Volume 1 Número 1 Ano 2004
Autor:Mario González
Gracias a tecnoloxía, recuperei vivencias do pasado
Autor: Mario González
Galego
Volta ó pasado


Cando me propuxeron que me encargase de elaborar o sitio web da Agrupación Cultural Agromadas e despois dunha profunda análise da información que se ía a incorporar ó proxecto, axiña me din conta de que este sería un traballo diferente moi distinto ata os que agora desenvolvera en Publicmedia.

Unha vez que tiven sobre a mesa a estructura do mesmo e establecín os procesos de actuación, de súpeto empecei a recordar aqueles anos nos que, aínda sendo un cativo, percorría cada esquina, cada recuncho deste fermoso pobo de Seixalbo. Máis tarde, empecei a percorrer todas aquelas rúas polas que había moitos anos que non pasaba, e a través do ollo da miña cámara de fotos, empecei a viaxar no tempo. Cada imaxe, cada fotografía que disparaba, era unha invitación para voltar moitos anos atrás, para viaxar no tempo e no espacio e vivir sensacións que estaban dormidas no meu subconsciente. Nesta viaxe, asomaron escenas do pasado, vivencias compartidas con xentes que xa non están, pero que seguen vivas na película da miña infancia.

De entre todos os recunchos do pobo, a canella, a requeixada e o pasadizo da casa do Ovidio, foron os lugares que máis recordos despertaron. A panadería da miña avoa María e a tenda da canella, lembran os sentimentos máis alonxados no tempo; xa que por alí, foi onde din os meus primeiros pasos. Na tenda da canella, xunto co meu tío Xulio, xogaba interesantes partidas de futbolín. Recordo que eu era moi cativo e tiña que subirme a unha silla de madeira para poder ver o terreo de xogo; pero faciamos unha parella moi competitiva.

Agora que regreso das miñas lembranzas ¡Cómo me gustaría que todo permanecese igual que naqueles anos! Mais o paso do tempo é inapelable e cruel, e somentes os recordos seguen na nosa memoria, no noso interior. Só pido que o paso dos anos non nos roube o único que nos queda do pasado, o pracer de viaxar no tempo cando percorremos estas rúas, estes recantos. Poder facelo ó lado dos nosos fillos, ou quizais da man dos nosos netos, é algo que non podemos perder. O futuro hai que construílo paso a paso. O presente hai que vivilo con intensidade; mais o pasado é a nosa seña de identidade, é o pilar sobre o que se asenta a nosa vida e reflicte en grande medida o que somos e o que desexamos.

Dende esta columna, agradezo de corazón a oportunidade que a Asociación Cultural Agromadas me deu cando me encomendou este traballo, e tamén a posibilidade de deixar reflectido neste artigo todas as experiencias vividas no desenvolvemento do mesmo. Hai quen dí que a tecnoloxía está enfrontada coa historia; mais, gracias a tecnoloxía, hoxe podemos dicir que Seixalbo e a súa historia están vivos, e xa teñen o seu espacio na rede de redes, en internet. Deste xeito, dende calqueira parte do mundo pódese coñecer o noso pasado, o noso presente e tamén as nosas inquedanzas. Dende calqueira lugar do planeta, pódese facer unha visita virtual polo pobo e pasear coma un veciño máis polas nosas rúas.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net