Volume 10 Número 2 Ano 2010
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
A V FESTA DOS FOROS
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego

Fai clic para agrandar...

O tempo bule, pasa lixeiro diante nós, e case, sen decatarnos, imos camiñando pola vida. Esta afirmación vén a conto porque estes días vimos de celebrar a V edición da festa dos foros, e aínda parece que empezamos onte a darlle vida a este evento histórico en Seixalbo.

Pois ben, nesta quinta andaina tivemos a oportunidade de ir mellorando este evento cultural no seu conxunto. Claro que sen deixar de lado as tensións, os cabreos e os apuros de todo tipo que aparecen sen ir a buscalos. Realmente, creo que cumprimos todos os obxectivos marcados. E dado o esforzo colectivo, eu véxome como responsable desta nosa Asociación Cultural na obriga de felicitar a todos, pero facendo especial fincapé en Amelia González e Marga Seara. Pois sen o seu esforzado traballo, sería imposible seguir organizando esta festa.

Fai clic para agrandar...

Dixen que todos fomos gañando experiencia e no conxunto todo funcionou bastante ben.
Este ano a festa tivo como fío condutor o viño. E desta maneira colocamos unha prensa de fundición doada polos herdeiros de Xosé Fernández e reparada pola concellería de Perímetro Rural do noso concello.

Colocouse na entrada de Seixalbo e a súa presentación estivo realmente fenomenal. En primeiro lugar arredor deste vello aparello de prensar o viño, o membro da directiva Xosé Manuel Álvarez Pérez dirixiu unhas verbas aos presentes nas que lembramos o pasado e coa que moitos nos identificamos. El falounos do pasado, da nosa nenez e de cousas durmidas no tempo e descoñecidas para os máis novos. Descubriuse a placa e que reza: Seixalbo, foros 2010, logo cantamos unha cantiga adicada ao viño do ourensán Manuel de Dios. A continuación a comitiva acompañada de moita xente e dun grupo de música tradicional, foi tocando polas rúas de Seixalbo e visitou catro adegas onde fomos agasallados con viño do lugar. Citareinas: Rúa da Regata; adega de Hixinio Nóvoa Santás. Recanto do Muíño adega de Salomé Fernández. e Manolo Garrido; adega dos parentes de Marga Seara: o noso benquerido vasco Jesús Aguirre, xa finado, na rúa Nova e na rúa das Oliveiras adega de Adolfo Zon.

Fai clic para agrandar...

E, despois do andado, chegamos á praza do Cabido. Alí entregouse o II Premio Freire Carril que este ano lle correspondeu ao profesor D. Pablo Rodríguez Oitabén fundador do proxecto máis importante de recuperación do bosque galego na provincia de Ourense: Ridimoas.

No acto leuse o acordo do xurado pola secretaria María Jesús Pazo, e despois dunhas verbas eloxiando a traxectoria do premiado de Xosé Manuel Álvarez entregou o premio a Vicepresidenta Margarita Seara Pazo. O premiado deu as grazas, e o coro cantou a cantiga escrita para a entrega deste premio: “Este canto que nos sae do corazón...” de Manuel Herminio Iglesias.

Rematado o acto institucional, pasouse á representación escénica do acontecido naqueles anos nos que se loitaba pola eximición dos foros e que deu lugar a un xuízo que durou dende o ano 1839 e que rematou vinte anos máis tarde no 1859 co faio final. Dende aquela data os foros quedaban abolidos en Seixalbo, aínda que estiveron vixentes, máis de cen anos, no resto de Galiza.

Fai clic para agrandar...

Esta representación está dirixida por Amelia González, e os textos de Natividade Borrajo están baseados no Romance de Seixalbo de Manuel Herminio Iglesias. Nela os actores e músicos, todos veciños do lugar, combinan textos e música. E durante a mesma hai lugar para a improvisación, o que lle da certa graza e espontaneidade.

Rematada a representación, na praza do Cabido ornamentada de época e na que non faltan os postos de pementos e artesanía, baixamos para a praza maior e participamos nun concerto musical organizado pola asociación de mozos/as os Irmandiños.

E desta maneira rematou a quinta edición da festa dos foros de Seixalbo.
Parabéns para todos os membros da directiva de Agromadas e para todos os que colaboraron na celebración desta festa histórica, pois cada día que pasa, a pesares de ser un chisco máis maiores, gañamos en calidade e melloramos como pobo.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net