Volume 8 Número 3 Ano 2009
Autor:M. Herminio Iglesias Vázquez
A TRAS TENDA DO ENTROIDO
Autor: M. Herminio Iglesias Vázquez
Galego
Nun baixo dunha casa nas laxas, elas falan alto e están todas un tanto alporizadas.
Fai clic para agrandar...
Eu diría que contentas, pois moitas non se vían dende hai un tempo. Por iso, de maneira espontánea saúdanse e falan e falan con certa ansiedade de comunicación informal.
Son as mulleres da comparsa da Aguillada, agrupación que leva participando no entroido de Seixalbo dende hai 16 anos dunha maneira continuada.
Nunha mesa grande do baixo están os patróns, as tesoiras a cinta e o xiz. Todo un tanto desorganizado, igual que as distintas conversas que se mesturan creando un desorde no que os sons e as risas crean un ambiente de troula preámbulo do entroido.
Unhas falan de mercar os sombreiros no almacén de fulano que está nun lugar da rúa...Outras din: “!mira ¿Que tal me queda?” “Pois eu penso que ben”. Outras falan das cintas e outras cantan a canción do outro ano. Si, aquela da serie “O padre Casares” e que dicía: priripipí, piripi pi... O certo é que, dende hai uns dez días, os preparativos da comparsa están funcionando a toda mecha. Aínda que todas din: “¡Este é o último ano, pois xa me falta o humor e non teño gañas de troula!” Pero claro, alguén lle prende a mecha e deseguida xúntanse todas á primeira chamada: “¡A ver, que! ¿Facemos algo para o entroido, pois este ano ven baixo e temos pouco tempo?”
A medida que vai caendo a tarde e as conversas se fan máis sosegadas, alguén pregunta: “e como andan as coplas?”.
Fai clic para agrandar...
Outra contesta: “quedou de facelas a Margarita.” “¡Pois que as faga ben! e que non se esqueza de botarlle unha ao presidente da Asociación, outra ao Alcalde e tamén ó concelleiro de Seixalbo”. Outra di: “a ese non que se pode cabrear a Pura”. Deseguido outra di: “Nas coplas non vos esquezades do Furricleta e do cura”. Outra contesta: “ao panadeiro este ano non, pois morreulle o pai e hai que ter un respecto. E o noso cura, don Manuel é tan boiño que non merece a pena. Deixádeo é un anaco de pan”.
E desta maneira, conversa tras conversa, corte tras corte, co lume aceso, e picando unha lambetada de vez en cando, os vestidos escollidos vanse cosendo e tomando corpo con maior ou menor fortuna.
A comparsa da Aguillada, como dixen máis enriba naceu hai 16 anos. O nome veulle dunhas coplas dun maio que tiñan moita crítica e sorna. Lembro que criticaban case todo, incluso aos veciños de Seixalbo. Pero cos políticos tiñan unha teima especial. Esta teima tamén a tiñan co panadeiro do lugar, pois el non se quedaba atrás na competencia coas mulleres desta comparsa plenamente feminina e feminista que sae á rúa chea de calor, color e intensidade.
Cando escribo este texto andan a aprender as coplas. Claro que o primeiro que tiveron que aprender foi a música, que este ano é foránea. Digo que é foránea pois non é galega. Tróuxoa a Margarita importada das illas gregas e todas a cantan como descosidas. Aínda que uns versos levan algo de inglés créanlle certo nerviosismo, ademais xa maxinades como fan a pronunciación.
Pero elas moi animadas cantan emocionadas uns textos fabricados a golpe de crítica, meneando o corpo, posiblemente nese momento se sintan como artistas da copla ou maxinen que son nenas de vinte anos. Pero o certo é que viven a festa con intensidade moi sa.
Estas xuntanzas axudan a convivencia, fomentan a veciñanza e serven de punto de encontro para falar de tempos pasados, de modas, da prensa rosa e ate de política. Iso si, como as hai de distintas tendencias procuran ser moi prudentes.
Este ano o debate máis cómico veu cando falaron de poñer unha liga nunha perna ao estilo das mozas do salóns do oeste. Se as vedes erguendo a saia para ver como lle quedaba, ¡Vaia coña!
O certo é que outro ano máis, na tras tenda do entroido de Seixalbo, seguiuse traballando ledamente para manter unha tradición. Seguiuse traballando para non perder o humor e saír á rúa cantando e trouleando, como ten que ser coas mulleres da comparsa da Aguillada, unha formación que xa é clásica nesta festa neste lugar periférico do concello de Ourense.
Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net