Agromadas ante unha nova etapa

A vida de Agromadas como entidade sempre xirou arredor da actividade da Agrupación Coral. Con Emilio Ferraz Sequeiros de presidente, Agromadas convírtese en Asociación Cultural.
Cando rematou o curso 2001, Agromadas, tratando de poñer en marcha unha serie de actividades, afrontou unha nova organización. Esto implica que dentro da entidade caberían máis iniciativas que as estrictamente musicais.
Na actualidade Agromadas desenvolve diversas actividades dentro do seu seo. Entre as mesmas podemos destacar:

- Aula de Guitarra
- Grupo de teatro infantil Laxas de Seixo
- Aula de Teatro adultos Requeixada    

Ademais, realízanse periodicamente viaxes culturais a diversos lugares do Estado e ó pais veciño Portugal.
Por outra banda, desenvolvéronse moitas actividades culturais e musicais que trouxeron a Seixalbo os mellores coros de Galicia. Agromadas organizou dous anos o Memorial de composicion e interpretacion de Música de nova creación Anselmo Iglesias no que participaron corais de toda Galicia.
No eido de publicacións, AGROMADAS realizou diversas publicacións en papel. Así editáronse seis libros: tres de música, un de poemas e relatos ilustrados, outro de toponimia e unha revista na que se compilan os quince anos de vida da Coral; ademáis da revista dixital SOLAINA. Igualmente participou noutras publicacións feitas en Seixalbo.
A última publicación, e quizais a máis salientable é o traballo histórico-etnográfico SEIXALBO: ANACOS DO PASADO.

GRUPO DE TEATRO LAXAS DE SEIXO

Naceu o grupo de teatro Laxas de Seixo de mans de Montse Nóvoa en 1995 e dende entón teñen posto en escena unha manchea de obras. Dende 1999 Nila Caballero ocúpase da súa dirección colaborando con ela nalgunha etapa Nati Borrajo e Mónica Ferraz. O traballo que se vén realizando nesta última xeira céntrase nos máis cativos: cada curso póñense en escena dúas obriñas curtas, moitas veces adaptacións ou creacións de Nila Caballero ou Nati Borrajo, nas que os nenos poñen todo o seu empeño.Trátase de estimular a afección polo teatro formándoos paseniñamente desde cativos.





GRUPO DE TEATRO REQUEIXADA

O grupo de teatro de adultos REQUEIXADA nace en Seixalbo no ano de 2004, para recoller as inquedanzas dos veciños de Seixalbo da man de Amelia González Iglesias tratando de enlazar coas actividades escénicas que anos atrás había neste lugar do concello de Ourense.
Os obxectivos deste grupo afecionado son fundamentalmente lúdicos. Pero sen renunciar a superación permanente como meta. E camiñando na percura da recuperación dun ambiente veciñal participativo, ameno e divulgativo, e dos costumes, vivencias e tradicións pretende facerse un oco no mundo teatral dos adultos.
Ate o momento fixo seis representacións, dúas foron adaptacións de contos infantís, dúas adicadas ao Quixote e dúas máis adicadas á representación do Xuízo dos Foros, feito social acontecido en Seixalbo entre oas anos de 1839 ao 1859.
Dado o éxito obtido nestas representacións estuda a preparación de novos proxectos.

Atópanos en facebook
Asociación cultural Agromadas
Rúa Abelardo Arce Nº25
32970 Seixalbo · Ourense

agromadas@seixalbo.com
alzia.net