Novas Agosto 2012
XXV Semana Cultural
Data: 29/08/2012

A Asociación de Veciños San Breixo organiza a vixésimo quinta Semana Cultural do 31 de agosto ao 8 de setembro.

A inauguración terá lugar en Penouzos ás 21.45 e a continuación porase en escena a obra “Érase unha vez”. Coma sempre serán os propios veciños os que encarnarán os persoaxes, dirixidos por Amelia González e Marisol Delgado. 

O día 1 de setembro haberá unha marcha en bicicleta até os Milagros e ás 9 da noite unha ruada con lume olímpico: “Olimpíadas en Seixalbo”. 

O día 2 haberá campionato de chave na Infesta e festa da escuma para os máis cativos. Ese mesmo día ás 20.30 terá lugar unha charla coloquio lo Local Central coa participación de persoas vencelladas ao asociacionismo en Seixalbo.

 Todos os días haberá actividades: dardos, xogos, fútbol, cine, andainas… A xornada de clausura das olimpíadas será en Penouzos o día 7 ás 22 horas. Para rematar, como vén sendo costume, a Cea do socio o sábado día 8 na Infesta.


Remataron as obras na Canella do Lagar e na Rúa Cega
Data: 29/08/2012

Hai uns días remataron as obras de pavimentación e saneamento na Canella do Lagar e a Rúa Cega. Velaí un paso máis na recuperación dos recantos do noso núcleo. En setembro darán comezo as obras de reparación do Curral do Eiró. Despois destas obras e de reparar as canaletas de desaugue da áreas trinta, xa deterioradas, efectuarase a sinalización de estacionamento da rúa Abelardo Arce. Seixalbo presentará un aspecto moito mellor que sen dúbida invitará a gozar e pasear polos seus recunchos.

Tentativa de roubo na Igrexa Parroquial
Data: 24/08/2012

A noite do 23 de agosto persoas das que se descoñece a identidade intentaron acceder á Igrexa parroquial de Seixalbo pola fiestra da Sancristía, forzando varios dos barrotes que a protexen. 

En marcha un novo tramo da circunvalación este
Data: 22/08/2012

Desde o día 14 de agosto quedou aberto o novo tramo da Circunvalación Este de Ourense que une Seixalbo (á altura da antiga gasolineira de Bemposta con Rairo).

 A obra foi polémica desde os comezos, no 2009, provocando protestas e manifestación dos veciños, non tanto polo trazado senón polas formas empregadas nos traballos previos: falla de información, marcación de cotas entrando nos eidos sen comunicar nada… Foron moitas as voces que se ergueron contra o proxecto, pois considerouse “un pretexto para comunicar a finca de Bemposta lugar que se situaría no centro da especulación urbanística do PXOM 2003. 

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2009/10/15/0003_8037742.htm

 Outro dos problemas da obra desde a óptica dos veciños é a falla de pasos de comunicación entre os terreos que quedan agora do lado leste, illados por un elevado terraplén. Xa con anterioridade a vía do ferrocarril e antes a estrada cortara as principais vías de comunicación que se viran afectadas polo trazado, como a antiga Verea Real e o Camiño Vello a Maceda e o Camiño a Zaín, lugar da parroquia de Seixalbo. Co paso do tempo nunca acabou por arranxarse o problema, todo o contrario, cada nova vía aberta veu a repercutir negativamente.

 http://www.youtube.com/watch?v=vQwrgSvkAzw

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net