. De seguro que teñen unha web, na que algún leitor curioso pode obter máis datos.

-¿A cantos homes da traballo directamente?

-En Seixalbo o cadro de persoal oscila entre cincoenta e sesenta obreiros.

-¿E mulleres? -Insinúo timidamente, mirando de esguello cara ás naves e consciente de que non debe de haber ningunha ousada que se atreva coas duras condicións-.
-Mulleres só tres, e todas aquí arriba. Comprenderás…

Comprendo, e ademais xa me vou sentindo máis solta. Xa que me atrevín con esta, vexamos cómo respira ante estoutra.

-¿Inmigrantes?

-Exactamente non o sei. É un asunto que non me preocupa porque non creo que haxa que distinguir. Ten habido moitos angoleños aquí, durante os anos máis duros da guerra; uns chamaban aos outros e este era o seu primeiro traballo en España. Sempre traballaron tamén un número importante de portugueses do Norte. Hoxe, onde hai máis inmigrantes empregados é na fábirca de Zaragoza e case todos magrabíes. Nunca puxen ningún reparo, moi ó contrario, penso que temos que axudalos. Admiro moito a toda esta xente que sae do seu pobo para mellorar as condicións de vida e lémbrome tamén de tantos galegos que se foron lonxe, moitas veces sen coñecer o idioma; eu, que son tan morriñoso…


-En cuestión de negocios ¿con quen prefire tratar, con homes ou con mulleres?

-"Indiferentemente. Coas mulleres enténdome perfectamente, acostuman a ser moi directas, tal e como a min me gusta levar as cousas en cuestión de traballo".


-E cos xoves. ¿É verdade o que se di de que non traballan coma os de antes?

-"Hai de todo e depende moito das circunstancias, pero si que é verdade que á hora de traballar non son tan sacrificados e poñen moitos peros. Claro que somos nós os que os facemos así: teñen cartos abondo para gastar, os avós danlles para os caprichos e os pais mantémolos. ¿Como han de comportarse?É normal e esperable que non queiran grandes esforzos ou sacrificios: ¿para qué se as necesidades básicas están cubertas?"

-¿Qué tal se leva cos políticos?

-"Sen problema ningún. Teño amigos do PP, do BNG…Non me importa a ideoloxía con tal de que sexan boas persoas. Ademais, crieime nun ambiente de tolerancia: o meu avó materno foi alcalde de Ourense polo partido liberal, e o meu bisavó paterno era concellal polo partido conservador. Pero levábanse moi ben, e respectábanse; mesmo o meu bisavó dicía sempre que estaba moi fachendoso de que o seu neto casase coa filla dun alcalde liberal. Logo entre os meus tíos, cos que me criei, habíaos de todas as ideoloxías, pero nunca se incomodaban pola política".

-¿Vai probar fortuna no mundo da política?

-Non, en absoluto. Nunca me tentou e non creo que me tente, basicamente porque non me interesa… Prefiro quedarme á marxe. Neste senso penso que non vou seguir a tradición familiar.

- ¿Ten despedido a moitos obreiros?

-A algúns, pero non te creas que a moitos: a miña política é poñer as cousas moi claras dende o principio, e iso evita moitos problemas. Ademais, agora cos contratos que se fan evítanse despidos. Non creas que me agrada este tipo de fórmula para contratar xente: póñome tamén no lugar do outro e a inestabilidade non é boa. Claro que teño que dicir que si que é certo en moitos casos un cambio de actitude cando alguén pasa a ter un contrato indefinido; é triste, pero é así.

-Sempre empregou a moitos homes do pobo. ¿Qué vantaxes e que inconvenientes lle ve?

- Non me supoxo inconvenientes; se acaso, moi ó principio, a algúns veciños que traballaban aquí custoulles entender que eu xa non era aquel cativiño que tiveran no seu colo e que de portas a dentro o trato tiña que ser diferente. Pero foi cuestión de aclarar as cousas: eu sempre fun moi claro e iso evita problemas maiores. Vantaxes … a de coñecelos ben e poder confiar neles.

-¿Cal foi o momento máis difícil, profesionalmente falando?

-Houbo tantos… Os principios foron moi duros. Por unha banda, eu tiña só vintedous anos e ós obreiros custáballes entender que dentro era o que coordenaba e estblecía qué e cómo había que facer as cousas.
Lembro moitos malos momentos nesa etapa, sempre dos plans de urbanismo e das licencias de construcción, porque para nós as obras eran o principal mercado.

-¿Cantas horas lle adica á empresa?

-Todas

- O pouco tempo de lecer que ten ¿a que o adica?

-¡Teño tan pouco tempo libre! Gústame moito estar so. A soidade, cando se busca, é marabillosa. Tamén me gusta o toureo e o volanteo, e, como non, o fútbol.

Non podería ser menos; de non ser así xa sería unha rara avis.

-¿A clave do éxito?

-"Moita constancia, humildade e algo de sorte; pero sempre tendo claro que esta última non chama á porta do teu despacho: hai que saír a buscala".

Dende fóra semella doado. El partía cunha clara desvantaxe: verse privado dos seus pais sendo moi neno; tiña todas as cartas para ser un perdedor e velaités: severo pero xusto, consciente dos logros pero humilde, traballador nato pero desprendido… Unha insólita mestura que, nas medidas axeitadas, nos leva a José Antonio Rivera Pereira.

Seixalbo. Agosto de 2003

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net